O Pleno aproba a municipalización do Aparcadoiro do Centenario

No Pleno Ordinario do 31 de outubro do Concello de Ribeira aprobouse o regulamento do réxime interno e a ordenanza fiscal do Aparcadoiro do Centenario, que pasará a ser unha instalación de xestión pública, atendendo á “demanda histórica de municipalizar o servizo con prezos asequibles” segundo explicou a concelleira Genoveva Betanzos.

O aparcadoiro, que conta con 466 prazas, terá 4 tipos distintos de abono “pensados tanto en persoas que veñen traballar a Ribeira como en ribeirenses que precisan dun espazo onde deixar os seus vehículos” afirmou Suárez Puerta. Deste xeito, durante a primeira hora a tarifa horaria será de 1 céntimo/minuto, e o importe máximo e por dúas horas tan só se aboarán 1,5€ “sendo a tarifa máis barata da bisbarra” segundo confirmou o rexedor. O máximo a pagar por día será de 20 euros IVE incluído. No caso de motocicletas e ciclomotores a tarifa será reducida nun 50%. Así mesmo haberá bonos de 24 horas por 60 euros e de 12 horas por 35 euros aos mes, bonos de luns a venres de 24 horas por 43 euros ao mes, e bonos de sábados e domingos de 24 horas por 25 euros ao mes. Por último, de cara a visitantes e turistas, haberá bonos mensuais de 120 euros, quincenais de 65, e semanais de 40 euros.

Doutra banda, aprobouse a contratación do Servizo de Axuda ao Fogar de Ribeira á empresa Attende Care S.L, cun presuposto de  1.626.846,96 euros. O propósito deste servizo é o de “mellorar a calidade de vida dos maiores e dependentes favorecendo e potenciando a autonomía persoal no propio domicilio; e manter, mellorar e recuperar as redes de apoio familiar e social” segundo explicou o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño. Pola súa parte, o alcalde Luís Pérez avanzou que seguirá a traballar “para que a Xunta de Galicia financie correctamente este servizo evitando así a precarizarización do mesmo”.

Respondendo ás preguntas da oposición en relación ao Polígono, a concelleira Cruz Rivadulla explicou que durante os 32 anos de goberno do Partido Popular “non foron quen de pór en marcha o polígono, e agora piden celeridade” e recordou que “industria é competencia da Xunta de Galicia, quen leva 14 anos sen desenvolver o macropolígono comarcal que permitiría habilitar un millón de metros cadrados para asentar empresas e xerar emprego”. Pola súa parte, o alcalde Luís Pérez destacou que dende o Concello non se bloqueará ningún proxecto industrial para Ribeir, tod o o contraro, “avanzarase con paso firme tan pronto se  teñan tódolos informes favorables para evitar que pase o mesmo que pasou coa gasolineira”.

Por último, dende a Corporación Municipal presentáronse dúas enmendas que foron aprobadas por unanimidade, instando á Xunta de Galicia a exercer as competencias propias en materia industrial e a colaborar no financiamento do polígono industrial de Ribeira; e tamén a desenvolver a Lei 8/2007 de policía de Galicia cun despregamento gradual para que poida asumir as funcións contidas no artigo 15 da citada lei e desta forma acadar a plena operatividade da policía. Con respecto a este último asunto, cómpre destacar que desde o Concello de Ribeira xa se deron pasos para contratar a máis axentes da policía local, refórzase o servizo para que haxa máis patrullas e destinar axentes a percorrer as rúas para garantir a seguridade cidadá.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.