As alegacións do BNG ao PMUS priorizan o transporte público, a accesibilidade, a seguranza viaria e os aparcadoiros

O BNG ribeirense presentou alegacións ao Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) que puxo a exposición pública o Concello de Ribeira. Cremos que se debe avanzar na consecución de espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros, con usos plurais que permitan ser centros de  socialización e convivencia para toda a veciñanza. Esta visión implica unhas modificacións profundas na mobilidade e na conformación da trama urbana do centro de Ribeira pero tamén das súas parroquias.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, asegura que o goberno local a debe propiciar unha inversión das prioridades entre os diferentes modos de mobilidade priorizando o tránsito peonil e os medios de transporte públicos e os non contaminantes. Pérez Barral asegura que hai que rematar coa política de asfalto e máis asfalto, de cemento e máis cemento que promove o Partido Popular porque carece de toda lóxica social e económica, constituíndo máis un desorbitado culto á velocidade, ao automóbil e á comodidade sen límites.

O portavoz nacionalista aposta por mudar de maneira radical as prioridades. Mantendo en bo estado as estradas pero creando novos espazos peonís, novas zonas verdes así como facer máis esforzos para mellorar a seguridade viaria e adaptar as vías para que respondan ás necesidades reais da forma máis segura posíbel.

AccesibilidadeCruz Rivadulla, Luís Pérez. BNG

Ante os problemas que existen en materia de accesibilidade en practicamente todo o municipio, debido aos obstáculos, anchos de beirarrúa insuficientes, cruzamentos sen adaptar, bordos demasiado elevados, elementos de mobiliario que invaden o itinerario peonil, etc. propoñemos que se faga plataforma única en todas as reformas que se fagan nas rúas agás que existan informes técnicos que o desaconsellen. Tamén deberá promoverse a creación dunha guía con criterios básicos que garantan a accesibilidade universal.

Transporte público

Desde o BNG facemos unha forte aposta por mellorar o transporte público solicitando que se faga cumprir o prego de condicións do servizo público que presta Monbus, crear unha tarifa reducida para persoas desempregadas, xubiladas e con mobilidade reducida, habilitar o transbordo que evite o pago de dous billetes entre as persoas que viaxan entre parroquias e sinalizar as paradas e os horarios.

Con respecto a outros medios de transporte cremos que A Barbanza, cunha poboación de 66.000 habitantes, precisa incrementar os servizos de transporte público polo que solicitamos a realiazación de estudos por parte da Xunta sobre a viabilidade da conexión ferroviaria así como un estudo de beneficios e custos de establecer unha conexión marítima entre as dúas bandas da ría de Arousa.

Seguridade viaria e aparcadoiros

Solicitamos a elaboración dun plan e implementar as medidas necesarias para mellorar a seguridade dos pasos de peóns máis transitados e o calmado de tráfico nas estradas con beirarrúas estreitas ou preto dos contornos escolares. Por último solicitamos o rescate do aparcadoiro do Centenario para a súa xestión directa por parte do Concello con tarifas asequíbeis, así como a mellora do firme, iluminación e limpeza dos aparcadoiros disuasorios.

 

Listaxe completa das alegacións do BNG ao PMUS de Ribeira:

 

Accesibilidade

Na actualidade, en practicamente todo o municipio, podemos atopar problemas e obstáculos á accesibilidade universal con anchos de beirarrúa insuficientes, cruzamentos sen adaptar, bordos demasiado elevados, elementos de mobiliario que invaden o itinerario peonil, etc.

O goberno debe garantir que todas as actuacións que se promoven a nivel municipal teñan anchos de beirarrúa suficientes para transitar as persoas a pé sen ter que baixar á calzada, poden transitar persoas con mobilidade reducida, en cadeira de rodas, carros de crianza, etc.

Alegación 1: O Concello de Ribeira promoverá, agás informe xustificado por parte dos servizos técnicos municipais, a plataforma única en todas as actuacións que se promovan.

Alegación 2: O Concello de Ribeira incluirá entre os obxectivos do PMUS a elaboración dunha guía con criterios básicos que deben ter todas as actuacións que se promovan desde a Administración local que permitan garantir a accesibilidade universal.

 

Promoción do transporte público

O malestar cos problemas que rexistra o transporte público son notorios e mantéñense a pesar da proposta impulsada polo BNG, apoiada por 500 sinaturas, na que se lle esixía aos responsábeis políticos, tanto do Concello de Ribeira como da Xunta de Galiza, actuar para resolvelos.

Así pois, na actualidade as persoas usuarias do transporte público seguen padecendo atrasos, buses masificados aos que non poden subir, autobuses que se atrasan ou mesmo que non chegan a pasar nos horarios indicados, unha falta de información xeneralizada, falta de atención presencial, ausencia de transbordos, etc.

Alén do anterior, Ribeira é a cabeceira da comarca da Barbanza e ten unha poboación próxima aos 27.000 habitantes pero ten unha limitada oferta de transporte público. Desde o BNG consideramos que a comarca da Barbanza debería contar con outros medios de comunicación máis aló do transporte por estrada xa que falamos dunha poboación superior aos 66.000 habitantes.

Alegación 3: Velar en todo momento polo bo funcionamento do transporte público garantindo o cumprimento íntegro do contrato e da prestación deste servizo público.

Alegación 4: Creación dunha tarifa ou abono reducido para as persoas desempregadas, xubiladas e con mobilidade reducida.

Alegación 5: Implementar o transbordo no transporte público.

Alegación 6: Instalación de postes indicativos nas paradas que non haxa marquesiñas.

Alegación 7: Instalación de horarios en todas as paradas.

Alegación 8: O Concello de Ribeira demandará da empresa concesionaria, da prestación do transporte público por estrada, que se garante a accesibilidade das persoas con problemas de mobilidade aos autocares.

Alegación 9: O Concello de Ribeira, en colaboración cos outros concellos da comarca, solicitará que o goberno galego e o goberno estatal destinen recursos para dotar á Barbanza dunha conexión ferroviaria.

Alegación 10: O Concello de Ribeira solicitaralle á Xunta de Galiza a realización dun estudo dos custos e beneficios de establecer unha conexión marítima entre Ribeira e a outra banda da ría.

 

Mobilidade

A cultura do asfalto puido ter unha base razoábel hai anos, cando as vías de comunicación de todo tipo estaban nunha situación precaria. Mais na actualidade, a insistencia na política de asfalto e máis asfalto, de estradas e máis estradas, de cemento e máis cemento que promove o goberno local carece de toda lóxica social e económica, constituíndo máis un desorbitado culto á velocidade, ao automóbil e á comodidade sen límites.

Por tanto, hai que mudar de maneira radical as prioridades. As estradas son custosas e teñen un gasto maior de mantemento que os espazos peonís ou que as zonas verdes por iso cremos que se deben facer máis esforzos para mellorar a seguridade viaria e adaptar as vías para que respondan ás necesidades reais da forma máis segura posíbel.

Alegación 11: Incorporación de sinalización horizontal de 30 km/h en todas as estradas de sentido único.

Alegación 12: Elaboración dun plan para fomento do uso da bicicleta como medio de transporte non contaminante.

Alegación 13: Posta en funcionamento dun servizo de alugueiro de bicicletas eléctricas para promover a mobilidade non contaminante.

Alegación 14: Incorporar aparcadoiros para bicicletas nos lugares de interese e en equipamentos públicos.

Alegación 15: Establecemento de medidas de calmado de tráfico en vías con importante afluencia de peóns, nas contornas escolares e nas estradas e vías con beirarrúas estreitas.

Alegación 16: Elaboración dun plan de mellora da seguridade nos pasos de peóns con máis tránsito.

 

Estacionamentos

Ribeira adoece dunha oferta suficiente de espazos onde estacionar os vehículos privados dunha maneira ordenada. Por se isto fose pouco, a política privatizadora do PP provocou un encarecemento nos prezos e un caos na xestión do aparcadoiro do Centenario. Desde o BNG defendemos a xestión pública directa do Centenario para poder poñelo a disposición da veciñanza con tarifas reducidas e bonificacións para aquelas persoas que merquen no comercio local.

Alegación 17: Rescate da concesión do aparcadoiro do Centenario para a súa xestión directa por parte do Concello de Ribeira.

Alegación 18: Mellora do firme, iluminación e limpeza dos aparcadoiros disuasorios das Avesadas e da Rúa Agustín Fernández Oujo.

 

Sinalización

O centro urbano de Ribeira leva sufrido profundos cambios nos últimos 10 anos que inclúen peonalizacións, cambios de dirección, ampliación de beirarrúas, etc. Cómpre realizar una aposta decidida por mellorar a sinalización para que as persoas que acceden ao casco urbano saiban como chegar aos aparcadoiros disuasorios, edificios públicos e lugares de interese.

Alegación 19: Mellora da sinalización vertical para o tráfico rodado dando información de interese como espazos de estacionamento, edificios públicos, etc.

 

Cambios normativos

Alegación 20: O Concello de Ribeira renomeará a Mesa de Peonalización como Mesa de Mobilidade.

Alegación 21: O Concello de Ribeira establecerá unha periodicidade trimestral para reunir a Mesa de Mobilidade.

Alegación 22: O Concello de Ribeira regulará, conforme aos parámetros ditados pola Dirección Xeral de Tráfico, o uso de patinetes eléctricos.

2 comentarios en «As alegacións do BNG ao PMUS priorizan o transporte público, a accesibilidade, a seguranza viaria e os aparcadoiros»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.