O BNG lamenta que Ruiz imposibilite os acordos e avoque a Ribeira a carecer de Orzamentos

Votamos a favor dun suplemento para garantir máis horas no Servizo de Axuda no Fogar, comedores escolares ou a mellora laboral do persoal público

Resumo do Pleno ordinario de novembro de 2022:

Orzamentos de 2022: o BNG lamenta que o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, volva levar novamente a pleno os Orzamentos de 2022 sen dialogar cos grupos e pechando as posiblidades de chegar a acordos (xa se levaran por primeira vez no pleno do 21 de novembro de 2022). “A negativa do goberno local a chegar a algún tipo de acordos, avoca a Ribeira a non ter unhas contas actualizadas coas que responder ás demandas sociais e afrontar a crise económica” argumentan os nacionalistas.

O BNG foi o primeiro en chamar ao rexedor tralo rexeitamento dos Orzamentos para poder desbloquear asuntos importantes para Ribeira pero o goberno local só nos brindou a posibilidade de negociar unha ínfima parte dos Orzamentos de 2022 que non chegaba nin a 1,5 millóns dunhas contas que din ascender a 32,9 millóns de euros. “Ofreceunos negociar as migallas e iso o BNG non o podía aceptar porque supoñía darlles un cheque en branco para seguir aplicando as mesmas políticas fracasadas que non resolven as demandas sociais” argumentou o portavoz, Luís Pérez Barral.

Ruiz trata de botarlle a culpa de todos os males aos grupos pero os datos demostran que o goberno é incapaz de xestionar os recursos con eficiencia e eficacia. “Dos Orzamentos 2020 deixaron sen investir o 46% dos cartos consignados e nos do 2021 non investiron o 54% do total. De que vale aprobar unhas contas que despois non se executan e desatenden as necesidades da poboación? preguntouse Barral.

Non podiamos facilitar as mesmas contas de hai tan só una semana porque eran as “contas da mentira e do incumprimento” que mantiñan paralizadas obras que levan anos prometéndose como os centros sociais de Carreira e Corrubedo, seguirían dilapidando cartos en actuacións que disparan o seu prezo como o auditorio mentres falta mantemento e prevén aumentar os impostos á veciñanza recadando 4,7 millóns de euros por auga, lixo, saneamento e sumidoiros cando ás grandes eléctricas e telefónicas tan só lles cobrarían 280.000 euros por todo o espazo público que utilizan.

Man tendida

“Fomos os primeiros en tender a man para aprobar temas concretos beneficiosos para a veciñanza porque sabemos que existen mecanismos suficientes para sacalos adiante pero pretenden dicir que a única alternativa pasa por aprobar uns Orzamentos nefastos para Ribeira. A pesar da manipulación e dos ataques do PP, seguimos mostrando a nosa disposición a chegar a acordos” argumentou Barral. O voceiro puxo como exemplo o voto favorable do Bloque a un suplemento de crédito por valor de 970.000 euros para mellorar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ampliar a partida de comedores escolares ou mellorar as condicións laborais do persoal público. “O BNG seguirá traballando en positivo poñendo por riba os intereses da veciñanza. Onte dixémoslle non aos orzamentos do Partido Popular porque chegaban tarde e non daban resposta ás demandas sociais pero dicímoslle si a Ribeira, prometendo estar estar á altura para desbloquear todos aqueles proxectos beneficiosos para a veciñanza que permitan avanzar e construír unha Ribeira en grande” concluíu Barral.

Os orzamentos volveron quedar rexeitados cos votos en contra de PBBI, BNG, SR, abstención de PSOE e votos a favor de PP.

Intervención do BNG

Outros asuntos:

Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), convenio colectivo e regulamento da carreira horizontal cos que mellorar as condicións laborais e salariais do persoal público do Concello de Ribeira. Aprobado por unanimidade

Aprobación inicial do regulamento da Mesa de Mobilidade. Aprobado cos votos a favor de PP, BNG, PSOE e abstencións de PBBI, SR

Ratificación do acordo de cesión da antiga Escola de Formación Profesional Náutico Pesqueira. Aprobado cos votos a favor de PP, PSOE e abstencións de PBBI, BNG, SR

Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais. Desde o BNG valoramos positivamente os aspectos teóricos, lexislativos ou de identificación dos núcleos a protexer dentro dese plan mais botamos de menos que o documento inclúa medidas a medio e longo prazo para evitar a propagación dos incendios forestais. Non se contemplan medidas como a plantación de árbores autóctonas para crear aneis verdes de protección arredor dos núcleos, medidas para favorecer a limpeza e a conservación dos predios durante todo o ano e tampouco contempla o reforzo destinado a protexer os espazos naturais. Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, PSOE e abstención de BNG, SR

Foto Carmela Queijeiro para La Voz de Galicia

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.