Xa é definitivo, Manuel Ruiz vén de ser sancionado pola Xunta Electoral Central (XEC) de Madrid por vulneración da lei electoral ao seren rexeitadas as súas alegación sobre a inauguración encuberta do Mercado Municipal.
A Xunta Electoral Central (XEC) confirma que infrinxiu a lei, en concreto os artigos 50.2 e 50.3 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral “toda vez que o desenvolvemento da Feira de Ensino no Novo Mercado Municipal supuxo unha difusión dos logros acadados pola corporación municipal“. Esta inauguración encuberta denunciada polo BNG só atendía a fins electoralistas, feito tipificado polo artigo 153.1 da citada lei.
Atendendo a estas circunstancias e ante o seu posíbel impacto no electorado a Xunta Electoral Central impón unha sanción de 300€.
O BNG critica que vulnerar a lei sae moi barato e entendemos que debería ser unha multa exemplar e non ese importe irrisorio.
Así e todo, desde o BNG queremos destacar que a sanción confirma que o PP infrinxiu a lei inaugurando de maneira encuberta unha instalación pública para obter réditos electorais e partidistas. Así mesmo, a XEC avala que as accións emprendidas polo BNG foron as correctas fronte ao comportamento inmoral do alcalde de Ribeira.
Reclamación do BNG na Xunta Electoral – Resolución sancionadora da Xunta Electoral