BNG rexistra iniciativas no Concello e no Parlamento e pide deter os recortes no CEIP Palmeira

Trala xuntanza mantida coa comunidade escolar do CEIP Palmeira, a deputada do BNG, Rosana Pérez Fernández, e os concelleiros Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral, anunciaron que no día de hoxe rexistraranse iniciativas no Parlamento galego e no Concello de Ribeira para deter o recorte de unidades educativas e redución de profesorado no centro escolar.

A pretensión da Xunta de eliminar 2 unidades de educación infantil coa conseguinte redución de profesorado, supón seguir avanzando no desmantelamento do ensino público, especialmente no ámbito rural. Para a deputada do BNG, Rosana Pérez, “a cousa queda clara cando esta decisión da Consellaría se lle comunica ás responsábeis do centro o 29 de xuño”. Este feito “demostra a intención clara e evidente do Partido Popular de evitar calquera tipo de mobilización por parte da comunidade educativa” asegura.

A comunidade educativa do CEIP de Palmeira reclama que non se eliminen estas unidades por entender que sería moi prexudicial para a calidade do ensino que se está a impartir no centro, cuestión que desde o BNG apoiamos pois tratan de defender o ensino público galego e a súa calidade fronte a onda de recortes que o goberno galego pretende aplicar.

Pola súa banda, o concelleiro Luís Pérez, argumenta que este o centro educativo conta con preto de 300 escolares, unha parte deste alumnado, ten algún tipo de necesidade educativa diagnosticada polo que se fai imprescindíbel contar co número suficiente de profesorado e cos profesionais de audición e linguaxe (AL) e pedagoxía terapéutica (PT).

Pérez Barral considera que o recorte que pretende aplicar a Consellaría de Educación, de maneira unilateral e sen ningún tipo de diálogo, é totalmente inxustificado e supón unha aberración pedagóxica e unha discriminación cara as zonas máis rurais do municipio.  “O recorte de unidades en educación infantil, de se levar a cabo, impediría o reforzo e o apoio educativo precisos que se están realizando neste momento, algo que sen dúbida, provocaría graves prexuízos á comunidade escolar” argumenta.

A dirección do centro trasladoulle aos membros do BNG a súa preocupación pola situación debido a que, pasar de cinco unidades en infantil a tan só tres, minguaría a calidade educativa, aumentaría a ratio de alumnado por aula e imposibilitaría a realización de calquera tipo de desdobre. Tampouco se podería levar a adiante os diferentes programas e accións educativas que teñen un especial impacto no alumando con necesidades especiais. Pérez Barral cre que se estaría rachando co principio de igualdade de oportunidades, xa que o alumnado con necesidades específicas precisa maior atención.

A deputada galega recorda que a Xunta de Galiza leva investidos 576.767 euros só no ano 2020 para rehabilitalo enerxeticamente. “Este tipo de obras de arranxo son necesarias pero o realmente importante é que o alumnado ten dereito a ter unha atención de calidade, sobre todo aquel que presenta algún tipo de dificultade para a aprendizaxe. Garantir esa calidade só se consegue dotando o centro das unidades, recursos e persoal necesario, polo que a redución de 5 unidades a 3 tal e como pretende a Consellaría, vai contra esa calidade da que falamos” aseverou Pérez Fernández.

Por todo iso, o BNG vai demandar que o Concello de Ribeira apoie as demandas da comunidade escolar de Palmeira, instará á Consellaría de Cultura, Educación e Universidade a manter un mínimo de catro unidades en educación infantil no CEIP Plurilingüe de Palmeira e a abrir un diálogo coa dirección e coa Anpa do centro.

2 comentarios en «BNG rexistra iniciativas no Concello e no Parlamento e pide deter os recortes no CEIP Palmeira»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.