O BNG reclama mellorar a roza de camiños nas zonas rurais de Ribeira

Coa chegada da época estival a vexetación que crece nas marxes das estradas, corredoiras e camiños, sobre todo das zonas rurais, comeza a crecer de maneira considerábel. Este tipo de maleza que crece tamén nas gabias, beiravías, regos e cunetas dificulta a visibilidade e o tránsito polas vías mencionadas.

O concelleiro, Luís Pérez Barral, denuncia que a vexetación crece de maneira descontrolada e ocupa as vías provocando dificultades na circulación de persoas e de vehículos que apenas poden pasar sen raiarse ou ben non se poden apartar no caso de haber un cruzamento de dous vehículos.

Desde o BNG recoñecemos que a maleza e a vexetación crece máis durante o verán, porén, a situación en determinados lugares do municipio, especialmente no rural, é de abandono por mor do desleixo do goberno local. Os veciños e veciñas das parroquias non son cidadáns de segunda aínda que parece que para o Partido Popular si o son.
Exemplos de lugares sen rozar hainos por todas partes, como é o caso da rúa 3 no lugar de Coveliño, na parroquia de Ribeira, que dá servizo a dez vivendas e precisa de maneira urxente dunha roza en condicións pero tamén hai camiños en Deán e no resto de parroquias que non se rozan como se debera.

Segundo Pérez Barral, o Concello de Ribeira debería realizar un plan anual de rozas para evitar que a vexetación se descontrole e invada camiños, cunetas e beiravías. Cremos que desde a Administración local hai que dar exemplo e resulta pouco coherente que se lle esixa ás persoas propietarias de predios, que limpen e rocen os seus terreos para evitar incendios mentres non se elimina a vexetación dos espazos públicos.

Ante esta situación anteriormente descrita o BNG solicita:
 Que o Concello de Ribeira proceda a rozar, de maneira inmediata, a vexetación dos camiños, corredoiras e cunetas, con especial atención ás zonas rurais do municipio.
 Que o Concello de Ribeira faga un plan anual de rozas para evitar o aumento descontrolado da vexetacións en camiños, gabias, estradas e corredoiras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.