O BNG esixe no Parlamento maior financiamento e solucionar as deficiencias do conservatorio de Ribeira

O BNG considera que o Conservatorio de Música de Ribeira “Enrique Paisal” desenvolve un labor formativo fundamental que leva desenvolvendo desde hai máis de corenta anos pero precisa investimentos que garantan a súa continuidade e mellora. Poñemos de manifesto a súa importancia como escola municipal que veu materializada a súa creación como conservatorio de grao medio no ano 1992 e ata 1995 no que se asina un convenio propio entre o concello e a Consellaría de Educación. Finalmente, no ano 2004, créase o conservatorio de música profesional de Ribeira para impartir os graos elemental e medio ou profesional. Ao longo de todos estes anos por el levan pasado miles de alumnos e alumnas e na actualidade é a referencia en estudos musicais profesionais e no labor profesional do seu profesorado de toda a comarca do Barbanza e, polo tanto, a súa existencia é incuestionábel.

Para a deputada, Rosana Pérez, “os recursos materiais e humanos que o sosteñen son manifestamente mellorábeis, a comezar polas evidentes e graves deficiencias do propio edificio que o alberga, e perfectamente coñecidos dende hai anos polo Concello de Ribeira sen que este faga absolutamente nada”.

O cadro de persoal, docente e non docente, é de 18 persoas e un número que atenden a máis de 150 alumnos e alumnas anuais. Pérez Fernández denuncia como teñen que convivir nun edificio que dista moito de estar preparado para desenvolver unha actividade cunhas características moi específicas e para o coidado e mantemento dos instrumentos que non son precisamente accesíbeis dende o punto de vista económico. Aulas con escasa ou inexistente insonorización, enormes e extensas humidades que chegan aos tres andares do edificio e provocan a aparición de numerosos fungos, baixas temperaturas que se rexistran no inverno e moi altas coa chegada do bo tempo. En definitiva, incomodidade, deterioro e insalubridade á que están expostas case 170 persoas durante todo o ano.

A deputada do BNG expuxo que ata hai tres anos víñanse impartindo en Ribeira clases de iniciación á música para alumnado menor de seis anos, “vitais para a propia subsistencia do conservatorio e moi útiles e beneficiosas para a formación dun importante número de nenos e nenas” agregou Pérez Fernández. O BNG lamenta que o Partido Popular eliminase a escola de música malia ser unha actividade demandada por numerosos pais e nais de toda a comarca e que se podería poñer en funcionamento nun breve prazo de tempo se se levara a cabo a contratación do/a especialista correspondente.

Pérez Fernández tamén denuncia as condicións laborais do profesorado son de precariedade. “A maioría está contratado por 20 horas, horario que precisaría ampliarse para poder diminuír as ratios nas materias colectivas e para ampliar o currículo formativo que neste momento se oferta”. Os últimos cursos véñennos comezando cunha planificación horaria moi superior ás 20 horas que teñen contratadas, situación que non se regulariza ata entrado xa o segundo trimestre e que non se lle retribúe nin cotiza ao persoal afectado.

Todas estas cuestións inciden dun xeito negativo nunhas ensinanzas que hoxe en día son unha necesidade educativa máis e que están moi valoradas polo alumnado, polas súas familias e pola sociedade en xeral. Por todo iso desde o BNG pedímoslle ao Goberno galego a súa implicación na resolución dos problemas existentes e colabore en manter e mellorar uns servizos que sufragan practicamente na súa totalidade os concellos e que en moitos casos poden correr o risco de desaparecer.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentar do BNG solicita da Xunta de Galiza:

1. Colaborar economicamente co Concello de Ribeira para solucionar as graves deficiencias que presenta a día de hoxe o edificio onde se localiza o conservatorio, nomeadamente a insonorización das aulas e o tratamento das humidades e fungos.

2. Chegar a acordos co Concello de Ribeira para mellorar a oferta educativa do conservatorio, nomeadamente as clases de iniciación á música para alumnado menor de seis anos.

3. Colaborar economicamente co Concello de Ribeira para corrixir as precarias condicións nas que se atopa o profesorado do conservatorio e impedir que   continúe nas condicións precarias nas que está.”

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.