O goberno local privatiza a xestión das depuradoras cos votos a favor do PP e a abstención de PSOE e SR
Resumo dos asuntos tratados no pleno de xuño de 2021
Iniciativa do BNG para desbloquear os cartos para a construción do Club de Remo e nova biblioteca: como diciamos na exposición de motivos, Ribeira ten un Club de Remo desde xuño do ano 2013 e desde aquel ano até a actualidade foron moitos os problemas que tiveron que afrontar incluíndo varias mudanzas de localización mais sempre foron aumentando o número de remeiras e remeiros. Nos últimos anos, non só se incrementou o número de persoas socias e remeiras – actualmente chega ás 200 persoas que teñen relación co club -, senón que tamén se están acadando importantes trofeos como o de Campioas da Liga Galega de traíñas e terceira posición xeral na Bandeira da Concha en 2018, primeiro posto na Bandeira de Campioas de España, subcampionato Galego, subcampionato de España, subcampionato da Deputación, Bandeira Teresa Herrera e a clasificación como único equipo Galego na Bandeira da Concha coa sétima posición.
En non poucas ocasións escoitamos por parte dos responsábeis políticos que Ribeira é mar e a súa historia está ligada con el e desde logo no BNG cremos que isto é así, por iso cremos que desde o Concello de Ribeira se debería fomentar os deportes náuticos” asegurou o concelleiro Luís Pérez Barral. “Outras localidades están facendo fortes apostas para dotar os seus clubs de boas instalacións deportivas nas que se fomenta a actividade deportiva” e iso contrasta co pouco que fai o Concello de Ribeira.
Ribeira conta na actualidade con varios campos de fútbol tanto de herba natural como sintética e un completo complexo deportivo como A Fieiteira con piscina, ximnasio, pavillón, campos de fútbol, circuíto pump truck e en breve cun módulo cuberto de atletismo. Todo isto contrasta coas escasas instalacións deportivas destinadas ao fomento e realización dos deportes náuticos e provoca que clubs como o de remo teñan que estar emprazados nunhas instalacións moi deficientes con goteiras, humidades, frío, inexistencia de vestiarios, auga quente, espazos de estudos, etc.
Ademais do anterior, a biblioteca municipal é un servizo público de existencia obrigatoria especificada na Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e malia isto, o Concello de Ribeira non conta cunhas instalacións axeitadas pois o espazo actual comparte espazo de lectura, aula para o estudo, sala de informática e espazo para celebración de actividades. Desde o BNG entendemos que a falta de espazo para acoller diversas salas nas que dividir as súas actividades provoca serias molestias ás persoas que empregan este servizo público, ademais a súa localización enriba dun local con actividade musical tamén provoca ruído que molesta ás persoas usuarias.
A biblioteca debe ser un servizo cuxa finalidade sexa a de facilitarlle á cidadanía o exercicio do dereito á cultura e á información, polo tanto, debe ofrecer posibilidades para a dinamización, potenciación e democratización da cultura e lingua propias de Galiza. Neste sentido, son múltiples as actividades que tería que desenvolver para que funcionara como un verdadeiro centro de cultura que fomente, non só a lectura e a escritura, senón outro tipo de actividades dos diferentes eidos da cultura.
Estas dúas necesidades, a sede do Club de Remo e unha nova biblioteca, ían ser financiadas coa venda do matadoiro municipal, cuestión que foi obxecto de debate en múltiples ocasións e confirmada por parte do goberno local a través do alcalde e da tenente de alcaldía en diferentes sesións plenarias.
A cronoloxía das veces que esta cuestión foi a pleno non dá lugar a engano:
- Novembro de 2018: apróbase por unanimidade da Corporación Municipal solicitar un espazo de 800 metros cadrados a Portos de Galiza no porto de Aguiño para levantar a sede do Club de Remo e que os servizos técnicos municipais redacten o proxecto construtivo.
- Febreiro de 2019: apróbase por 19 votos a favor (PP, BNG, PSOE, C’s, IPdeR) e dúas abstencións (edís non adscritas/os) o inicio expediente extinción do matadoiro municipal para resolver o expediente de concesión da xestión do servizo público de matadoiro.
- Novembro de 2019: apróbase por 13 votos a favor (PP, BNG, PSOE) e 7 votos en contra (PBBI, SR) a aprobación definitiva da desafectación do matadoiro municipal.
- Xaneiro de 2020: apróbase por 13 votos a favor (PP, BNG, PSOE) e 8 votos en contra (PBBI, SR) o inicio do alleamento do matadoiro municipal para proceder á súa venda mediante poxa.
O BNG propuxo desbloquear estes dous proxectos pero o PP negouse
Alén das veces que foi a Pleno, en maio de 2019, o goberno municipal presentaba publicamente a nova sede do Club de Remo. Unha instalación de 1 500 metros cadrados que se construiría a carón da lonxa de Aguiño e que era “versátil e esteticamente bonita” segundo manifestaba nos medios de comunicación o alcalde. Ademais disto, o señor Ruiz aseguraba que en setembro ía procederse a facer a poxa, licitar as obras a finais do ano 2019, en xaneiro de 2020 comezarían os traballos e en xuño ou xullo de 2020 estaría finalizado o edificio. “Basta xa de falsas promesas e de seguir enredando sen avanzar, o club precisa dunha solución inmediata” recrimina Barral.
Na actualidade, a venda do matadoiro non se producirá ao ter que reclamar a apropiación indebida de terreo público por parte dunha persoa ligada ao Partido Popular. Desde o BNG cremos que é de vital necesidade acadar consensos e compromisos para fomentar a actividade física e deportiva. Así o ten demostrado o Bloque nas institucións nas que goberna como é o caso da Deputación da Coruña na que se fan esforzos importantes para dotar aos clubs deportivos dos equipamentos e materiais necesarios para a súa actividade cotiá e tamén o facemos no Concello de Ribeira apoiando os investimentos que se destinan á mellora dos equipamentos deportivos e axudas a clubs.
Esta proposta trata de darlle solución a dúas demandas que actualmente existen no concello, por unha banda trata de resolver as necesidades que presenta o Club de Remo e, por outra, avanzar na construción da nova biblioteca de Ribeira para fomentar o acceso á cultura e dotar ao municipio dunha instalación cultural axeitada ás demandas actuais. Ámbalas dúas cuestións xa suscitaron o amplo consenso dos grupos que integran a Corporación Municipal de Ribeira e así debe seguir sendo.
MENTIRAS DO ALCALDE
O señor Ruiz, acusou o BNG en semanas anteriores, a través dos medios de comunicación, de non ter idea destes dous proxectos e da súa contía. Debe pensar que o BNG pon cifras económicas para o Club de Remo de maneira aleatoria ou casual e non lembra que nos Orzamentos de 2020 xa se recollían esas cifras. Ademais o propio señor Ruiz en maio de 2019, presentaba unha imaxe do que ía ser a futura sede do Club de Remo e anunciaba que se destinarían 550.000€ a un edificio de tres andares e 1.500 metros cadrados que estaría listo no verán de 2020, ese edificio que xa pasa a prometer para o ano 2023 tal e como se recolle nunha comparecencia pública feita en maio de 2021.
Se o orzamento que o goberno local non vale tan só dous anos despois, non é culpa do BNG, é culpa da falta de planificación igual que xa ten acontecido noutros proxectos como o auditorio que comezou nos 2,5 millóns de euros co mobiliario e equipamento e acabou licitándose por 3,9 millóns de euros sen equipamento. En todo caso o BNG explicou a súa disposición de chegar a acordos para incrementar a contía. Ademais dispomos dun informe de intervención e asinado polo alcalde no que se deixa patente que se pode financiar en base ao remanente dispoñíbel ou ben que se pode optar a un crédito bancario.
O PP PROPÓN ADIAR OS TRÁMITES
A emenda que fixo o Partido Popular é directamente un insulto porque implica alongar algo que é unha prioridade. A construción do Club de Remo xa foi incluída no Orzamento do ano 2020 e o PP quere volver metela no Orzamento de 2021 do que nada se sabe e nin hai garantía de que se vaia aprobar. Ademais propoñen facer a construción mediante o fondo de cooperación da Xunta que non se sabe canto é o importe do que se vai recibir nin cando.O goberno local propón seguir mareando a perdiz para evitar dicir publicamente que para o Partido Popular o Club de Remo non importa, que pode seguir agardando indefinidamente.
O señor Ruiz rexeita esta proposta que facemos desde o BNG para o Club de Remo cando é exactamente igual á que presentaron eles no pleno de marzo no que se destinaban 400.000€ a facer un módulo cuberto de atlestismo e taekondo. O BNG votara a favor dese módulo porque o noso compromiso co deporte é claro e queremos fomentar a práctica deportiva de todos os deportes por igual. En todo caso, o PP debe aclarar por que o mecanismo que permite axilizar a construción do módulo de atlestismo e taekondo non vale para o Club de Remo.A estas alturas non era de recibo traer a pleno unha emenda como a que presentaron. Nestas alturas se o goberno traballara traerían ao pleno feitos, non emendas que só alongan os prazos e non existe garantía de que se leve adiante. Pola contra, coa proposta do BNG, os cartos estarían dispoñibles en pouco máis de 30 días e en poucos meses a construción da sede podería comezar, dándolle resposta a unha demanda moi necesaria.
BIBLIOTECA
Por último, con respecto aos 400.000€ da bibliteca sabemos que non son suficientes pero son máis dos que hai orzamentados actualmente que son 0€. Estes 400.000€ permitirían facer a primeira fase dese proxecto global para que Ribeira teña unha nova infraestrutura cultural que é tan necesaria.
A proposta para axilizar os trámites de construción do Club de Remo e da nova biblioteca foron rexeitados cos votos do PP, abstención do PBBI, PSOE e SR.
- Outros asuntos:
Aprobada a adxudicación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Couso e Corrubedo. O derradeiro paso para privatizar a xestión da EDAR de Couso e Corrubedo foi aprobado cos votos do PP, abstención de PSOE e SR e votos en contra de BNG e PBBI. O PP trouxo novamente este asunto a Pleno tras perder a votación no mes de maio.
O PP en connivencia coa empresa, pretende acovardar e amedrentar, baixo graves ameazas, aos representantes públicos da veciñanza de Ribeira para xustificar o atraco que supón o recibo da auga. O concelleiro do BNG, Luís Pérez Barral, expuxo que se algún posicionamento está claro e xustificado neste asunto é a do Bloque porque incluso antes de comezar o primeiro trámite para a construción destas depuradoras o BNG xa se propoñía outro sistema de depuración das augas residuais máis económico e positivo para a veciñanza.O goberno local en base a diversos informes pretendía amedrentar os grupos para que non votaran en contra da proposta que levaban a pleno. “Se o que non gaña nas urnas, pretende gañalo nos tribunais, adiante, porque o BNG estará sempre defendendo o mellor para os veciños e veciñas de Ribeira. Estamos dispostos a chegar a onde faga falta para defender, que os ribeirenses, teñen dereito a pagar unha tarifa xusta polo servizo de auga e saneamento” retoulle Pérez Barral.
O sistema que hoxe está implantado nunca tivo o apoio do BNG, nunca, porque sempe fomos defensores e defensoras doutro modelo diametralmente oposto ao que presentou o Partido Popular. Tamén pedíamos unha depuradora específica para o polígono de Xarás cuestión que o PP non foi incapaz de executar cos inconvenientes de termos que soportar verteduras ocasionais que contaminan a nosa ría como a última acontecida en outubro e que o PP se nega a investigar e a depurar responsabilidades.
Desde o Bloque sempre apostamos por outro modelo de depuración que era o de facer máis dunha depuradora e distribuídas nas valgadas naturais do territorio que sempre é moito máis económico deixar que a auga caia polo seu propio peso que bombeala desde Palmeira até Aguiño. Ese principio básico da gravidade é o que permitiría aforrar nos custos de depuración das augas, mais o sectarismo foi máis grande e o PP (co voto incluído dos membros que hoxe integran o PBBI) preferiu seguir con esta teima que obviamente ía implicar uns recibos desmesurados para a cidadanía. Estes votos decantaron a balanza por un modelo de depuración que trouxo abundantes cheiros na súa posta en funcionamento, sobrecustos que tivo que pagar a Administración pública e unha importante suba nos recibos que pagan os veciños e veciñas. Ese incremento prodúcese, en boa medida, por ter que trasladar os residuos durante 13 kms e 7 tanques de tormenta. A pesar de que o modelo non era o defendido polo Bloque, fomos o único grupo que emendou esa taxa de saneamento para deter o tarifazo que finalmente repercute nos petos de todos os veciños e veciñas facendo que paguen as decisións tan nefastas adoptadas polo Partido Popular á hora de escoller un modelo de depuración caro e ineficiente. Sen este traballo do BNG os ribeirenses pagarían 20 euros a maiores do que xa pagan.
Con respecto á xestión, o BNG defende a xestión municipal e directa. Esta proposta permitiría garantir unhas condicións laborais mellores para o persoal que atenda estas dúas instalacións. Entendemos que o mantemento propia infraestrutura realizaríase con maior precisión e faríanse todas as limpezas periódicas necesarias para evitar cheiros e que o sistema deixe de funcionar. O mantemento debe ser un dos puntos clave posto que un mal coidado da infraestrutura causará problemas á veciñanza e tamén ao medio natural.
A xestión váiselle adxudicar á Sociedad de Fomento Agrícola Castellonense, unha empresa sita en Castelló de la Plana. Esta empresa fai unha rebaixa de moi importante no prezo final e consideramos que esta rebaixa debería ser destinada a rebaixar os recibos da veciñanza porque estamos certos de que hai moitas persoas e negocios que están pasando por unha situación delicada a nivel económico e todo canto se lle poida reducir e fraccionar os impostos e taxas municipais será de grande axuda. A pesar diso, nin empresa nin concello apostan de maneira firme pola redución do custo eléctrico a través das enerxías verdes autoproducidas.
Este non é o modelo escollido polo BNG, nunca tivo o apoio do BNG e a xestión dunha infraestrutura vital para a poboación e para o medio mariño sempre debería ter xestión pública e directa non unha xestión privatizada. Estes son os motivos que fan que o BNG continúe votando en contra. Fago un chamamento ao resto de membros desta Corporación para que fagan uso do seu voto dun xeito coherente cos seus principios e non caian nas trampas dun goberno illado e desesperado que trata de gañar votacións ameazando os representantes lexítimos da veciñanza de Ribeira.
Votos a favor de PP, abstención PSOE e SR e en contra de BNG e PBBI.
Aparcadoiro do Centenario. O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, mostrouse crítico coa política privatizadora do goberno local que provocou un encarecemento nos prezos e un caos na xestión. Vázquez remarcou que o Bloque seguirá defendendo a xestión pública do Centenario para poder poñelo a disposición da veciñanza con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que merquen no comercio local. Esta medida sería positiva para o comercio local e tamén se aumentaría o número de estacionamentos públicos, algo moi necesario a día de hoxe.
Aprobouse unha proposta do PP coa abstención do PBBI e os votos en contra de BNG, PSOE e SR para estudar a viabilidade e despois decidir que se fai co aparcadoiro. O goberno local xa anunciou a súa intención de volver privatizalo e desde o BNG lembrámoslle que non imos permitir caer dúas veces na mesma pedra e que apostamos pola xestión pública directa.
Limpeza dos ríos do municipio. Aprobado por unanimidade
Creación dun mapa de servizos básicos nas parroquias. Aprobado cos votos a favor de BNG, SR, PBBI, abstención de e en contra do PP.
Control de acceso nas rúas peonís. Desde o BNG fíxose fincapé en que cómpre poñer en funcionamento os lectores de matrícula que levan instalados desde 2016 e que non se poñen en marcha pola desidia do goberno local en poñelos nas entradas e saídas das rúas peonís. Aprobado por unanimidade