Concentración en Artes demandando melloras no transporte

Concentración Artes

Nais, pais e alumnado de Artes iniciaron o pasado venres as súas mobilizacións para esixir o cumprimento das promesas de Educación no sentido de ampliar o transporte ao alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos desta parroquia.

O voceiro dos afectados, Xosé Luís Groveiro, logo de detallar as pésimas condicións nas que se leva a cabo o transporte (alumnado que dista máis dun quilómetro da parada e mesmo que ten que ir de pé no autobús), deu lectura a un manifesto no que se lembraron os pasos dados desde hai máis de catro anos para reivindicar unha liña que recolla ao alumnado de Gude, Goda, Queimadoiros, Viñas e Sego. Falamos dun grupo de 30 alumnos e alumnas afectadas.

Groveiro lembrou que xa o Delegado Provincial de Educación instou por escrito á empresa de transporte a ampliar o servizo en outubro de 2006. Tal ampliación nunca se levou a cabo. Posteriormente, o 11 de maio de 2007, o Director Xeral de Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, afirmou no Parlamento Galego, en resposta a unha pregunta da deputada do BNG Ana Pontón, que “comprendemos a demanda, estamos a estudiar a ampliación e esperamos que estea en funcionamento a principios do curso 2007/2008”.

É o incumprimento da Consellería de Educación, pasados case tres meses do tempo prometido, o que desencadeou esta serie de protestas.

O voceiro dos afectados anunciou que o BNG xa volvera presentar unha pregunta na Comisión de Educación do Parlamento Galego (con data 9 de novembro pasado) pola falla de seriedade da Consellería á hora de cumprir as súas propias promesas. Tamén anunciou que o BNG presentará unha iniciativa de apoio no Concello.

Pais e nais de alumnos de Artes afirmaron na concentración deste venres que teñen pensado continuar coas mobilizacións en datas próximas se non se lles da unha solución ás, por outra parte, xa “concedidas” demandas, é dicir: transporte escolar para o alumnado de secundaria de Gude, Goda, Queimadoiros, Viñas e Sego, tal e como se leva a cabo co mesmo alumnado na etapa de primaria.

3 comentarios en «Concentración en Artes demandando melloras no transporte»

  1. Bueno, si, claro. Aínda que a min me parece máis ben que se achegan as Xerais. En fin, xa veremos o que está disposto a implicarse. Porque unha notiña faina calquera. Buscar solucións xa é máis complicado.

  2. Que o Sr Alcalde e a súa concelleira de educación aparezan agora en público “defendendo” aos de Artes demostra a pouca vergonza que teñen. Menos mal que xa os coñecemos. Pero non nos enganemos: con esta aparición pretenden compensar noutros lugares o crédito que perderon nesta parroquia. Polo demais, interés en arranxar o problema de transporte en Artes? Ningún: canto pior mellor, hai eleccións á volta da esquina.
    Que que pasa cos nenos de Gude e Sego que van a andar un quilómetro ata a parada? “Bueno, bueno, ós de Castiñeiras tampouco os collen ó lado da casa e non protestan” (J.H.C)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.