O BNG pide atallar o vandalismo e a inseguridade en Banda ó Río

“A inseguridade vai en aumento mentres o señor Ruiz non fai nada por aumentar efectivos da policía local”

Nos últimos días, téñense producido diversos actos vandálicos por todo  o concello, pero son especialmente graves os acontecidos a pasada fin de semana no barrio ribeirense de Banda ó Río. Alén destes actos vandálicos de cando en vez prodúcense roubos que afectan a negocios ou particulares no Concello de Ribeira, ámbalas dúas cuestións xeran problemas e inseguridade entre a veciñanza. A falta de efectivos na policía local e da policía nacional é sobradamente coñecida, distando moito do que a normativa vixente estima como recomendábel. Desgrazadamente esta situación é aproveitada por ladróns e persoas que causan estragos no mobiliario público e en bens de particulares. Só na última fin de semana foron esnaquizados retrovisores de varios vehículos, rodas picadas, envoltos con cinta de carroceiro, etc.

Malia que as directivas da Unión Europea recomendan contar cun número de 1,8 axentes por cada 1.000 habitantes, Ribeira atópase lonxe desa cifra, ao contar cun cadro de policías moi minguado. Relacionando a poboación de algo máis de 27.000 habitantes que ten Ribeira coa cifra antes mencionada de 1,8×1.000, danos que deberíamos contar con  49 axentes. O concelleiro, Luís Pérez Barral argumentou que ademais “cómpre termos en conta que Ribeira é unha cidade de servizos e cuxa poboación flotante diaria é moi superior ao padrón municipal, ao que se lle suma o incremento en datas estivais por mor do turismo”.

O BNG pon de manifesto que cando se aprobou a Relación de Postos de Traballo (RPT) de maneira unilateral por parte do PP, xa denunciaran que non se recollía a dispoñibilidade horaria que viñan prestando anteriormente os axentes da policía local, co cal ía resultar difícil cubrir baixas, servizos especiais e mesmo aumentar o servizo nocturno. Para Pérez Barral “o labor que realiza a Policía Local é positivo mais só conta cun número reducido de axentes efectivos, co que resulta imposíbel garantir a seguridade en todo o municipio”. Segundo os nacionalistas o desleixo do Partido Popular con este tema é notorio pois non fixo nada para mellorar un servizo tan importante para a poboación como é a seguridade pública malia as continuas denuncias por roubos, actos vandálicos, problemas de ruído, inseguridade, etc. “Cómpre termos en conta que ante a situación de pandemia é necesario dispoñer dun maior número de efectivos cos que facer posíbel os labores propios de vixilancia policial pero tamén do seguimento necesario para que se cumpran as normas sanitarias que eviten o aumento de contaxios provocados pola Covid-19” asegura Pérez Barral.

Coa finalidade de que se poidan coordinar de maneira efectiva os axentes das policías en Ribeira, e ante a vaga actos vandálicos e de problemas coa seguranza que padecen certas zonas do municipio como Banda ó Río, desde o BNG solicitamos que se convoque inmediatamente a Xunta de Seguridade Local e a Comisión informativa de mobilidade e seguridade cidadá para afrontar os problemas que se rexistran en Ribeira e tomar medidas efectivas para garantir a seguranza de comercios, vivendas e particulares. O BNG demanda que o concello, en coordinación coa Policía Nacional, aumente as patrullas e os percorridos que fai a Policía Local como medida de garantir unha maior presenza policial na rúa e contribúan a aumentar a seguridade polas noites, así como garantir o cumprimento das normas sanitarias evitando un aumento nos contaxios por Covid-19.

Por outra banda, o Bloque tamén se reunirá coa veciñanza de Banda ó Río para escoitar as demandas que queiran trasladar os veciños e veciñas desta zona, moi preocupados polo abandono que sofre este barrio en todos os sentidos pois rexistra falta de investimentos, problemas de seguridade, falta de limpeza, etc.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.