Manuel Ayaso nomeado fillo predilecto de Ribeira

Pleno Ribeira

Resumo dos asuntos tratados no pleno extraordinario celebrado o 10 de xaneiro de 2022.

Proposta do BNG para impulsar o galego nas plataformas dixitais e que o Concello de Ribeira mostre o seu apoio ás iniciativas que promovan o uso da lingua galega.

As plataformas de emisións de contidos audiovisuais como Netflix, HBO, Prime Vídeo ou Movistar, ou incluso as canles xerais con concesións públicas de televisión, emiten os seus contidos só en castelán sen nin tan sequera contaren coa opción dobrada ou subtitulada en galego que si ofertan para outras moitas linguas.

Algúns datos mostran a ausencia case total desas plataformas pois, HBO só ten 1 serie en galego das 1342 dispoñíbeis, Nétflix só conta cunha en galego das 4339 que ten no catálogo e Filmin ten 22 das 7984 dispoñíbeis. Esta ausencia, case total da lingua galega, dáse tamén en cadeas públicas como TVE malia recibiren diñeiro público –e por tanto tamén diñeiro de todos os galegos e galegas-. Esta canle pública de televisión tan só emite en galego 39 minutos dun total de 120 horas diarias.

Até o momento a lexislación xeral audiovisual só estabeleceu porcentaxes obrigatorios de contidos mínimos e financiamento en castelán, o que na práctica limita o acceso a contidos en galego, impide que a infancia, a mocidade e o conxunto do público gocen dunha oferta máis ampla de series e filmes en galego e sitúa en inferioridade de condicións de financiamento ao sector audiovisual galego. Porén, esta situación pode mudar na nova Lei xeral de comunicación audiovisual.

O dito proxecto de lei recolle que 30% das obras do catálogo das plataformas de contidos deber estar dedicado a obras europeas e que dentro dese 30%, polo menos un 50% destas será reservado para producións en castelán ou nalgunha das outras linguas do Estado.

Dun xeito semellante, o problema esténdese tamén ao debate do financiamento, na medida en que no anteproxecto de lei indícase que os fornecedores do servizo de comunicación audiovisual televisivo con ingresos superiores a 50 millóns de euros deberán financiar obras europeas con 5% dese diñeiro, dos que un mínimo de 70% deberá ir dirixida a obras de produtores independentes en lingua española ou nalgunha das linguas oficiais das comunidades autónomas. De novo a falta de concreción xoga a favor do español – que acaparará a inmensa maioría das axudas – en detrimento das producións en galego ou noutras linguas oficiais.

Porén, en maio de 2021 o Parlamento de Galiza aprobaba por unanimidade a Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e avalada por máis de 33.000 sinaturas, xa contemplaba algunhas medidas para corrixir esta situación solicitando accións para:

A) Que a nova Lei xeral do audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda.
B) Reclamar da Corporación de Radio Televisión Española que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.

A situación de perda de galegofalantes que se dá en Galiza non é froito da casualidade senón que responde a unha multiplicidade de causas que requiren a adopción de medidas en todas as administracións públicas.

O Concello de Ribeira debe mostrar o compromiso público que ten coa lingua propia de Galiza garantindo o seu uso e presenza en todas as accións que se desenvolven desde a Administración local pero tamén sería unha acción positiva apoiar aquelas iniciativas que tratan de promover a lingua galega en todos os ámbitos.

Por todo iso propoñemos que a Corporación Municipal de Ribeira adopte os seguintes acordos:

A) O Pleno da Corporación Municipal de Ribeira acorda adherirse á Iniciativa Xabarín do Parlamento de Galiza publicada no BOP no 142, de 21/05/21.
B) O Pleno da Corporación Municipal de Ribeira insta á Xunta de Galiza a desenvolver accións que permitan aumentar os contidos audiovisuais en lingua galega, especialmente os dedicados á infancia e á mocidade.
C) O Concello de Ribeira notificaralle este acordo á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Axenda Dixital da Vicepresidencia de Asuntos Económicos, á Dirección Xeral de RTVE e á Mesa pola Normalización Lingüística.

A proposta do BNG foi aprobada por unanimidade.

Nomeamento de Manuel Ayaso como fillo predilecto de Ribeira

Manuel Ayaso Dios. Marcos Creo. La Voz de Galicia

Desde o BNG congratulámonos deste nomeamento máis que merecido para Manuel Ayaso Dios e tamén seguimos mantendo que debe ser proposto para que sexa candidato á concesión da medalla Castelao. O nomeamento foi aprobado por unanimidade.

Manuel Ayaso Dios. Biografía.

Aínda que de formación totalmente foránea, é un artista galego nado en Aguiño o 1 de xaneiro de 1934. Cando contaba trece anos coa súa familia emigra a Estados Unidos, e reside en Nova York, onde inicia os seus estudos artísticos en 1955 como bolseiro da Newark School of Fine and Industrial Arts. Pasa algún tempo en Madrid, estudando intensamente a artistas da súa preferencia, que van do Bosco a Solana, pasando por Goya, sobre todo a obra gráfica do xenial aragonés.

Na actualidade reside entre a cidade de Verona, non lonxe de Nova York, onde mantén ao longo dos anos contactos con outros artistas galegos como o pontevedrés Jorge Castillo; e a cidade de Ribeira, aínda que confesa que lle gustaría vivir na súa vila natal, Aguiño.

Ayaso é un excepcional debuxante, imaxinativo, irónico, que participa tanto do esperpento valleinclanesco como do maxicismo de Joan Ponç; destaca polo seu mundo peculiar, irónico, deliberadamente caricaturesco. Reminiscencias surrealistas latexan constantemente na súa obra, dalgunha maneira comparable coa de artistas tan distantes como Ensor ou Laxeiro, inclusive con Eugenio Granell. Quere isto dicir que aprende unha ampla tradición para ser á fin e ao cabo el mesmo, persoal, rico, ás veces case miniaturista.

Trasgos, bruxas, monstros, figuras de onirismo e pesadelo poboan os seus cadros, sentidos deliberadamente como ilustración para unha literatura fantástica, humanizando o absurdo, o inexistente, o exacerbado o inquietante e ata horroroso. Porque, goyescamente, o soño da razón produce monstros. A súa obra foi reproducida en numerosas publicacións artísticas de prestixio a nivel nacional e internacional e sobre todo nos Estados Unidos de América e Galicia. Na nosa terra conta con catálogos realizados pola Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Fundación Abanca, Eugenio Granell, Pedro Barrié de la Maza, ARGA, Liceo de Noia, Concello de Ribeira, Museo do Gravado de Artes ou Museo de Pontevedra entre outros.

Manuel Ayaso Dios. Traxectoria artística.

Consegue o seu primeiro galardón, inicio dunha longa lista, en 1960 no Grubeck Award, Museo de Arte Monclair, e expón na galería Cobert de Nova York. A partir de entón, a súa sinatura acada considerable prestixio no mundo da arte de Norteamérica.

En 1963 foille concedida unha bolsa pola fundación Tiffany. Recibe ofertas para expoñer en España, concretamente na galería Juana Mordó, que non acepta, quizais no desexo de facelo por primeira vez en Galicia. En Santiago, na Casa da Parra, a súa mostra en 1997, auspiciada pola Xunta de Galicia, constitúe un éxito, ao tempo que unha sorpresa, posto que se coñece un artista galego notable, ata daquela case ignorado. Exhibiu as súas creacións en Texas, México, Roma, Minnesota, New Jersey e, reiteradamente en Nova York. Está representado en museos de Newark, New Jersey, Pensilvania e Arkansas. Ademais dos premios, recibiu o Purchase varias veces, o primeiro premio do museo de Jersey City e a mención de honor da galería Del Bello, en Toronto, Canadá.

En 2007 recibe a “Paleta de Prata” da Asociación de Artistas Plásticos Galegos ARGA, en 2009 é nomeado “Aguiñés das Artes” pola AFLM de Aguiño no marco do acto do 50 Aº da Parroquia e en 2015 entréganlle o Sereo como “Premio Barbantia da Cultura Galega” e o 29 de xaneiro de 2018 a Corporación Municipal do Concello de Ribeira en pleno acorda por unanimidade denominar a casa da cultura de Aguiño como “Casa da Cultura Manuel Ayaso”.

Recoñecementos. Manuel Ayaso Dios.

1960.- Trubeck Award. Monclair Art Museum.

1961.-Purchase Award, “Drawings U.S.A.”, St Paul Gallery and School of Art. 1962.-Tiffany Foundation Scholarship Award in Painting.

1964.- First Prize, N.J. Tercentenary Exhibition, Jersey City Museum. 1964.- Ford Foundation Purchase.

1968.- Purchase Award, N.J. State Museum

1971.- Childe Hassam Purchase Award, National Institute of Arts and Letters.

1987.-Honorable Mention, 2ª Annual International Exhibition of Miniature Art, Del Bello Gallery, Toronto, Canada.

2007.- III Paleta de Prata de ARGA.

2009.- Aguiñés das Artes da AFLM. 2015.- Premio Barbantia á Cultura Galega.

2018.- Recoñecemento plenario do Concello de Ribeira e denominación da Casa da Cultura de Aguiño co seu nome.

2021.- Premio da Crítica de Galicia ás Artes Plásticas.

Coleccións artísticas. Manuel Ayaso Dios.

Witney Museum of American Art. The Newark Museum.

The New Jersey State Museum.

The Butler Institute of American Art. Summer Foundation for de Arts, N.J.

St. Paul Gallery and School of Art, Minn. Illinois Wesleyan University.

The Pennsylvania Academy of the Fine arts. Worcester Museum, Mass.

American Israel Foundation.

Montclair Art Museum, Montclair, N. J.

University of Oregon Museum of Art, Eugene, Oregon. The Arkansas Arts Center, Little Rock, Arkansas.

Concello de Ribeira.

Casa da Cultura de Aguiño, Ribeira. Casa de Galicia, Madrid.

Museo do Gravado á Estampa dixital, Artes. A Coruña Colección Novacaixagalicia.

Concello de Porto do Son, A Coruña. Concello de Brión, A Coruña.

Museo Etnográfico de Artes, A Coruña. Liceo Marítimo de Ribeira, A Coruña. Sociedade Liceo Noia, A Coruña.

Asociación de Artistas Plásticos Galegos.

Tamén ten numerosas coleccións privadas en Norteamérica, Sudamérica e Europa.

Outros asuntos:

Cesión do terreo sito nas Saíñas á Xunta de Galiza para a construción dunha residencia pública de maiores dando cumprimento ao acordo plenario impulsado polo BNG para que Ribeira teña unha nova residencia pública.
Aprobado por unanimidade

Aprobación inicial do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PEMUS).
Desde o BNG anunciamos que estudaremos durante o presente mes ese plan para interpoñer as alegacións oportunas no prazo establecido. Adiantamos que as propostas teñen que ver coa mellora do transporte público, coa mellora dos estacionamentos, ordenación das rúas peonís, etc.
A proposta foi aprobada cos votos a favor de PP, abstencións de BNG, PSOE, SR e voto en contra do PBBI.

Creación dunha Mesa de Transporte Público onde se traten os problemas que existen neste ámbito e se procuren solucións.
Aprobada a proposta cos votos a favor de BNG, PBBI, PSOE, SR e votos en contra do PP.

Mellora do parque de Deán. Aprobado por unanimidade
Proposta para mellorar e garantir a seguridade cidadá.
Proposta para procurar unha imaxe corporativa do Concello de Ribeira que conte co consenso dos grupos evitando usar o corazón. Aprobado cos votos a favor de BNG, PBBI, PSOE, SR e votos en contra do PP.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.