O goberno municipal mantivo hoxe unha xuntanza coa veciñanza afectada pola circunvalación. O alcalde, Luís Pérez Barral, reafirmou o compromiso adquirido ante a poboación para seguir adiante coa realización dun estudo técnico independente que avalíe as alternativas ao trazado proposto pola Xunta de Galiza.
Tralo incumprimento do acordo plenario de outubro de 2020 por parte do anterior goberno, que excluíu a proposta de facer a circunvalación mellorando a estrada de Xarás a Frións tal e como propoñía o BNG; o actual goberno municipal comprométese a estudar a viabilidade dunha alternativa que non afecte aos veciños e veciñas.
O proxecto da Xunta provocaría problemas de tráfico no entorno de tres centros educativos e suporía un maior custo económico, xa que inclúe unha nova estrada nova e algún viaduto. É por iso preciso facer un estudo no que se valore a proposta de reformar a estrada de Frións-Xarás para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Esta alternativa implica un menor impacto ambiental; menor impacto social, xa que non afecta a núcleos habitados; e sería máis económica por consistir nunha mellora do trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais.
A proposta de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño. Asimesmo, as persoas que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano.