O alcalde ribeirense, saltando a lexislación, convocou o pleno de maneira urxente para impedir a participación de varios concelleiros
A finais do pasado mes de xullo, os grupos da oposición BNG, PBBI e SR xunto coa plataforma veciñal de afectados pola circunvalación de Ribeira, rexistraban unha iniciativa para forzar a convocatoria dun pleno extraordinario. O obxectivo desta sesión era reprobar o alcalde pola súa negativa a cumprir cos acordos plenarios e esixir a realización dun estudo técnico comparativo e independente para a mellora do trazado da estrada de Frións a Xarás. Este proxecto proposto polo BNG, máis económico, sostíbel e menor impacto social, foi ignorado sen criterios técnicos polo goberno local, para poder xustificar a idoneidade do trazado proposto pola Xunta. Isto suscitou un forte malestar na localidade chegando a rexistrarse máis de 1.200 sinaturas de veciños e veciñas que se opoñen a este proxecto do Partido Popular.
Pleno fraudulento
Segundo o regulamento municipal e a Lei de bases de réxime local, cando unha cuarta parte dos concelleiros solicitan a celebración dun pleno, este debe ter carácter extraordinario e convocarse como mínimo con dous días hábiles de antelación. O concelleiro, Luís Pérez Barral, acusou o alcalde de querer gañar unha votación vulnerando a lexislación: “Ruiz convoca un pleno urxente, dun día para outro, en lugar dun extraordinario como establece a lei, para dificultar a participación de concelleiros que teñen obrigas laborais inaprazables ou se atopan fóra do municipio”.
Ademais, Pérez Barral afirmou que estamos ante feitos moi graves posto que o alcalde aproveita a ausencia do secretario municipal para impedir que os concelleiros poidamos solicitar o seu amparo legal co que evitar a celebración dese pleno en fraude de lei.
Presencialidade obrigatoria para dificultar a votación
BNG, PBBI e SR denuncian o cambio de criterio para a realización deste pleno, posto que desde a irrupción da pandemia, o Concello de Ribeira vén celebrando todas as súas sesións plenarias de maneira telemática. A vontade manifestada en múltiples ocasións polo alcalde, así como polo resto dos grupos, era volver a celebrar plenos presenciais cando a situación sanitaria estivese normalizada.
“Pese que a situación sanitaria en Ribeira se atopa no nivel alto de restrición, o alcalde muda unilateralmente o criterio coa pretensión de obstaculizar a votación nun pleno no que se ía reprobar a conducta antidemocrática de Ruiz Rivas e do seu goberno”, aseverou Barral.
Mentres en situacións sanitarias mellores os plenos discorrían en liña, non se xustifica o cambio de criterio impoñendo agora a obrigatoriedade da presencialidade, a pesar de que a incidencia da Covid é alta; isto só responde ao capricho de gañar votacións nas que non conta con apoios suficientes.
O alcalde non sairá coa súa
Ante estes feitos BNG, PBBI e SR néganse a asistir a un “pleno fraudulento e á medida do PP” e aseguran que estudarán os mecanismos legais para que Ruiz Rivas sexa reprobado e se aprobe a realización do estudo técnico de mellora da estrada de Frións a Xarás.
One Comment on “A oposición planta a Ruiz ante unha convocatoria dun pleno fraudulento”