A Corporación Municipal de Ribeira celebrou hoxe un pleno extraordinario no que se aprobou por unanimidade unha declaración institucional dirixida á cidadanía de Ribeira para denunciar enerxicamente o recente asasinato machista dunha da veciña, Andrea Yturry.
O Concello convocou unha concentración para honrar a memoria de Andrea, e amosar o máis profundo rexeitamento contra a violencia de xénero. Unha lacra social que está por todas partes e que nos debe facer actuar para evitar a violencia contra as mulleres.
Onte Ribeira pechaba o día, consternada pola triste e dura noticia dunha vida roubada e outras truncadas, porque detrás non podemos esquecer que tamén está o seu fillo de curta idade, a súa nai e o resto familiares e amizades, aos que queremos ofrecer todo o noso apoio incondicional e solidariedade.
Entendemos a impotencia do sentir xeneralizado e repudiamos sen fisuras calquera forma de violencia de xénero, reiterando o noso firme compromiso pola loita contra esta cruenta epidemia social.
Non podemos quedar impasibles mentres as mulleres son assinadas polo feito de ser mulleres e non querer dobregarse. A violencia de xénero infecta calquera ámbito da sociedade, porque non entende de territorio, nin de clases, idades ou nacionalidades. As Administracións Públicas debemos asumir responsabilidades e seguir traballando en políticas que fomenten a igualdade real entre mulleres e homes, pero tamén precisamos da axuda de toda a sociedade porque non hai nada que xustifique a violencia de xénero.
Pedimos que este grave problema non se normalice nin que as mulleres se convertan en números, porque detrás das 7 mulleres que foron asasinadas neste 2024 ou das 1247 mulleres assinadas dende que hai rexistros oficias no ano 2003 hai vidas truncadas. Por iso debemos evitar e denunciar todos os actos de violencia.
Desde o Concello de Ribeira asumimos ese compromiso coa promoción da igualdade e a protección dos dereitos das mulleres así como coa implementación das medidas efectivas para previr e combater a violencia machista en todas as súas formas.
Xuntos e xuntas podemos construír unha sociedade máis xusta, libre, igualitaria e por tanto mais democrática.
Por Andrea e por tódalas vítimas. Non á violencia de xénero.