Aprobadas as alegacións do BNG ao Plan de Mobildidade Sostíbel de Ribeira

Valoramos positivamente que se vaian incorporar as alegacións do Bloque ao novo Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) que puxo a exposición pública o Concello de Ribeira. Trala xuntanza da Mesa de peonalización realizada hoxe, coas alegacións presentadas cremos que se avanza no aumento de espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros, con usos plurais para uso e desfrute da veciñanza. Esta visión “implica unhas modificacións profundas na mobilidade e na conformación da trama urbana do centro de Ribeira pero tamén das súas parroquias”.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, detallou que as propostas presentadas centráronse na mellora da mobilidade priorizando o tránsito peonil, os medios de transporte públicos e os non contaminantes, garantir a accesibilidade universal e aumentar a seguranza viaria e os aparcadoiros. Ademais do anterior, Pérez Barral reitera a necesidade de rematar coa política de asfalto e cemento que promove o Partido Popular e aposta pola creación de novos espazos peonís, zonas verdes así como facer máis esforzos para mellorar a seguranza viaria e adaptar as estradas para responder ás necesidades reais da maneira máis segura posíbel.

As alegacións priorizan a accesibilidade, o transporte público a seguridade viaria e aparcadoiros

En materia de accesibilidade solicitamos acabar cos problemas que existen por todo o municipio por mor dos anchos de beirarrúa insuficientes, cruzamentos sen adaptar, postes mal situados, bordos demasiado elevados, elementos de mobiliario que invaden o itinerario peonil, etc. Desde o BNG promoveuse a inclusión no PMUS de medidas que prioricen a plataforma única en todas as reformas que se fagan nas rúas e a creación dunha guía con criterios básicos que garantan a accesibilidade universal.

Con respecto ao transporte público velarase polo cumprimento dos horarios, habilitar o transbordo que evite o pago de dous billetes entre as persoas que viaxan entre parroquias, sinalizar as paradas e os horarios e promover a creación de tarifas reducidas para persoas desempregadas, xubiladas e con mobilidade reducida. No tocante a outros medios de transporte o BNG arrincou o compromiso para que Ribeira demande a elaboración de senllos estudos sobre a viabilidade de crear unha conexión ferroviaria así como un estudo de beneficios e custos de establecer unha conexión marítima entre as dúas bandas da ría de Arousa.

Por último incorporáronse medidas para mellorar a seguridade dos pasos de peóns máis transitados e o calmado de tráfico nas estradas con beirarrúas estreitas ou preto dos contornos escolares. A única alegación que o goberno local rexeitou foi recuperar a xestión directa do aparcadoiro do Centenario para reducir as súas tarifas e habilitar bonos de desconto.

Os concelleiros do BNG, Luís Pérez e Cruz Rivadulla, remarcaron que estarán vixiantes para que todas estas medidas vaian adiante e contribúan a mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza de Ribeira e das súas parroquias.

Alegacións do BNG ao PMUS (detalladas)


Cruz Rivadulla e Luís Pérez. BNG Ribeira

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.