Aprobada a iniciativa do BNG: Ribeira esixirá máis persoal sanitario, atención presencial e ampliar o centro de saúde

Resumo dos asuntos tratados no pleno de xaneiro de 2021

Iniciativa do BNG para reforzar o persoal sanitario, garantir a atención presencial e ampliar o centro de saúde: o apoio unánime á proposta do BNG fará que o Concello de Ribeira lle demande á Xunta de Galiza reactivar as consultas presenciais na atención primaria apostando polo persoal e por medidas de prevención para garantir unha atención sanitaria digna á poboación de maneira que se garanta o dereito á saúde.

O concelleiro ribeirense, Luís Pérez Barral, acusou o Partido Popular de non querer solucionar a forte presión que viven os profesionais sanitario por mor da carga asistencial, a precariedade, a falla de medios e a descordinación, o que provoca que a atención dos usuarios e usuarias sexa cada vez peor e se agrave o deterioro do propio sistema sanitario.

Segundo Pérez Barral, “esta situación, agravada agora aínda moito máis pola pandemia, non é nova e vén derivada dos numerosos recortes e a redución do gasto público levada a cabo polo Partido Popular nos últimos once anos”. “A situación que se está a vivir no centro de saúde de Ribeira é un exemplo extremo da desidia das autoridades sanitarias e das consecuencias que conleva para os seus profesionais e, sobre todo, para os seus usuarios e usuarias” acrecentou.

Situación crítica en Ribeira

O concelleiro nacionalista explicou, explicou que “a situación é crítica pois nun centro onde debían traballar habitualmente 9 facultativos pola mañá (para cubrir un cupo total de 12.686 pacientes) e 5 pola tarde (para cubrir un cupo total de 7.836 pacientes), ademais de 4 pediatras (para cubrir un cupo total de 3.536 pacientes), contaban a finais do ano 2020 con só 3 médicos de familia e dúas pediatras do total de 14 profesionais que debera haber”. A día de hoxe, continúan en cadro: entre 5 e 6 facultativos na quenda de mañá, onde o máis habitual e que sexan só 3 ou 4. Na quenda de tarde, 3. E dúas pediatras de mañá, unha delas facendo 2 tardes á semana e outra tarde cubríndose con profesionais doutros centros (hospital da Barbanza, Porto do Son, A Pobra) de tal xeito que sempre quedan dúas tardes á semana sen pediatra no centro.

Os pacientes dun día calquera deberan ser entre 30 e 35, mais as axendas que soportaron as facultativas nos últimos días do ano 2020 foron de entre 70 e 85 persoas, e mesmo a día de hoxe continúan entre 40 e 60 persoas. A este despropósito hai que sumar aínda as urxencias que podan darse e tamén que,  no caso da especialidade de pediatría, o centro de Ribeira está asumindo aos menores procedentes do centro de saúde da Pobra que nestes momentos continúa sen pediatra e que provoca que unha das profesionais destinada no Hospital da Barbanza sexa trasladada, un día á semana, a reforzar o servizo no centro de saúde.

O centro é tamén deficitario en canto a Persoal de Servizos Xerais e persoal de enfermería. No primeiro caso, conta con 4 de mañá e 2 de tarde, que se reforzou nestes días e puntualmente polo exceso de traballo cun máis pola tarde, xa que fronte á circunstancia de atender axendas imposíbeis víronse na obriga de chamar a un grande número de pacientes para pospoñerlle ou cancelarlle a cita. No segundo caso, vén sendo habitual tamén que non se cubran as ausencias e que se fagan intersubstitucións entre as que están activas. De calquera xeito, é de suliñar que non todos os cupos de facultativos dispoñen de enfermeira ou enfermeiro asignado, o que é importante para evitar as distorsións no traballo diario.

Falta de espazo

Alén dos serios problemas de falla constante de persoal, hai que engadir os da falta de espazo dun edificio que se queda pequeno para a poboación á que ten que atender e que as autoridades locais prometeran xa hai tempo amplialo sen que ata o de agora se teña efectivizado tal promesa quedando todo en fume. En agosto de 2017 o señor Ruiz Rivas aseguraba que “durante o ano 2018” a ampliación do centro de saúde sería efectiva após manter unha reunión entre o Sergas, o Instituto Social da Mariña e o propio Concello de Ribeira. Pérez Barral lamenta como o rexedor ribeirense confirmaba en 2018 que había varios bosquexos mais a día de hoxe nada se fixo. “Seguimos sen ter un centro de saúde acorde ás necesidades que demanda o servizo demostrando que hai unha completa inutilidade á hora de poñerlle solución a un problema que vén de vello” asegura o concelleiro nacionalista.

Ao enquistamento da grave situación que se dá dende hai moito tempo no centro de saúde de Ribeira, hai que sumar agora a sobrecarga e a saturación derivada da pandemia da COVID-19, que supón que moito menos persoal teña que atender a un maior número de pacientes – tanto telefónica como presencialmente – e a unha carga burocrática excesiva, que nestes primeiros días de vacinación se tiveran xa destinado dúas profesionais de enfermería aos xeriátricos da localidade e que nas seguintes fases da vacinación teñan que atender a miles de persoas cun reducido cadro de persoal.

Por todo iso a Corporación Municipal de Ribeira apoiou de maneira unánime os seguintes puntos:

1.O Concello de Ribeira instará á Xunta de Galiza a repoñer de inmediato o número habitual o persoal sanitario do centro de saúde de Ribeira e cubra as baixas que se produzan por enfermidade, vacacións, ou calquera outro motivo.

2.O Concello de Ribeira instará á Xunta de Galiza a reforzar o cadro de persoal sanitario e non sanitario diante das necesidades derivadas da pandemia. Dentro destas necesidades de persoal deberase prestar especial atención á nova sobrecarga de traballo do persoal de enfermería xerada pola vacinación, actividade que necesariamente experimentará un importante crecemento a curto e medio prazo.

3.O Concello instará á Xunta de Galiza a dotar con urxencia ao centro de saúde de Ribeira dos medios necesarios para restablecer as consultas presenciais na atención primaria, asegurando para profesionais e pacientes un estándar de seguridade acorde coa crítica situación sanitaria actual.

4.Instar ao Instituto Social da Mariña a que, de ser necesario porque así o reflicte no proxecto elaborado pola Xunta de Galiza, o ISM poña a disposición os espazos necesarios para que sexa posíbel a ampliación.

 

Outros asuntos tratados:

Toma de posesión do concelleiro do PSOE José Manuel Sánchez Puerta en substitución de Rita Rial Fernández.

Devolución da garantía a Recolte, antiga empresa concesionaria do servizo de limpeza, por valor de 925.883€. Tivo todos os informes dos servizos técnicos municipais a favor. Aprobado cos votos a favor de PP, BNG, PSOE, SR e abstención de PBBI.

Inclusión do monte de Santo Alberte no futuro Plan Forestal de Galiza para promover a plantación de especies arbóreas autóctonas. Aprobado por unanimidade

Realización dun proxecto para instalar a rede de sumidoiros en Fiáns (Olveira). Aprobado por unanimidade

Proposta para reducir gastos menores do Concello de Ribeira e mellorar a fiscalizacións dos gastos e asignacións dos grupos municipais. Aprobado por unanimidade

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.