Xuntanza de traballo das confrarías da Barbanza e o BNG

O deputado galego Daniel Rodas expresou o compromiso do BNG coas demandas das Confrarías expuxo as iniciativas do BNG e escoitou as reivindicacións do sector do mar do que viven 22.000 familias.Xuntanza Comarcal Patróns Maiores. BNG Barbanza


Na reunión de traballo realizada polo BNG da Barbanza e os patróns maiores da bisbarra, analizouse a crise do sector que xa ven do ano 2012, primeiro coa mortaldade do berberecho e agravada nos últimos tempos coa da ameixa, debido en gran medida á desidia e inoperatividade da Xunta de Galiza que non acomete as accións necesarias para reverter esta situación. Asemade escoitamos as preocupacións e demandas do sector que nos trasladaron os patróns maiores das diferentes confrarías.
Daniel Rodas informou das actuacións reclamadas recentemente no Parlamento polo BNG, tamén demandadas polo sector, necesarias para a rexeneración dos areais, entre as que destacan a mellora dos substratos, a limpeza dos bancos e a creación de sementeiras de cría. Tamén destacou a importancia de utilizar criterios de comercialización que impidan a venda fraudulenta e melloren a posta en valor dos nosos produtos. Esta última iniciativa veu completar outras moitas presentadas con anterioridade sobre asuntos como a mellora do servizo de gardacostas ou o tema da regularización das embarcacións.
Ben claro e explícito foi o apoio expresado polo BNG ás reivindicacións e mobilizacións que están levando a cabo as Confrarías. Dito apoio non queda só nunha cuestión testemuñal senón que se materializará en esixir da Consellería de Mar que destine parte do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (FEMP) a paliar as desastrosas consecuencias desta crise que se van agravar en outubro cando se inicie o libre marisqueo.


Na xuntanza estiveron presentes os patróns maiores das diferentes confrarías da Barbanza, membros do BNG comarcal. Do BNG Ribeira estiveron presentes, o voceiro Xosé Antonio Vázquez Cobas, a concelleira Pilar Sampedro Laranga e o edil Antón Parada Fernández.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.