Industria incrementou no 112% o orzamento en I+D


Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2008.- O conselleiro nacionalista de Innovación e Industria, Fernando Blanco, destacou hoxe en Santiago o esforzo investidor que está a realizar o seu departamento para acadar a converxencia con Europa no eido tecnolóxico. Durante a xornada técnica de presentación das convocatorias de axuda en materia de I+D+i aos axentes do Sistema Galego de Ciencia e Tecnoloxía, o conselleiro nacionalista adiantou que o orzamento global en I+D+i medrou un 112% entre 2005 e 2008, período no que a contía das subvencións outorgadas neste ámbito pasou de 47,5 millóns a preto de 110 millóns e no que se duplicou o número de centros tecnolóxicos e se crearon 14 plataformas tecnolóxicas.

Fernando Blanco baseou nestes datos a positiva evolución das principais variables que presenta hoxe en día a investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica galegas e, neste sentido, engadiu que o investimento privado supuxo xa en 2006 o 44% do esforzo total en I+D en Galiza polo que, segundo asegurou, estase no bo camiño para lograr o obxectivo do 50% fixado para esta variable no 2010, ano no que finaliza o Plan Galego de I+D+I (INCITE 2006-2010). O titular de Innovación e Industria tamén afirmou que durante o periodo de vixencia do Plan conseguiranse mobilizar 1.900 millóns de fondos públicos para dinamizar a I+D+I galega, fundamentalmente a través de dúas liñas de actuación da Consellaría: a captación de fondos externos e as actuacións e investimentos directos do propio departamento autonómico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.