Industria colabora para achegar o gas natural a Ribeira

INNOVACIÓN E INDUSTRIA COLABORA CON GAS GALICIA PARA ACHEGAR A SUBMINISTRACIÓN DE GAS NATURAL A RIBEIRA

TAMÉN COLABORA PARA LEVAR A SUBMINISTRACIÓN DE GAS NATURAL ÁS LOCALIDADES DE CARRAL, BARREIROS, ARCADE, CERVO E SALVATERRA DE MIÑO

 A Consellaría de Innovación e Industria achegará o 30% do investimento preciso para a execución das obras, que se eleva a 8.285.499 euros. En Ribeira o investimento será de 3.428.366 euros

A Consellaría de Innovación e Industria asinou un convenio de colaboración con Gas Galicia para a subministración de gas natural nas localidades de Carral (A Coruña), Barreiros (Lugo), Arcade (Soutomaior, Pontevedra), Ribeira (A Coruña), Cervo (Lugo) e Salvaterra de Miño (Pontevedra). Estes proxectos encádranse no acordo de colaboración da Consellaría de Innovación e Industria coa devandita empresa subministradora de gas para o desenvolvemento da IV Fase de Gasificación de Galiza, presentado polo titular de Innovación, o nacionalista Fernando Blanco.

O investimento preciso para a construción da infraestrutura gasista necesaria para adiantar a subministración de gas natural aos concellos referidos suma 8.285.499 euros, dos cales Gas Galicia achegará o 70% e a Consellaría de Innovación e Industria o 30%. Por localidades, o investimento desagrégase da seguinte maneira: Carral, 901.506 euros; Barreiros, 1.133.870 euros; Arcade, 556.354 euros; Ribeira, 3.428.366 euros; Cervo, 989.100 euros; e Salvaterra de Miño, 1.276.303 euros.

En todos os casos, os proxectos de execución contemplan a construción de plantas de gas natural licuado agás o de Arcade, que se alimentará dende a rede de Redondela. As obras de construción destas redes de subministración culminarán no ano 2010.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.