O BNG reclama que Ribeira teña vivendas de emerxencia social

O BNG reclama que Ribeira teña vivendas de emerxencia social

O BNG reclama crear unha bolsa de vivenda pública en alugueiro cos activos da SAREB

Os membros do grupo municipal do BNG ribeirense, Xosé Vázquez Cobas, Luís Pérez Barral e Cruz Rivadulla rexistraron unha iniciativa no Concello de Ribeira para propoñer que Ribeira conte con alomenos catro vivendas de emerxencia social temporal. Vázquez Cobas demanda que o goberno local negocie coas entidades financeiras para que algunha das 3760 vivendas que hai baleiras no municipio pasen a ser propiedade municipal para que poidan ser empregadas en casos de emerxencia social, violencia machista, acollemento familiar, etc.

O voceiro nacionalista indicou que “é hora de que Ribeira conte con vivendas destinadas a emerxencia social” que poidan usar as familias en risco de exclusión social, persoas con problemas económicos severos ou casos de violencia machista ou de desafiuzamentos, para que teñan unha vivenda digna dispoñíbel mentres se resolve a súa situación persoal. Con esta proposta, daríase cumprimento á ordenanza de Inclusión Social do Concello de Ribeira e axudaría ás persoas máis desfavorecidas.

Bolsa de vivenda para alugueiro

Pola súa banda o concelleiro, Luís Pérez Barral, demanda que se impulse a creación de vivendas de protección oficial en réxime de alugueiro e que todos os activos inmobiliarios da SAREB (banco malo cuxas perdas asume o Estado) na Galiza, que ten en propiedade unha carteira de 2.735 vivendas, se transfiran á Xunta de Galiza. A proposta do BNG pasa por que sexa o Instituto Galego de Vivenda e Solo o encargado de xestionar estes activos “e se permita constituír unha bolsa de vivenda pública na Galiza para facilitar o acceso á vivenda das persoas e colectivos máis desfavorecidos, así como a mocidade deste país”. Pérez Barral explicou que “xa que o Estado rescatou con cartos públicos á banca, o mínimo que se debe facer é darlle un fin social a todas esas vivendas baleiras que existen no país. Facemos esta proposta que permitiría darlle unha solución definitiva a moitas persoas que corren risco de desafiuzamento e garantir o dereito da poboación a ter unha vivenda digna”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.