Á presentación asitiu a concelleira de Cultura Antía Alberte xunto con Óscar Romero, Director do grupo municipal de teatro.
“Hoxe convocámosvos para presentar os detalles da vixésimo quinta edición da Mostra de Teatro Infantil de Ribeira Daniel Gómez Ramil, unha cita que nos permite poñer en valor a creación teatral feita polos máis pequenos” sinañou Antía.
Acompaña a Antía na presentación o director do Grupo Infantil Municipal de teatro Oscar Romero xa que como é habitual esta mostra serve tamén para estrear a obra de teatro que prepararon os cativos e cativas deste grupo.
A edición deste ano terá lugar na última semana de maio, do 27 ao 31, no auditorio municipal e contará con agrupacións teatrais infantís xa consolidadas nesta mostra como son o grupo municipal infantil de Ribeira, o grupo de teatro do CEIP de Artes, o grupo Alondra de Palmeira, o grupo do Colexio Bayón, o grupo Teatrinclis da asociación cultural Airiños de Rianxo.
Todos estes grupos amosarannos as súas montaxes: algunhas son versións e adaptacións de obras xa coñecidas pero outras son novas creacións escénicas froito da creatividade e orixinalidade dos directores e mesmo do alumnado.
Así pois nestes días polo escenario do auditorio municipal pasarán máis de 75 artistas, aínda que os participantes nesta mostra superan a centena, pois ademais das nenas e nenos, tamén colaboran nas tarefas de escenografía, ensaios, traslados ou montaxes o profesorado, directivos das ANPAS e familiares dos artistas.
As funcións serán todas elas ás sete e media da tarde e con entrada gratuíta, con apertura de portas media hora antes para todos aqueles que queiran asistir.
Os primeiros en actuar, dando o pistoletazo de saída á mostra, será o grupo do CEIP de Artes coa obra “Dorneir@s de colegueo”, a eles seguiranlle nos seguintes días, o grupo Teatrinclis coa peza “O misterio misterioso dos peixes perdidos”, o grupo do Colexio Bayón con “Aventuras en Sálvora”, o grupo Alondra co “Merlo Branco” e clausurará a mostra o sábado o grupo infantil municipal coa historia “Como abriu Don Nicanor o gran circo voador”. Nesta clausura tamén se entregarán os diplomas e os agasallos a todos os participantes, que se trata dunhas figuriñas de artesanía galega realizadas para a ocasión.
A concelleira rematou, “quero aproveitar para agradecer a implicación dos distintos grupos de teatro infantil con este evento cultural que xa está consolidado e animar a toda a cidadanía e visitantes a achegarse ao auditorio municipal para apoiar o traballo realizado por cativos e maiores ao longo do ano, xa que a maior recompensa é a nosa presenza durante as representacións.

