O BNG insta ao Concello de Ribeira a abrir a piscina con garantías sanitarias

En marzo de 2020, co inicio das restricións para conter a pandemia provocada pola Covid-19, foron moitas as administracións locais que fecharon as instalacións deportivas para evitar o aumento dos contaxios. Meses máis tarde, co inicio da desescalada as instalacións deportivas foron abrindo as súas portas adaptadas á nova realidade imposta polo coronavirus, todas agás a piscina municipal de Ribeira que segue, doce meses despois, fechada e sen poder empregarse.

Segundo informa o concelleiro, Luís Pérez Barral, “o feche da piscina municipal de Ribeira contrasta coa situación que se viven en moitos municipios da contorna como Rianxo, Porto do Son, Outes, e un longo etcétera por todo Galiza que si permiten a práctica deportiva nas súas piscinas dunha maneira segura”. As administracións públicas deben potenciar os hábitos de vida saudábeis e, dentro deles, a actividade física é vital para manternos en forma e sans xa que reforza o sistema inmunolóxico e permite controlar o estrés, a ansiedade e o estado de ánimo. Neste sentido, o BNG considera que a natación é un deporte moi beneficioso pois produce baixo impacto nas articulacións fronte a outros deportes, aumenta a flexibilidade, mellora o sistema circulatorio, reduce o colesterol, fortalece o sistema óseo e incrementa a capacidade pulmonar sendo moi beneficiosa para persoas asmáticas.

Non comprendemos os motivos que levan ao goberno local a manter clausuradas as instalacións da piscina impedindo que a poboación ribeirense poida practicar natación mentres que outros concellos si permiten esta práctica deportiva garantindo as medidas de seguridade sanitaria necesarias para salvagardar a saúde da poboación. Pérez Barral considera necesario que Ribeira abra a piscina municipal canto antes, cunhas normas claras que garantan o uso seguro desta instalación por parte da veciñanza e instamos a que o goberno local prepare as instalacións para abrir antes de que finalice este mes de marzo.

Todos estes motivos fan que o BNG rexistre unha iniciativa para pedirlle explicacións ao señor Ruiz dos motivos que levan ao Concello de Ribeira a manter a piscina municipal fechada cando estas instalacións están abertas e con seguridade noutros concellos e instan ao goberno local a abrir a piscina municipal garantindo unhas normas claras que permitan a práctica deportiva de maneira segura.

Imaxe de capa: Chechu Río. Diario de Arousa

Un comentario en «O BNG insta ao Concello de Ribeira a abrir a piscina con garantías sanitarias»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.