BNG, PSOE e C’s piden a reprobación de Esther Patiño polas súas declaracións discriminatorias

Os grupos tamén sinalan as responsabilidades de Ruiz Rivas por amparar declaracións discriminatorias ao mantela no seu posto

As persoas que desempeñan cargos de representación pública ou teñen responsabilidades institucionais deben ter condutas e comportamentos exemplares ante a sociedade, pois están sendo a imaxe de institucións que representan a toda a poboación.

Desde os grupos do BNG, PSOE e Ciudadanos entenden que calquera persoa pode trabucarse no desempeño das súas responsabilidades públicas, mais o que non é admisíbel, é que se estean producindo discursos que restan importancia á loita contra a violencia de xénero ou mesmo incitan á discriminación de persoas que teñen mobilidade reducida.

A concelleira delegada de servizos sociais, promoción social e igualdade dona María Esther Patiño Rey, declaraba en marzo de 2018 “Feliz día de la mujer, pedir pacificamente salarios igualitarios para trabajos equitativos y que se termine el maltrato tanto machista como feminista. Igualdad“. Esta declaración demostra unha evidente falta de coñecemento dos fundamentos da loita feminista. O feminismo non é hembrismo, e as agresións machistas que sofren as mulleres galegas en todos os ámbitos da súa vida están moi lonxe, tanto cualitativa como cuantitativamente, das que sofren os homes. Así o recollen os informes oficiais desta materia. Entendemos que situar as problemáticas das mulleres ao mesmo nivel que as dos homes, especialmente nun día como é o 8 de marzo, e tratándose da concelleira de igualdade, implica unha baixa sensibilidade coas violencias que sofren as veciñas de Ribeira. O comentario fixo que nas masivas mobilizacións realizadas o Día Internacional da Muller se lle pedise a dimisión por parte do movemento feminista e dalgunhas forzas políticas con representación na Corporación Municipal de Ribeira.

Por outra banda, a concelleira de servizos sociais, promoción social e igualdade do Concello de Ribeira voltou realizar, en agosto deste ano, unhas declaracións intolerábeis por parte da encargada de implementar políticas que favorezan a plena inclusión social e a accesibilidade universal. Ante unha queixa veciñal pola falta de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida na rúa Romero Ortiz de Ribeira, a concelleira declarou: “os das cadeiras de rodas sóbralle por onde ir, sen ter que ir por esa rúa”. Estas palabras causaron un profundo malestar na poboación ribeirense que pediu a súa dimisión ou destitución, petición que tamén secundaron os grupos do BNG e do PSOE, e esixíronse explicacións por parte de C’s.

Para o BNG, PSOE e Ciudadanos, a señora Patiño volve poñer en evidencia a súa total falta de empatía cara ás persoas, neste caso coas que teñen dificultades de mobilidade sexa permanente ou temporal. Consideramos que o Concello de Ribeira debe camiñar cara á accesibilidade universal para aplicar o dereito a ter un municipio no que todas as persoas teñan as maiores facilidades de movemento e os menores atrancos posibles. A señora Patiño debería saber que a accesibilidade é un tema fundamental, igual que o é a igualdade entre mulleres e homes. Ambos temas son unha prioridade nas accións que se levan adiante desde o departamento que dirixe.

Tal e se explicaba ao comezo, as representantes públicas deben ser o exemplo e espello no que poida mirar se a veciñanza e xa son reiteradas as declaracións sen ningún rigor e mesmo discriminatorias que realiza esta concelleira, o que nos leva a dicir que esta persoa non é a mellor representante para estar á fronte do departamento de servizos sociais, promoción social e igualdade do Concello de Ribeira.

Para os grupos do BNG, PSOE e C’s, o alcalde de Ribeira é o responsábel último deste asunto, pois ao
negarse a señora Patiño a dimitir, o señor Ruiz Rivas ampara este tipo de discursos cando a mantén no cargo a día de hoxe.
Unha vez máis 
os tres grupos reiteran a petición de que a señora Patiño debe dimitir ou ser cesada no caso de non querer facelo.

Ante todos os argumentos expostos, os grupos municipais de BNG, PSOE, e Ciudadanos, propoñerán a
adopción do seguinte acordo:

  • A Corporación Municipal de Ribeira, reproba a María Esther Patiño Rey concelleira delegada de servizos sociais, promoción social e igualdade polas súas declaracións discriminatorias e pouco rigorosas realizadas en temas de igualdade e accesibilidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.