O BNG de Ribeira quere facer un chamamento a cordura e reclamalle ao Goberno Municipal e á Consellaría de Medio Ambiente que cheguen a un entendemento para poder avanzar nun acordo que supoña acadar o obxectivo fundamental (o saneamento integral) da maneira máis sostible e consensuada posible
Tamén reclama que se faga valer o acordo, consensuado coa veciñanza, acadado por unanimidade de toda a Corporación Municipal de Ribeira o día 30 de xullo do 2007
Un ano despois volvemos a asistir ao fogo cruzado de declaracións acusatorias e ameazantes entre a Consellaría de Medio Ambiente e o Goberno do PP de Ribeira a respecto da EDAR, que tanto a mesma como o Goberno Municipal pretenden instalar en Aguiño (o ano pasado a estas alturas estabamos na mesma tesitura). Mentres tanto, a cidadanía de Ribeira e a de toda a Ría da Arousa, ten que padecer as consecuencias derivadas de que quen nos goberna non fixera todo o necesario, alomenos até o de agora, para que as augas residuais do noso Concello conten cun sistema de depuración acaído.
Dende o BNG de Ribeira reclamamos un pouco de cordura e solicitamos que se faga valer o acordo acadado por unanimidade de toda a Corporación Municipal de Ribeira o día 30 de xullo do 2007. Cabe lembrar que todos os Grupos políticos con representación no Concello de Ribeira, incluído o PSOE, votaron a favor dunha iniciativa do BNG que recolle as demandas veciñais, e que nós presentamos en Pleno en base a un compromiso acadado nunha xuntanza organizada pola Comisión Veciñal de Aguiño, hoxe Asociación Sagres, o 19 de xullo do 2007, na que participamos xunto coas Voceiras do PP e IPdeR e co Voceiro do PSOE.
O acordo adoptado por unanimidade foi o seguinte:
1. Que o proxecto da EDAR de Ribeira se someta aos trámites de Avaliación de Impacto Ambiental e de Avaliación Estratéxica da Sostibilidade.
2. Que se solicite da Xunta de Galicia unha depuradora específica para o Polígono Industrial de Xarás.
3. Que, en todo caso, o emisario se prolongue até augas profundas, fóra da enseada, en augas con correntes oceánicas, onde se asegure o mínimo impacto e unha rápida dilución e difusión no medio receptor.
4. Que o incremento na intensidade de uso do espazo destinado á planta depuradora vaia acompañado das preceptivas medidas compensatorias.
Se tanto a veciñanza como todos os Grupos Municipais foron capaces de chegar a este acordo de mínimos, non se entenden agora posturas de enfrontamento e mesmo ameazantes na prensa por parte de quen nos goberna que só poden traer problemas para toda a sociedade ribeirense e arousán.
Considerando fundamental abordar o saneamento integral do noso Concello, débese valorar tamén que o xeito de levalo a cabo non debe hipotecar o futuro do noso patrimonio natural, económico e social. Pensamos que decisións non acaídas tomadas ata o momento non deben impedir avanzar nun acordo que supoña acadar o obxectivo fundamental (o saneamento integral) da maneira máis sostible e consensuada posible.
Baixo esta premisa, queremos, pois, facer novamente un chamamento para que o Goberno Municipal e Consellaría de Medio Ambiente cheguen a un entendemento e Ribeira poida contar canto antes coa mellor depuración posíbel para as súas augas residuais.
Eu tiña dous canciños, moi chusquiños e moi ben mantidos, que cando chegaron a ese punto de benestar e lles daba a sua ración ( enténdase de comida ) ningun deles queria comer, pero tampouco lle deixaba comer ao outro nin aos seus compañeiros gatiños, e así ata que se me dou por deixalos pasar un pouco de fame…...Santo remedio, pois agora ata chaman un po-lo outro cando e pa xantar ( e mais pa espantar o Xabalí )
Quen lles poidera sacar a tarteira do fuciño a estes…....
Saúdos.