Vázquez Cobas pide o arranxo do parque de mascotas e crear novos espazos para mascotas

O BNG recolle a queixa das persoas que teñen mascotas e denuncia a situación de abandono no que está o parque para mascotas que hai en Ribeira. Foron varios os veciños e veciñas que se puxeron en contacto co Bloque para queixarse do “abandono total” no que está actualmente esa infraestrutura.

O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, acompañado da compañeira, Andrea Martíns, enumerou como a fonte está sen auga e inservíbel, os carteis coas normas de uso ilexíbeis, os aparatos comestos pola ferruxe, a herba sen cortar e o chan sen amañar. O valado de madeira que rodea o parque está roto en moitos tramos e coas táboas con puntas enferruxadas e ciscadas polo chan…

Segundo Vázquez Cobas, esta infraestrutura foi moi demandada pola veciñanza pois, “no seu día, chegáronse a recoller 3000 sinaturas esixindo a súa construción pero lamentablemente, o desleixo e falla de mantemento por parte do concello provoca que, nin as mascotas nin a veciñanza, poidan desfrutar do parque canino do concello en condicións de tranquilidade e seguridade para as súas mascotas”. Para o BNG é un servizo necesario xa que, teñen como obxectivo favorecer o benestar animal, onde as mascotas poidan moverse con liberdade e os cidadáns poder estar con elas en espazos dignos e en bo estado.

Lamentamos que o Partido Popular esqueza o mantemento desta infraestruturas malia ter o concello unha poboación de mascotas que, segundo o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compaña, en decembro do 2018 era de 5289 que posiblemente poida ser superior ao haber mascotas sen rexistrar. “A política do PP é facer infraestruturas que logo deixa caer a cachos porque non se fai mantemento ningún” recriminou Cobas.

Alén do anterior, desde o BNG instaremos ao executivo local a crear algún outro espazo nalgunha parroquia do municipio para que os veciños e veciñas do rural poidan levar os seus animais a un espazo habilitado con xogos.

Un comentario en «Vázquez Cobas pide o arranxo do parque de mascotas e crear novos espazos para mascotas»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.