Cambio histórico en Ribeira. Acordo entre BNG, PBBI e PSOE

Bloque Nacionalista Galego, Partido Barbanza Independente e Partido Socialista Obreiro Español, selan un acordo para propiciar un cambio de goberno con Luís Pérez Barral á fronte

Acordo asinado polas tres organizacións:

ACORDO DE GOBERNO RIBEIRA

Nas eleccións municipais celebradas o pasado 28 de maio do ano 2023, a veciñanza de Ribeira amosou de maneira clara e contundente a súa vontade para un cambio de goberno. As veciñas e veciños concederon ao BNG 2.982 votos e 5 edís; ao PBBI, 2.794 votos e 5 edís; ao PSdeG-PSOE, 982 votos e 1 edil. A suma destas forzas políticas representan a máis do 50% do electorado de Ribeira.

Con estes resultados e para cumprir coa promesa de propiciar un cambio político en Ribeira é obriga destes grupos dar cumprimento á vontade da veciñanza explicitada nas urnas.

As persoas que asinamos este documento, en representación das nosas respectivas forzas políticas, manifestamos a nosa vontade de colaboración honesta, leal, transparente e comprometida co interese xeral do pobo ribeirense. Unha colaboración que permita a constitución dun novo goberno municipal que represente de maneira proporcional o mandato da veciñanza e que teña na unidade, a lealdade e a confianza mutua entre as forzas que o compoñen os seus piares básicos.

Con este acordo, póñense os alicerces para que Ribeira conte cun goberno que traballe pola prosperidade do municipio, a participación da veciñanza e a xustiza social.

BNG, PBBI e PSdeG-PSOE, grupos políticos asinantes deste acordo de goberno comprométense a traballar de maneira prioritaria no vindeiro mandato 2023 -2027 nas seguintes liñas de traballo:

  • Elaboración duns Orzamentos que respondan ás necesidades básicas da poboación e reduzan o dispendio no Concello de Ribeira.

  • Fomento do emprego e do dinamismo económico de Ribeira, materializando o novo Polígono Industrial de Pedras Vermellas e promovendo actuacións encamiñadas á mellora do desenvolvemento económico, comercial e empresarial do noso concello.

  • Impulso e traballo conxunto cos sectores produtivos estratéxicos de Ribeira, nomeadamente o sector do mar mediante actividades e medidas destinadas a súa proxección, dinamización e posta en valor.

  • Aumento das partidas destinadas a mantemento e limpeza das infraestruturas, das vías, dos equipamentos e dos espazos públicos.

  • Aposta polos servizos públicos para que sexan prestados directamente por parte do Concello de Ribeira, estudando a municipalización dos servizos concesionados unha vez remate o contrato.

  • Desenvolvemento dun novo modelo de concello no que se prioricen actuacións para dotar de servizos básicos – saneamento, auga potable, alumeado – á poboación.

  • Planificación das actuacións urbanas que garantan a accesibilidade universal, espazos verdes e unha correcta ordenación do tráfico que mellore a mobilidade do concello e a calidade de vida da veciñanza.

  • Democratización do Concello de Ribeira abrindo canles de participación veciñal, atendendo á veciñanza e fomentando a transparencia en todos os ámbitos da vida municipal.

  • Defensa dos servizos públicos do concello con esixencia máxima para a mellora da sanidade pública e do ensino público, demandando dende o goberno local que Ribeira conte coas infraestruturas e co persoal sanitario que precisa; así como co profesorado e instalacións educativas que necesita a comunidade educativa.

  • Compromiso coa lingua galega, coa cultura e co deporte para favorecer o deporte de base e a realización de actividades deportivas, culturais e sociais ambiciosas.

  • Desenvolvemento de alternativas de formación, ocio e participación da mocidade. Impulsando as actuacións necesarias para que Ribeira sexa un concello no que as mozas e mozos poidan estudar, vivir e traballar.

As forzas políticas asinantes deste acordo de goberno acordan realizar a seguinte estrutura de goberno:

  1. Urbanismo, Persoal, Seguridade Cidadá, Mobilidade e Normalización Lingüística. (BNG)

  2. Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal. (BNG)

  3. Infraestruturas e Obras, Deportes, Transparencia e Participación Veciñal. (BNG)

  4. Educación, Formación, Igualdade, Diversidade e Atención ás Parroquias. (BNG)

  5. Promoción Económica, Emprego e Consumo. (BNG)

  6. Servizos Sociais e Mercados Municipais (PBBI)

  7. Economía e Facenda (PBBI)

  8. Medio Rural e Servizos Municipais [saneamento, dotación auga, limpeza viaria e montes] (PBBI)

  9. Sanidade (PBBI)

  10. Mar (PBBI)

  11. Turismo, Festexos, Relacións Institucionais e Novas Tecnoloxías (PSOE)

Neste pacto de goberno BNG, PBBI e PSdeG-PSOE asinan os seguintes compromisos:

  1. Apoiar a investidura do alcalde do BNG que ostentará todas as atribucións, representación institucional, negociación con outras administracións e obrigas establecidas na lexislación vixente.

  2. Formar parte do grupo de goberno e traballar conxuntamente mantendo contacto e traballo permanente co equipo de goberno e, con carácter xeral, cando menos unha reunión semanal para abordar as cuestións do goberno municipal.

  3. Comprometerse a traballar polos ribeirenses, baixo os principios de boa fe e honradez.

  4. Participar, se así se acorda, en proxectos conxuntos que poidan afectar a diversas concellarías. Estas e outras actuacións deberán partir do acordo, a lealdade e o consenso do goberno para elevar o beneficio da veciñanza de Ribeira.

  5. Non apoiar mocións de censura nin propostas de reprobación a ningún membro do goberno, estas iniciativas serán estudas previamente. Tampouco se exercerán prácticas que poñan en risco a estabilidade do goberno.

  6. Apoiar a aprobación dos proxectos de Orzamentos municipais que se elevarán ao Pleno Municipal no mandato 2023-2027; apoiar as accións de goberno e manter a vontade de consenso e acordo entre as partes, respectando o aquí acordado e a toma de decisións coherente coa distribución proporcional das competencias.

  7. Acordar a postura a adoptar ante as iniciativas, propostas ou mocións de carácter local que o grupo de oposición ao goberno eleve ao Pleno.

Ribeira, 15 de xuño de 2023

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.