A veciñanza de Palmeira trasládalle ao BNG peticións sobre internet, estradas e reciclaxe

Cobas: As parroquias precisan maior atención pois non debe haber veciños de primeira nin de segunda

O BNG estivo recollendo nos últimos días algunhas peticións da veciñanza de Palmeira para trasladalas ao Pleno do concello. O voceiro nacionalista, Xosé Vázquez, estivo acompañado do edil Luís Pérez e da responsábel de Acción Social, Cruz Rivadulla para facer pública esta iniciativa.  

Xosé Vázquez lamenta que o PP ignora sistematicamente moitas das peticións que fan os veciños e veciñas das parroquias como se fosen veciños de segunda. “Esta situación supón un agravio comparativo, porque mentres se realizan importantes investimentos no centro urbano as parroquias quedan atrás unha e outra vez” esgrimiu. Vázquez considera que para fixar poboación no rural, desde as administracións públicas débense realizar os investimentos necesarios e na parroquia de Palmeira hai carencias e inconvenientes que cómpre atallar.

O BNG fará fincapé na necesidade de mellorar o acceso a Internet que garanta unha boa conexión “sobre todo nun contexto no que cada vez está máis presente a educación a distancia ou o teletraballo” argumentou.
No caso concreto da Insuela, varias zonas estradas precisan ser dotadas de sumidoiros que recollan as augas da chuvia e tamén unha nova pavimentación que acabe coas fochancas, co deterioro do firme e coa pegada de diversas reparacións feitas con diferentes criterios. Tamén hai que retirar os postes do medio da estrada, pois supoñen un perigo para a seguridade viaria.

Outra das queixas que nos trasladou a veciñanza é a falta de roza das cunetas e a falta de mantemento dos parques polo que imos pedir que se rocen e manteñan os equipamentos públicos en bo estado. Con respecto ao tratamento de residuos, os nacionalistas propoñen instalar máis contedores para a reciclaxe de vidro e aceite usado.
Por último, Cobas falou do recente feche de Abanca en Palmeira, por supoñer un problema para moitos residentes da parroquia. “Desde o BNG imos levar o tema ao Parlamento galego e reclamaremos que o Concello de Ribeira retire os cartos públicos da entidade bancaria de seguir adiante co feche da sucursal de Palmeira e coa redución de persoal nas oficinas” concluíu.

Todas estas necesidades van ser trasladadas polo BNG a Pleno:
· Proporemos que o Concello de Ribeira inclúa en vindeiras partidas orzamentarias a dotación de recollida de augas pluviais e a pavimentación de diversas rúas do lugar da Insuela.
· Mellorar a roza das cunetas e o mantemento de parques.
· Instalar contedores de aceite usado e illas de reciclaxe nas que haxa contedores de todo tipo para reciclaxe.
· Instar ás empresas de telefonía a mellorar a conexión á rede mediante o despregamento e posta en funcionamento da fibra óptica e outros medios.

Un comentario en «A veciñanza de Palmeira trasládalle ao BNG peticións sobre internet, estradas e reciclaxe»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.