Arquivos da etiqueta: BNG

O BNG propón 10 actuacións onde destinar o remanente de tesouraría de Ribeira

O BNG de Ribeira considera que o remanente de tesouraría debe ser investido en dar continuidade ás políticas que foron propostas polo Bloque Nacionalista Galego co fin de que o noso concello avance un paso máis. Queremos que se rematen as obras que tiveron asignación no orzamento do 2017 para a primeira fase, mais que precisan continuidade, moitas delas tendo o consenso do resto dos grupos municipais.

Semipeonalización da rúa Rosalía de Castro e rúa de Lugo.
Suporía dar continuidade as políticas de accesibilidade e mobilidade sustentábel así coma a potenciación do comercio local, xa que o aumento do espazo para peóns permitiría un maior tránsito de persoas por estas zonas.

Remate da obra de remodelación integral do Centro Social de Corrubedo.
Consideramos que é unha necesidade para a veciñanza desta parroquia ter a súa disposición un centro social en condicións do que carecen na actualidade.

Rematar a segunda fase das obras de Partealrío, acceso ao parque infantil na parroquia de Carreira.

Recebado do muro do campo de fútbol de Carreira.

Construción dun muro de contención no lugar de Fontenla na pista que vai á Filgueira en Carreira.

Nas Rebaleiras en Palmeira, habilitar o aceso dos vehículos a todas as casas, pois, coa obra xa aprobada algunha non o terá. Como xa temos manifestado moitas veces, son prioritarios para o BNG, os servizo os básicos, por iso consideramos que debe ser incluída.

Instalación da rede de saneamento, asfaltado e renovación das beirarrúas no lugar de Iñeiras (Olveira).

Mellora do firme e das beirarrúas da estrada que vai dende a capela das Dores ata a igrexa da Santa María de Olveira.

Mellora do firme e canalización de augas pluviais na estrada que vai dende o lugar de Salmón ata o Hospital do Barbanza.

Aparcamento público nas Carolinas xa que este polo da cidade carece un espazo deste tipo que axudaría a desconxestionar o tráfico na zona.

Galiza Nova e BNG reivindican unha Galiza diversa no día LGTBI

Un ano máis, desde Galiza Nova e o BNG queremos amosar o noso recoñecemento ás persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI). O 28 de xuño é unha xornada de reivindicación para nós e debe selo para todos/as. Día de loita porque hoxe aínda non se acadou unha normalización social de respecto á liberdade e diversidade sexual das persoas e mesmo sectores da dereita e relixiosos pretenden limitar dereitos e dar pasos atrás.

É necesaria a implicación das institucións e dos poderes públicos e da sociedade en xeral para acadarmos unha normalidade plena mediante políticas de sensibilización, condena de actos discriminatorios, educación afectivo-sexual, pulo polo respecto á liberdade individual da escolla sexual, etc. Estes motivos levan a Galiza Nova e ao BNG a manifestarmos publicamente que traballamos e defendemos os dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais, pulando pola igualdade de dereitos e a normalización social de todas estas opcións de vida que aínda padecen discriminación social.

Neste ano queremos facer máis visíbel que existe unha Galiza diversa, é por isto que imos facer unha serie de murais polos concellos da Barbanza que conciencien á poboación de que é necesario avanzar no respecto e a tolerancia cara a diversidade para que calquera persoa poida amosar libremente a súa sexualidade sen prexuízos. É preciso reivindicarmos unha Galiza diversa na que non haxa discriminación por razón de orientación sexual e que se poida vivir en igualdade e respecto cara a diversidade.

O BNG consegue que Portos de Galiza vaia asfaltar o Malecón e as Carolinas

Resumo do pleno ordinario do mes de abril de 2017:

- O BNG consegue que Portos de Galiza vaia asfaltar o Malecón e as Carolinas: na actualidade a Avenida das Carolinas e a Avenida do Malecón son titularidade pública en mans de Portos de Galiza. Este ente público, que tantos terreos quere posuír, está deixando nunha situación de deterioro bastante acusado as vías das dúas avenidas mencionadas.

Desde o BNG consideramos que, se Portos de Galiza desexa ser titular dos terreos que que hoxe en día xa non teñen un uso portuario, non só debe selo para ter os beneficios que lle reporta o cobro de taxas á hostalaría pola colocación das terrazas, senón que tamén debe selo para cumprir coas súas obrigas de manter en bo estado de mantemento o firme da principal estrada de acceso ao casco urbano de Ribeira.

Cabe lembrar que o Concello de Ribeira xa corre co custo da limpeza e da iluminación desta zona por ser de interese xeral para a veciñanza do municipio. O concelleiro Luís Pérez Barral que defendeu a proposta dixo “pensamos que se Portos de Galiza quere ter a propiedade destas dúas avenidas, que son as dúas entradas principais a Ribeira, debe mantelas en condicións. No caso contrario debería cederlla ao Concello de Ribeira para que sexa esta institución a que teña a titularidade para poder mantela nunhas condicións óptimas para a seguridade viaria”.

Grazas ao traballo realizado polo BNG no Concello de Ribeira e co traslado desta demanda a Portos de Galiza, informóusenos de que antes de verán será amañado o firme de ámbalas dúas avenidas. Desde o Bloque congratulámonos de que así sexa, pois as veciñas e veciños de Ribeira merecen unhas estradas en boas condicións de seguridade.

- Mellora da seguridade viaria e da accesibilidade no Porto de Palmeira: a iniciativa do BNG presentada pola edil Pilar Sampedro Laranga, trataba sobre a velocidade excesiva pola que transitan os vehículos polo porto de Palmeira, polo paseo marítimo. Tendo en conta que no mesmo se atopa un parque infantil e unha pista de fútbol, así como bastante afluencia de persoas paseando polo mesmo, a excesiva velocidade dos vehículos fan correr un risco innecesario a xente que anda polo lugar.

O paso que hai dende o parque ao paso de peóns para cruzar ata a calzada é unha chapa de ferro torta que limita o movemento dos viandantes en dito acceso e carece de lonxitude suficiente como para que unha cadeira de rodas suba ou baixe por ela con normalidade. Debido a altura excesiva que hai na beirarrúa do paseo, as persoas maiores ou con algunha minusvalía física teñen moitas dificultades para acceder a mesma. Colocouse recentemente unha rampla ao comezo do recheo mais os que viven na Arrochela ou están no parque teñen que dar un rodeo para poder utilizalo aumentando a súa vulnerabilidade ante un posible risco, pois teñen que atravesar pola calzada para poder acceder a ela.

En base a todas estas necesidades, o BNG solicitou e realizarase:

1º Poñer pasos elevados no paseo marítimo para reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a accesibilidade.
2º Poñer un paso na beirarrúa a unha altura próxima ao parque para que os veciños poidan acceder á mesma sen correr riscos.

- Outros asuntos:
- Prórroga do contrato con Ana Naya SL para a xestión do servizo público da escola infantil municipal. Aprobado cos votos a favor do PP, en contra de IPR, C’s e 2 edís non adscritos/as e a abstención do BNG, PSOE e 1 edil non adscrita.
- Convenio entre Ribeira e Porto do Son para solicitar un obradoiro de emprego con 20 prazas en total. Aprobado por unanimidade.
- Solicitude do BNG para mellorar a rede de saneamento e limpeza dunha estrada en Carreira.
- Melloras no parque infantil da Rochela en Palmeira. Aprobado por unanimidade
- Solicitada a retirada de postes na rúa Lagarto de Aguiño.
- Instalación de papeleiras na rúa do Frade.
- Colocación duns bancos no Faro de Corrubedo.

O BNG e a empresa que xestionará a nova lonxa de Ribeira reúnense para falar do seu futuro

O Concello de Ribeira é o primeiro interesado en que a lonxa vaia ben e funcione xa que iso implicará o mantemento e a creación de postos de traballo. Ante unha infraestrutura de tal tamaño é preciso atraer novas descargas. Segundo a empresa que gañou a autorización temporal para xestionar a lonxa durante 3 anos + posibilidade dun ano de prórroga, chámase UTE Lonxa de Ribeira SL.

Os representantes informáronnos de que xa se están poñendo en contacto con outras confrarías da ría arousá e con empresas que poidan ter interese en descargar os barcos no porto ribeirense.

A empresa Lonxa de Ribeira está constituída por xente de Ribeira e con experiencia de traballo neste porto pesqueiro, mais están en plenas negociacións coa confraría de Ribeira para que se integre na sociedade e poida ser parte activa na xestión da rula, pois esta entidade representa a unha gran cantidade de mariñeiros, mariscadoras/es… e para o cal se vai ofrecer unha colaboración especial ante ese carácter de entidade representativa do sector pesqueiro.

Segundo comentaron desde a sociedade a apertura da nova lonxa implicará mellorar o control do peixe e marisco que se descarga no porto e tamén se cumprirá coa normativa hixiénico-sanitarias e cadea de frío, situación que agora non se dá. A realización dos diferentes procesos; descarga, peso, trazabilidade e informatización das poxas en tempo real implicará a contratación dunhas 30 persoas. No proceso de comercialización tamén estarán presentes as vendedurías.

Segundo puidemos saber no BNG, a empresa subirá do 1% ao 3% o que lle cobra á confraría ribeirense mais está disposta a contratarlle servizos a esta entidade por valor do 2% para que non supoña unha perda de recursos económicos para as persoas socias da entidade.

Con respecto ás persoas minoristas indicouse que se lle sube o prezo que pagan en 50€ máis ao mes e que van ter unha serie de servizos tales como espazos propios de traballo.

Desde o BNG criticouse, no Parlamento de Galiza, o escurantismo e a incapacidade de Portos de Galiza e da Consallaría do Mar de poñer andar unha instalación tras investir 15 millóns de euros nese macroedificio que implica uns custes de mantemento desorbitados. Do mesmo xeito pediuse a rebaixa do aparcadoiro para que poida ser rendíbel a súa apertura.

A concelleira e responsábel de asuntos marítimos Pilar Sampedro, explicou que no Bloque apostábamos por unha xestión mixta onde o 51% do capital fose público e o 49% restante fose o sector (confrarías, empresas exportadoras, vendedurías, etc) algo que se desbotou de vez sen tan sequera estudala por parte da Consallaría ou Portos de Galiza.

Finalmente, desde o BNG solicitamos que se proceda a abrir a nova infraestrutura canto antes, pois é preciso poñer en funcionamento un investimento de 15 millóns de € que por agora permanece pechado e sen uso.

O BNG escoita as demandas da veciñanza de Oleiros

O BNG segue coa campaña de participación veciñal Parroquias con Voz, como xa sabedes o grupo municipal nacionalista visita as parroquias para escoitar e recoller as demandas da veciñanza. Estas demandas serán trasladadas ao Concello de Ribeira para que sexan incorporadas ao Orzamento de 2017. Deste xeito a veciñanza vai poder condicionar parte dese Orzamento e protagonista na toma de decisións políticas. O BNG estivo na parroquia de Oleiros.

6ª xuntanza, Oleiros

A veciñanza de Oleiros mostrou moito descontento coa intención que pretenden o goberno de instalar un novo parque biosaudábel xa que o existente non se usa. Criticaron a falta de mantemento do parque das crianzas que si é moi utilizado. Neste mesmo eido solicitaron o arranxo dos parques de Lixó, Muíños e Salmón.

En materia de seguridade viaria reclamaron maior sinalización nos entornos frecuentados por crianzas e a recolocación das marquesiñas que dificultan o paso pola beirarrúa como por exemplo no lugar da Gándara.

Outro tema importante encadrado no debate da peonalización do centro de Ribeira foi que a parroquia de Oleiros carece de servizo de transporte público propio. A única liña que pasa polo núcleo da parroquia é a que vai a Noia, cun prezo elevado e cunha regularidade moi dispersa. Oleiros é unha parroquia envellecida e moitas persoas maiores precisan transporte público para desprazarse. Desde o BNG trasladouse a proposta do grupo nacionalista de querer subvencionar as viaxes a metade de prezo, idea que foi ben recibida.

Finalmente unha demanda que nos trasladaron é a necesidade de facer pequenas melloras de iluminación, mantemento e seguridade no centro social, así como a necesidade de mellorar a limpeza dos colectores de lixo.