Ribeira demandará a construción dunha nova residencia pública, tras aprobarse a proposta do BNG

Resumo dos asuntos tratados no pleno ordinario celebrado o 28 de abril de 2021

- Proposta do BNG para que Ribeira conte cunha nova residencia: o concelleiro, Luís Pérez Barral, botou man dos datos para demostrar o déficit de prazas públicas de residencia que actualmente existen en Galiza. Segundo Barral, por mor das políticas aplicadas polo Partido Popular, só hai 2,3 prazas por cada 100 habitantes de 65 anos e a OMS recomenda cinco.  Á carencia de prazas públicas súmaselle que 8 de cada 10 prazas de residencia son privadas, esta situación non é positiva porque converte nun negocio o que debe ser o dereito á vellez digna. Ademais o sistema de dependencia só chega ao 51% da poboación beneficiaria.

Ante esta situación o BNG está presentando iniciativas a nivel galego para aumentar o número de residencias públicas de xestión directa e procurar o rescate das concesións cando vaian rematando.  A nivel local desde o BNG tamén se promove a defensa do sistema público de benestar para que Ribeira teña unha nova residencia pública. Pérez Barral remarcou o compromiso co  sistema público que garante ese dereito á vellez digna de maneira igualitaria e asegurou que nos alarmariamos se o 80% da sanidade ou educación estivesen privatizadas pero é o que acontece na actualidade coas residencias.

O concelleiro ribeirense lamentou a incapacidade na xestión e a continua improvisación do Partido Popular na localidade para darlle uso ao edificio de Hesta Kurva tras máis de sete anos sen definición e cun custe de 100 000 euros para as arcas públicas. Segundo Barral, en sete anos o PP propuxo diversos usos, “mesmo chegaron a falar en 2018 de regalarllo ao sector privado para facer unha residencia privada coa que sacar cartos” algo que para o edil “fai visíbel o modelo residencial privatizado e mercantilizado no que se converte o dereito á vellez digna nun negocio obxecto de lucro”.

Pérez Barral explicou que o BNG aposta por unha residencia pública 100% e pretende que ese compromiso se faga realidade dándolle un fin social ao edificio das Saíñas para o que propoñemos que o Concello de Ribeira ceda Hesta Kurva para que a Xunta constrúa unha nova residencia pública alí. Por outra banda o BNG avanzou que a deputada Rosana Pérez Fernández requirirá no Parlamento coñecer as previsións do Goberno galego para habilitar prazas de residencias públicas na Barbanza, esixirá un aumento de prazas públicas ante o seu déficit e instará a aceptar as instalacións de Hesta Kurva darlle utilidade pública para todos os veciños e veciñas.

“Dispoñemos do espazo axeitado porque ese edificio pode ter zona exterior verde, unirse co paseo de Coroso e ten conexión en transporte público con Ribeira coa Pobra. É hora de que tanto Xunta como Concello de Ribeira se poñan as pilas, especialmente no momento actual de pandemia, no que se demostrou que as residencias públicas son garante dunha boa calidade asistencial para as persoas maiores e tiveron un menor índice de contaxios”.

Puntos aprobados:
1. Instar á Xunta de Galiza a construír unha residencia pública de maiores no municipio.
2. O Concello de Ribeira poñerá a disposición da Consellaría de Política Social o edificio “Hesta Kurva” podendo ceder o terreo e a edificación para a construción dunha residencia pública de maiores.
Aprobado por unanimidade

- Outros asuntos:

Consolidación da privatización do monitorado deportivo do Complexo polideportivo da Fieiteira: o PP aprobou prorrogar durante un ano o contrato co que mantén privatizado o monitorado deportivo (persoal piscina, pádel, masaxe, fitness, socorrismo, etc) da Fieiteira.
En marzo de 2016 tomábase esta decisión cos votos a favor de PP e IPR para privatizar o monitorado deportivo por  1.160.000 euros durante 4 anos extensíbel a 6. A privatización é uns 360.000€ máis cara que a prestación do servizo de maneira publica. A alternativa pola que sempre optou o BNG é a de manter o servizo público mediante a convocatoria dunha oferta pública de emprego cun concurso-oposición baseado na igualdade, mérito e capacidade para acceder ás prazas. Este concurso-oposición fomentaría o mantemento dos postos de traballo e cunhas mellores condicións laborais e salariais, ademais contamos cun persoal altamente cualificado e que desenvolve o seu traballo dunha maneira profesional, polo que desde o BNG facemos un recoñecemento ao seu traballo.
A proposta foi aprobada cos votos do PP, abstencións de PBBI, PSOE e SR e cos votos en contra do BNG.

Arranxo da fonte de Carreiriña. Aprobado por unanimidade

Corrección duns pequenos erros detectados nos proxectos do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña; Pavimentación, saneamento e abastecemento en Braña do Muro (Aguiño), Pavimentación, augas pluviais e saneamento nas rúas Chaprado e Ceboleira (Corrubedo), Saneamento pavimentación e abastecemento no lugar de Frións (Carreira) e Saneamento e abastecemento no lugar de Lombas (Palmeira). Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, PSOE, SR e abstención do BNG

Proposta en defensa da escola pública na que se lle solicita á Xunta o aumento do financiamento para Educación. Aprobado cos votos a favor de BNG, PSOE, SR, PBBI e abstención do PP

Adecuación do entorno e mellora da sinalización da Pedra das Cabras. Aprobado por unanimidade

Estudo para compatibilizar, de ser posible, a convivencia de peóns e bicicletas en rúas peonís e pintado de paso específico de bicicleta nos pasos de peóns. Aprobado por unanimidade

Un comentario en «Ribeira demandará a construción dunha nova residencia pública, tras aprobarse a proposta do BNG»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.