Ribeira vai carecer de Orzamentos pola negativa de Ruiz a negociar

O 21 de novembro de 2022 celebrouse o pleno extraordinario para debater os Orzamentos de 2022. A proposta de contas para o ano 2022 tivo os votos a favor do PP, abstención do PSOE e o voto en contra de PBBI, BNG, SR polo que foron rexeitados.

A seguir reproducimos o discurso do portavoz do BNG, Luís Pérez Barral:

Os Orzamentos podemos dicir que son algo así como o DNI dun goberno e neste caso os números falan e deixan en evidencia a verborrea e a propaganda coa que o PP tenta vendernos que estamos ante uns orzamentos históricos pero, desgrazadamente, teñen moito de propaganda e pouco de realidade.

Os Orzamentos de 2022 nin son históricos, nin son os que precisa a veciñanza de Ribeira para saír desta grave crise económica e afrontar os retos que temos por diante. Máis ben ao contrario, son os Orzamentos dun goberno esgotado e sen ambición, empeñado en dilapidar cartos en grandes obras que acaban sempre multiplicando o seu prezo no canto de atender as demandas veciñais.

Señor Ruiz, vostede renuncia un ano máis a chegar ao consenso necesario para aprobar os Orzamentos de Ribeira. Dicíallo o ano pasado e volvo reiterarllo este, diálogo e  consenso, son dúas palabras imprescindíbeis en política que lamentablemente vostede parece non coñecer. Exclúenos de calquera tipo de diálogo para aprobar as contas e tan só recibimos a súa chamada hai dous días para tratar de convencernos de que se non se aproban caerán en Ribeira as dez pragas bíblicas pero no BNG somos persoas serias e sabemos o que implica aprobar ou denegar unhas contas.

O certo é que veñen aquí, ano tras ano, a dicir que farán os mesmos proxectos que anunciaron en anos anteriores e que nunca dan materializado. É abraiante que o único que saben facer é propaganda, propaganda e propaganda. Dígollo con total sinceridade, Ribeira merece máis que un comité de publicidade instalado na mentira permanente.

Contas tardías e nula vontade de diálogo


Os Orzamentos para o ano 2022 non contaron coa debida participación social e dinamitan calquera ponte para chegar a acordos. Non só manteñen a negativa a negociar cos grupos da Corporación, senón que impiden o establecemento de canles de participación suficientes para que entidades sociais, culturais, deportivas e económicas do concello poidan facer as súas achegas e construír uns Orzamentos que representen á maioría social.

O desleixo é tal, que presentan as contas do ano 2022 no momento en que deberiamos estar aprobando as contas do ano 2023. Preséntanas o 21 de novembro, 324 días máis tarde do que obriga a Lei de facendas locais. Se saen adiante, no mellor dos casos só estarían en vigor 15 días deste ano o que evidencia a súa completa irresponsabilidade.

Chegan ao punto de negarnos unha copia en papel e entrégasenos a documentación dixitalmente só 4 días hábiles antes da celebración deste pleno co obxectivo de dificultar o acceso á información e evitar que poidamos desenvolver o noso traballo de fiscalización co rigor e tempo suficientes que precisan as contas anuais do Concello.

Rexeitaron negociar a pesar de gobernar en minoría e supoño que tratarán de dicirlle á veciñanza o malos que somos os do BNG por non aceptar a súa chantaxe ou dirán que a oposición non lle permite facer as cousas pero sabe que iso non é falso.

Orzamentos que non responden ás demandas sociais


O capítulo de investimentos ascende a 10.039.000€ pero carece de credibilidade pois prevén gastar cartos en cuestións tan superfluas como crear o cuarto museo do mar na Barbanza – xa o ten Rianxo, Porto do Son e Noia -. Eu teño dúas preguntas que facerlles señor Ruiz: 1ª Acaso cren que neste momento, a prioridade da sociedade ribeirense é crear o 4º museo do mar da comarca? 2ª Comezarase por medio millón de euros e por canto rematará señor Ruiz, por un, por dous, por tres… ou farase para deixalo abandonado como a casa da xuventude tras investir 1 millón de euros?

Por  favor, saia do despacho da alcaldía e pregúntelle a calquera veciño ou veciña en que investir os cartos públicos porque escoitará ducias de propostas mellores que as que vostede nos presenta. Por que non investir ese medio millón de euros para rebaixar a taxa de saneamento e auga evitando que sexa un atraco? por que non axudar ás empresas a xerar emprego estábel? Por que non crear zonas verdes, mellorar o mantemento ou atender as demandas das parroquias?

Están tan obsesionados en seguir facendo obras novas que estes orzamentos esquecen mellorar algo que debería ser prioritario: o mantemento.  Mantemento de parques, xardíns, mobiliario urbano, beirarrúas, paseos marítimos ou edificios públicos. Cremos que é preciso incrementar esta partida antes de investir máis cartos en facer obras novas.

Seguen empeñados en facer obras megalómanas que disparan o seu prezo, como o novo auditorio que duplicou o seu custo pasando de valer 2,5 millóns de euros con todo o mobiliario e equipamento necesario para o seu funcionamento a valer 4,4 millóns de euros grazas aos 700.000 euros que inclúen neste orzamento. A maiores tamén haberá que incluír o equipamento para a súa apertura polo que, moi posiblemente, subirá a máis de 5 millóns.

Están dilapidando millóns e millóns de euros públicos en sobrecustos para despois deixar obras sen o mantemento necesario, a min dóeme ver imaxes como esta (casa da xuventude asolagada) porque ninguén con algo de sentido común faría o que vostedes están facendo. Permítame dicirlle señor Ruiz, que Ribeira non precisa un faraón, precisa un goberno eficaz que saiba gastar os cartos con cabeza.

Se falamos do tráfico, a súa política nesta materia é reducir carrís, eliminar aparcadoiros e non dar alternativa a pesar de haber 12.000 vehículos no municipio (máis os vehículos da xente que vén a Ribeira). Todo un éxito señor Ruiz á vista dos resultados atascos nas entradas e saídas do colexios, atascos no verán e atascos cando hai eventos e festexos… por non falar dos innumeráibeis problemas co transporte público que se negan a resolver.

Dígame, por que o Partido Popular tanto no Concello de Ribeira como na Xunta de Galiza se empeñan en defender a unha empresa que incumpre reiteradamente o contrato polo que recibe cartos públicos?

Desde o BNG temos claro que hai que facer unha forte aposta por potenciar o transporte público e por iso cremos que é hora de abrir un expediente sancionador e obrigar a que o transporte público funcione correctamente porque está a supoñer un trastorno importante para moitas persoas usuarias. Tamén cremos que hai que habilitar espazos axeitados e gratuítos onde deixar o coche, xa se están asfaltando os aparcadoiros disuasorios como propuxo o Bloque a pesar de que vostede dicía que non se podía facer… ve que cando acepta e aplica as propostas do BNG as cousas melloran? Imaxine todo o que Ribeira podería mellorar se gobernase un equipo de persoas eficaz e rigoroso como somos nós.

Un ano máis ignora o necesario rescate do aparcadoiro do Centenario para poñelo a disposición da veciñanza con prezos baixos. Unha medida que facilitaría onde deixar o coche a todas esas persoas que se achegan ao centro urbano e suporía un revulsivo para o comercio local.

Se falamos da circunvalación, a súa estratexia pasar por seguir adiante co proxecto decidido unilateralmente polo Partido Popular a pesar de existiren acordos plenarios para estudar o trazado alternativo proposto polo BNG. Pretende agora incluír 40.000 euros neste orzamento cando mañá vén a conselleira a anunciar que van expropiar os terreos e comezar o trazado escollido por vostedes en contra do sentir maioritario da veciñanza e desta Corporación Municipal. A quen pretenden enganar?

Se falamos de dispendio no capítulo de investimentos, observamos con asombro que van gastar 200.000 euros en realizar unha nova plataforma “smart destino intelixente” tras investir en 2013 102.000 euros nunha aplicación que deixaron quedar obsoleta. Tamén gastarán 185.000 euros en modernizar a administración despois de gastar case un millón de euros (Potenciación dos servizos da e-administración de maneira que a maior parte dos trámites se poidan facer de forma telemática, inventario de bens fundamentado nas novas tecnoloxías, app móbil de diferentes servizos públicos telemáticos) en diferentes conceptos de modernización tecnolóxica a través do plan Ribeira Atlántica. É dicir, gastarán fondos públicos en cuestións idénticas nas que xa gastaron hai anos pero que pola súa incompetencia á hora de xestionar, deben volver facelo.

Con respecto a outro tipo de investimentos, lamentamos que vaian gastar un total de 1.384.646€ en pavimentacións, cemento e levar a cabo obras de maneira unilateral como é o caso da reforma da rúa Castelao en Aguiño. A pesar de que a veciñanza se mobilizou para pedirlle consenso á hora de reformar a rúa vostede o único que fixo foi ignorar as súas demandas e seguir adiante. Gastarán millóns en facer que o cemento sexa o grande protagonista como se viu nas obras das Carolinas ou do Malecón e só, no mellor dos casos, poderemos ver que poñen herba de plástico. Cremos que a Ribeira precisa actuacións diferentes que permitan crear zonas verdes e espazos de convivencia nas que a veciñanza poida estar, pasear e desfrutar.

Orzamentos da mentira e do incumprimento


Non confiamos nas contas que nos presentan porque por moito que traten de vendelos como orzamentos históricos, os datos teñen a vantaxe de que derrotan calquera propagada. De que nos vai valer aprobar unhas contas millonarias se só van executar unha pequena parte? A xestión realizada por vostedes é nefasta e iso que contan co apio do PSOE que lles aproba as contas ano si e ano tamén. Os datos non menten: no Orzamento de 2020, lembremos que é o ano da pandemia no que a xente precisaba que o goberno local fixese todo o posíbel para axudar ás persoas máis vulnerábeis e os sectores económicos máis damnificados, deixaron sen gastar o 46% das partidas consignadas e no Orzamento de 2021 tan só executaron o 46,35% deixando sen gastar un 54% do total.

Son as contas da leiteira para dicir que se chegan a cifras estratosféricas suman fondos EDUSI, xa incluídos noutros orzamentos como os de 2017, remanentes, achegas da Deputación da Coruña deste ano e tamén do ano 2021, créditos extraordinarios e préstamos… co obxectivo de dar un titular xornalístico de que se van investir en Ribeira 32,9 millóns de euros pero ao BNG non lle colan as súas trolas porque sabemos que finalmente executarán o que queiran, cando vostedes queiran.

A cousa non acaba aí, ademais da baixa execución orzamentaria, lamentamos que haxa proxectos paralizados desde hai anos. Vexamos algúns exemplos que ilustran o que digo: Centro Social de Carreira levan 10 anos incluíndose nos orzamentos pero a día de hoxe está sen rematar (inclúen 213.000€ neste ano 2022); no ano 2008 prometeron converter a antiga escola unitaria de Corrubedo no centro social da parroquia, dez anos máis tarde, en 2018 licitouse a súa ampliación e a día de hoxe segue agardando a mellora do illamento exterior por valor de 150.000€; a reforma do parque Pedra Pateira comprometida co BNG en 2017 e da que aínda nada se sabe: a reforma do illamento do conservatorio de música prometida en 2021 para evitar as humidades ou as altas temperaturas que padecen os usuarios e usuarias e da que hoxe tampouco nada se sabe ou que dicir da tan necesaria estación de autobuses, comprometida en 2014, iniciada en 2021 e aínda non rematada.

A toda esta listaxe de incumprimentos súmaselle o desinterese que mostran para rematar proxectos importantes como pode ser o Club de Remo que leva agardando por unha sede nova desde o ano  2018 e a día de hoxe non temos nin proxecto. O BNG sempre estivo a favor, mesmo fixemos iniciativas para desbloquear os cartos e poder avanzar na construción pero o PP e PSOE bloquearon baixo o pretexto de que precisaban máis informes técnicos.

Tampouco se sabe nada dunha proposta clave feita polo BNG e aprobada en pleno como é a da nova biblioteca prevista en Orzamentos pasados pero non executada polo Partido Popular. O único que contemplan son 6.900 euros para libros.

Polígono industrial e emprego


Falemos agora de emprego. Ribeira ten a día de hoxe 1.230 persoas en situación de desemprego. Por outra banda temos un sector comercial e hostaleiro que leva sufrindo moito nos últimos anos, primeiro polas restricións da pandemia e agora por unha suba nos custos da enerxía que afecta aos negocios e tamén ás familias. Malia que desde o BNG levamos anos pedindo un Plan Local de Emprego e mesmo chegamos a presentar un con medidas positivas, o goberno só inclúe dentro dos Orzamentos prazas de carácter temporal. A única cousa positiva que vemos neste ámbito e a repetición dos bonos comercio, iniciativa promovida polo BNG en coordinación coa Asoc. Empresarios e que contou cunha acollida excepcional ao axudar a negocios e familias a realizar as compras de Nadal.

Pídennos responsabilidade aos grupos da Corporación cando en materia industrial Ribeira leva 32 anos dun goberno do Partido Popular incapaz de crear un polígono industrial. Pídennos responsabilidade despois de rexeitar o polígono comarcal que planificou o BNG cando tivo responsabilidades de goberno na Xunta e que ía estar situado a carón de Pedras Vermellas.

Ribeira pagou as consecuencias da súa irresponsabilidade, cun éxodo de empresas que marchan fóra por carecer aquí dun espazo onde instalarse. É lamentábel, que vostede señor Ruiz queira vender como éxito que un concello teña que facer un polígono industrial pola desidia da Xunta.

Non teño palabras que cualifiquen algunhas das súas intervencións sacando peito de que agora estea avanzando o polígono. Chegan vostedes 32 anos tarde e sabe por que? porque mentres vostedes estaban de brazos cruzados sucedéronse os anuncios como os de Cerqueira, Stolt Sea Farm ou Frinsa, por só citar tres exemplos, nos que informaron de que compran terreo noutros municipios para instalar factorías que xerarán 400 empregos. Son 400 postos de traballo que poderían terse asentado no municipio?

Ribeira terá polígono grazas aos empresarios e non a vostedes porque son eles os que poñan os cartos necesarios para que sexa realidade (8 millóns de euros) mediante a adquisición de parcelas. A Xunta vai investir a incríbel cantidade de 0€ na construción do polígono industrial de Ribeira, ese é o compromiso do goberno galego, en mans do PP, con Ribeira.

Consolida a brutal subida de impostos á cidadanía de Ribeira


A pesar da delicada situación económica de moitas familias e negocios, están facendo caixa mediante unhas taxas e impostos escandalosos que lles aplican á veciñanza e ás empresas. Prevén recadar 4.700.000 euros en conceptos de auga, saneamento, lixo e sumidoiros cifra que se incrementa con respecto ao ano anterior. Son 4.70.000 euros que saen dos petos dos veciños e veciñas porén, vostedes só ingresan 286.000 euros por todo o terreo e espazo que  usan as compañías eléctricas e telefónicas, compañías que se están forrando se me permiten a expresión no peor desta crise. Iso é un abuso que desde o Concello de Ribeira non deberiamos tolerar. Desde o BNG esiximos que se contemplen partidas para que a veciñanza volva pagar un prezo razoábel polas prestación dos servizos públicos básicos como son a auga e o saneamento.

Sempre o dixemos señor Ruiz, a veciñanza non debe pagar as malas decisións adoptadas polo Partido Popular á hora de establecer este caro e ineficiente modelo de saneamento elixido de maneira unilateral por vostedes, ese modelo ao que sempre nos opuxemos desde BNG, polo alto custo que tiña para a veciñanza e que implicou un tarifazo nos recibos dos veciños e veciñas de Ribeira. Cremos que se debería habilitar unha partida orzamentaria para reducir a taxa de auga e saneamento e establecer un prezo en liña co que se viña pagando antes do tarifazo do PP.

Remate


En resumo, gustaríame dicir hoxe que estes son uns bos Orzamentos para Ribeira, mais, moi ao meu pesar, non podo dicilo porque estamos realmente ante os orzamentos da mentira e do incumprimento, que non responden ás demandas sociais e, por riba, soben impostos e taxas á veciñanza nun momento de crise económica no que se necesita axudar ás familias e ás empresas.

Excluíusenos de calquera negociación pero non atoparán no BNG unha posición de obstrucionismo. O BNG vai seguir en disposición de aprobar todo aquilo que sexa positivo e beneficioso para a maioría social do municipio como demostramos na pandemia estando a carón do goberno, colaborando en todo o necesario para afronta a crise sanitaria ou aprobando o paquete de axudas como o Plan Reactiva Ribeira.

Hoxe dicímoslle non a estes orzamentos do Partido Popular porque non dan resposta ás demandas da veciñanza e aos retos que ten este concello pero dicímoslle si a Ribeira e a toda esa veciñanza que está orgullosa do noso concello e que busca mellorar as cousas, dicímoslle si porque imos estar á altura para avanzar e construír unha Ribeira en grande.

Moitas grazas.

Un comentario en «Ribeira vai carecer de Orzamentos pola negativa de Ruiz a negociar»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.