O BNG recollerá sinaturas no centro de saúde ribeirense para aumentar os recursos e persoal na Sanidade pública

Luís Pérez Barral advirte que o PP xoga coa saúde da poboación ao non querer investir máis en Atención Primaria

O BNG defende a necesidade de incrementar os recursos destinados á Atención Primaria nos orzamentos da Xunta para 2023 xa que “non podemos normalizar o desastre sanitario que supón estar sen profesionais médicos e tardar días e días para acudir ao médico de cabeceira”.

O incremento proposto permitiría habilitar 200 millóns de euros para contratar máis profesionais, estabilizar ás persoas que agora mesmo traballan en precario no sistema público sanitario e poñer en marcha un plan de captación para o persoal que marchou do País. Para elevar esta proposta ao Parlamento de Galiza, o BNG recollerá sinaturas en favor deste tipo de medidas, o vindeiro xoves 29 de setembro pola mañá diante do centro de saúde de Ribeira.

A Iniciativa Lexislativa Popular promovida por SOS Sanidade Pública, da que o BNG fai parte, demostra o gran malestar que existe entre a poboación e o persoal médico polo deterioro que se está producindo na sanidade pública galega, especialmente na Atención Primaria, cuestión que no Bloque atribúen a “unha política deliberada e planificada do PP, de querer deteriorar o público para beneficiar o privado”.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, considerou “unha temeridade” que “o PP se opoña a investir máis en Atención Primaria”. Neste sentido, recordou que o orzamento da Atención Primaria para este 2022 conta con 47 millóns de euros menos que no ano 2009 e que Galiza é a cuarta comunidade pola cola en investimento no que é o piar da sanidade pública, cun 12% fronte ao 14,2% da media do Estado español, unha diferenza “sideral”, tendo en conta que a dispersión poboacional galega esixe ademais máis recursos.

“Este é o resultado dunha política deliberada e planificada polo PP de recortes en Atención Primaria e de precariedade no persoal”, incidiu para engadir a continuación que non é que non haxa profesionais, senón que se lles expulsou da sanidade pública galega, o que argumentou cun clarificador dato: das 89 persoas que acabaron este ano o MIR de medicina de familia, só 30 están traballando na Atención Primaria do País. “Este é o resultado da precariedade e dos recortes do PP, que claramente o que está poñendo en risco é a saúde das persoas e hai que paralo porque coa saúde da xente non se xoga”, insistiu logo de comprometer o traballo do BNG para defender a sanidade pública galega porque “se falla a Atención Primaria, falla todo o sistema”, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.