O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, estivo no Concello de Ribeira, onde visitou o Dolmen de Axeitos e o Castro da Cidá. Fíxoo acompañado do alcalde, Luís Antonio Pérez Barral e os tenentes de alcalde, Fran Suárez e Xabier Vidal.
Posta en valor do Dolmen de Axeitos
Durante a visita, Concello e Deputación analizaron o plan de posta en valor do dolmen de Axeitos, propiedade da entidade provincial, que inclúe melloras nos accesos ao monumento megalítico e na protección da contorna. Concretamente, Xosé Penas presentou as propostas, que consisten nun cambio do sentido da visita para potenciar a carballeira existente e dotar ó dolmen dun maior protagonismo creando, ao mesmo tempo, un círculo de seguridade ao redor.
“O Dolmen de Axeitos é unha xoia megalítica que debemos coidar e potenciar” apuntou o deputado. “Dende a Deputación da Coruña velamos pola preservación de monumentos patrimoniais como este, que son identidade, cultura e historia do noso país. Por iso estamos traballando na posta en valor do Dolmen de Axeitos e da súa contorna, entre outras actuacións”.
Actuación demandada pola veciñanza
Agradecemento á Deputación por atender as nosas solicitudes. “Dende o Concello seguiremos colaborando coa Deputación da Coruña para levar adiante actuacións que permitan manter e potenciar o noso patrimonio” asegurou Barral. Ademais, o deputado puido coñecer as últimas escavacións arqueolóxicas realizadas no Castro da Cidá, así como todo o conxunto patrimonial da primeira Idade de Ferro.