AS OFICINAS DA CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO ATENDERON UNHA MEDIA DIARIA DE 1.054 SOLICITUDES DE INFORMACIÓN SOBRE A RENDA BÁSICA DE EMANCIPACIÓN
A Consellería de Vivenda e Solo estableceu o límite do prezo máximo do aluguer en 600 euros nas sete grandes cidades e 500 euros máximo no resto dos concellos para evitar efectos inflacionistas non desexados derivados desta axuda directa
Os prezos máximos tamén se aplican aos alugueres subvencionados a través do Programa de Vivenda en Aluguer
Santiago de Compostela, 4 xaneiro 2008.- As oficinas que informan sobre as axudas públicas ao aluguer que a Consellería de Vivenda e Solo ten nas sete grandes cidades atenderon proximadamente un total de 3.162 solicitudes de información relacionadas coa Renda Básica de Emancipación (RBE) desde o pasado mércores 2 de xaneiro, cunha media ao longo destes tres días de 1.054 solicitudes de información.
A información solicitada centrase nos requisitos que hai que cumprir, a documentación que é preciso presentar e como hai que tramitar a axuda da RBE, dirixida a mozos de entre 22 e 30 anos cuns ingresos que non superen os 22.000 euros brutos anuais, e unha contía de 210 euros mensuais durante 4 anos. O número de solicitudes de información foi de 615 na oficina de Vigo, 632 na Coruña, 460 en Santiago, 430 en Lugo, 443 en Ourense, 302 en Pontevedra e 280 en Ferrol.
Desde estas oficinas a Consellería de Vivenda e Solo informa de todas as axudas públicas ao aluguer de vivendas, tanto as da RBE como as que o Departamento autonómico concede a través do Programa de Vivenda en Aluguer, neste caso tanto para inquilinos como para propietarios. Toda a información, asesoramento e xestión se leva a cabo desde estas oficinas. Unha vez realizados todos os trámites a solicitude da subvención xunto coa documentación necesaria se entrega no rexistro das Delegacións Provinciais da Consellería de Vivenda e Solo, tanto no caso de solicitar a RBE como no caso de solicitar unha vivenda con aluguer subvencionado a través do Programa de Vivenda en Aluguer.
Para evitar efectos inflacionistas non desexados derivados da concesión dunha axuda directa como a RBE, no caso de Galiza a Consellería de Vivenda e Solo pactou desde un primeiro momento co Ministerio de Vivenda establecer límites máximos aos prezos do aluguer subvencionable. Neste sentido, o aluguer máximo subvencionable a través da RBE non debe superar os 600 euros no caso das sete grandes cidades, – A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol-, e 500 euros como aluguer máximo no resto dos concellos galegos.
Ao mesmo tempo, a Consellería ten en marcha desde febreiro de 2006 o Programa de Vivenda en Aluguer dirixido a todos os demandantes de vivenda en aluguer con independencia da idade e sempre que non superen uns ingresos ponderados de 15.000 euros anuais. Neste programa, ademais do control do prezo máximo do aluguer é a Consellería de Vivenda e Solo quen casa oferta e demanda. O obxectivo é que os inquilinos non destinen máis do 30% do seus ingresos ao pago do aluguer da vivenda, o resto é subvencionado durante 5 anos pola Consellería, cunha porcentaxe de ata o 60%, que pode chegar ata o 80% no caso de colectivos con especiais dificultades.
Pola súa parte, os propietarios contan con importantes vantaxes, como seguridade no cobro do aluguer, axudas a fondo perdido para melloras de ata 6.000 euros e seguro multirrisco para cubrir posibles incidencias na vivenda.
Ademais das sete oficinas da Consellería de Vivenda e Solo, todas as persoas interesadas nas axudas ao aluguer poden baixar os impresos de solicitude da RBE ou de incorporación ao Programa de Vivenda en Aluguer a través da páxina web do departamento autonómico: www.conselleriavivenda.xunta.es
Folleto informativo da Renda Básica de Emancipación:
folleto_renda_emancipacion.pdf
Renda Básica de Emancipación. Real Decreto 1472/2007, de 2 de novembro:
renda-basica-emancipacion.pdf
Formularios:
renda-basica-emancipacion-formularios.pdf