Aprobada por unanimidade a proposta do BNG para trasladar o aliviadoiro de Areeiros

Resumo do pleno do 26 de xuño de 2017


- Proposta do BNG para trasladar de localización o aliviadoiro do tanque de tormenta de Areeiros: O Concello de Ribeira vén de pór en funcionamento o sistema de depuración de augas residuais, tras pasar décadas carentes de depuración dos residuos urbanos. Esta importante obra de máis de 16 millóns de euros, está producindo molestias á veciñanza de varias zonas do municipio como poden ser a dos lugares do Touro, Castiñeiras e Areeiros. Este grave problema debe ser solucionado coa máxima dilixencia co fin de evitar molestias, desde o BNG seguiremos traballando como fixemos, desde o momento un, para que se cumpran coas garantías de depuración sen causar problemas na veciñanza. Ademais disto que, repetimos, debe ser solucionado coa máxima celeridade e garantías para que as ninguén teña que soportar cheiros na súa vivenda, existe outro que non deixa de ser menos grave como é a localización do aliviadoiro de Areeiros.


O sistema de depuración de augas residuais, está formado por unha serie de tanques de tormenta que almacenan a auga en casos de copiosas chuvias ou dun aumento do caudal de residuos que se envían á Estación de Depuración Augas Residuais (EDAR). Cada un destes tanques conta con cadanseu aliviadoiro para expulsar, en caso de necesidade, o líquido que non poida albergar no seu interior.


No caso dos Areeiros o aliviadoiro non desemboca no mar, faino no río Listres (popularmente coñecido tamén como río Paxariños). Unha das características deste río é que leva moi pouca corrente, mesmo en determinadas épocas do ano case non leva auga ou chega a secar nos meses de máximas temperaturas. Esta circunstancia fai que, de se producir unha vertedura polo aliviadoiro durante un destes períodos, os residuos quedarían estancadas no rego fluvial e non irían parar ao mar. No caso de que se chegara a aliviar durante algunha época na que o río ten auga, habería que superar outro problema; a nivelación do terreo pois o río en innumerábeis ocasións non ten saída ao mar por atoparse a praia a un nivel superior que a canle fluvial.


Outro dos motivos polos que queremos que se poida canalizar o aliviadoiro até o mar, ten haber co impacto e problema ambiental que se ocasiona, pois de ter que aliviar, non é o mesmo facelo nun río que ten pouco caudal que facelo no mar onde o problema ambiental causado sería moito menor. Ademais queremos que se canalice en condicións e que non afecte aos bancos marisqueiros pois deles dependen moitos postos de traballo.


É por todo isto que, en nome do Bloque Nacionalista Galego, o concelleiro Luís Pérez Barral solicitará dos membros da Corporación Municipal a aprobación seguinte acordo:


A) Que o Concello de Ribeira lle demande a Costas do Estado e Xunta de Galiza o permiso para que se poida realizar a canalización do aliviadoiro dos Areeiros até a zona de dominio marítimo-terrestre.
B) Enviar o presente acordo plenario a Costas do Estado.


- Outros asuntos:


- Solicitude do BNG para revisar e certificar o correcto cumprimento do contrato de limpeza de instalacións municipais por parte da empresa. Esta petición vén motivada ante a denuncia que trasladaron ao BNG de supostas faltas no cumprimento das condicións do contrato.
- Pregunta do BNG para saber se algunha empresa de telefonía solicitou permiso para instalar unha antena-repetidor en Palmeira. A veciñanza oponse á pretensión que existe de instalar unha antena preto das vivendas e a carón do campo de fútbol.
-Recoñecemento extraxudicial de creto, isto é pago de facturas de 524.102€ co informe en contra do servizo de intervención. O goberno destina estes cartos a imprevistos en diversas obras, o que amosa unha clara falta de previsión e unha mala xestión dos fondos públicos cando hai escaso tempo se aprobou o Orzamento de 2017. Desde o BNG cremos que isto se debe evitar e debemos facer unha boa planificación e xestión dos fondos públicos. A pesar disto aprobouse cos votos a favor de PP, IPR e 2 edís non adscritas, abstención dun edil non adscrito e voto en contra do BNG e PSOE
- Aprobación bases reguladoras do programa vivendas baleiras. É un convenio de colaboración coa Consellaría de Vivenda e Solo para intentar poñer en uso todas as vivendas baleiras que ten o noso municipio, unhas 3.000. Aprobado por unanimidade
- Renuncia do concelleiro de C’s Juan J. Chouza
- Transferencia de creto. Aumento de 40.000€ a clubes deportivos pasando de 80.000€ a 120.000€, 20.000€ nun convenio de colaboración co FEUGA para ter bolseiras/os universitarias/os en prácticas e 12.000€ de axuda para a confraría de Aguiño para a celebración da Festa do Percebe. Aprobado por unanimidade.
- Modificación da ordenanza reguladora de venda ambulante para que os permisos teñan unha duración de 5 anos no canto dun ano. Aprobado cos votos a favor de BNG, PP, IPR, 3 edís non adscritas/os e abstención do PSOE.
- Aprobado por unanimidade a convocatoria do Consello de Seguridade Local para analizar o aumento da delincuencia.
- Ampliación da beirarrúa nun tramo da rúa Fr. Lorenzo Mariño en Aguiño. Aprobado por unanimidade
- Limpeza do río Listres. Aprobado por unanimidade – Retirada duns postes na rua Luís Pimentel en Aguiño
- Arranxo do parque Rafael Diste. Aprobado por unanimidade

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.