O BNG interésase polos paseos de madeira e solicita mantelos en bo estado

Co bo tempo vaise incrementar o número de persoas polos espazos de lecer e débense poñer a punto as infraestruturas que se estragaron

O concelleiro do BNG, Luís Pérez Barral, denunciou o mal estado de moitas das estruturas de madeira, que hai no municipio de Ribeira, destinadas ao paseo. Pérez Barral estivo no paseo de Coroso para exemplificar como hai numerosas táboas estragadas ou con buratos na pasarela de madeira que hai no tramo final do paseo e que supoñen un auténtico perigo ante o risco de que as persoas caian.

O representante do Bloque asegura que este non é un caso illado e que noutros paseos tamén hai estragos nos camiños e nas pasarelas de madeira que non se arranxan “por desidia do goberno local”. Pérez Barral recolle así, as queixas de usuarios e usuarias dos paseos que, ademais da reposición das pasarelas e mantemento dos camiños, reclaman aumentar a limpeza pois nos areais poden verse moitos plásticos e outros residuos contaminantes. Neste sentido, Barral lembrou a iniciativa do BNG aprobada por unanimidade no mes de decembro para loitar contra os plásticos nos areais e pide que se dea cumprimento aos acordos.

É moi necesario facer os mantementos necesarios das estruturas de madeira que hai no municipio, cuestión que o Partido Popular descoida de maneira clamorosa. Nalgúns casos, haberá que substituír algunhas destas infraestruturas xa que o seu estado non permite o arranxo. O BNG trasladará esta petición ao Pleno do Concello para que se dea solución a esta demanda de moitos veciños e veciñas de Ribeira e das parroquias que empregan as zonas de paseos de maneira cotiá.

Luís Pérez Barral cre que “co bo tempo vaise incrementar o número de camiñantes nestes espazos de lecer e débense poñer a punto as infraestruturas que se estragaron”. “Hai táboas con buratos, camiños co firme estragado como en Artes e débense manter en bo estado” informou o edil nacionalista. Para o BNG “o mantemento e coidado das infraestruturas é fundamental para que poidan ser desfrutados pola veciñanza e o señor Ruiz debe poñerse as pilas e non deixar que todo podreza”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.