Vivenda licita a finalización das obras de Xaras

Vivendas de Xarás

A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO LICITA POR 1,3 M. € AS OBRAS DE REMATE DAS 21 VIVENDAS PROTEXIDAS DE XARÁS EN RIBEIRA

 Son 7 edificios que albergan 7 vivendas en planta baixa, unha adaptada para persoas con mobilidade reducida, e 14 duplex, con 2, 3 e 4 dormitorios

 O prazo de execución da obra é de 12 meses desde a sinatura da Acta de comprobación de replanteo

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, licita por 1.353.397 euros as obra de remate das 21 vivendas protexidas de promoción pública de Xarás, no Concello de Ribeira. O prazo de execución das obras será de 12 meses, a contar desde a sinatura da acta de comprobación do replanteo e inicio das obras coa empresa adxudicataria.

Tal e como se recolle no anuncio de licitación publicado no DOG o luns 31 de decembro de 2007, as empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o vindeiro día 14 de xaneiro de 2008, no rexistro da sede central da Consellería de Vivenda e Solo en Santiago de Compostela (Polígono de Fontiñas, Área Central s/n).

Trátase de 7 edificios, que albergan 3 vivendas cada un, de baixo, unha planta e baixocuberta. En total son 14 dúplex cunha superficie útil de 90 metros cadrados e 4 dormitorios. Outras 6 vivendas, situadas nas plantas baixas, teñen 78,45 metros cadrados útiles e 3 dormitorios. E, por último, unha vivenda, tamén en planta baixa, de 78,70 metros cadrados útiles e 2 dormitorios adaptada para persoas con mobilidade reducida.

Rescisión do anterior contrato
A Consellería de Vivenda e Solo asinou en outubro de 2006 o expediente de rescisión do contrato coa empresa adxudicataria por incumprimento do prazo establecido para a execución da obra, que era de 18 meses a contar desde a sinatura da acta de replanteo. A sinatura de dita acta produciuse o 22 de marzo de 2005 polo que o prazo de execución rematou o 22 de setembro de 2006, sen embargo no momento de rescisión do contrato tan só estaba executada o 13,85% da obra.

A Consellería de Vivenda e Solo adxudicou as obras de urbanización e edificación destas vivendas á empresa o 21 de outubro de 2004 por un importe total de 1.433.399,46 € e a formalización do contrato celebrouse o 11 de novembro do mesmo ano.

En repetidas ocasións antes da rescisión contractual, a Consellería requiriu á empresa adxudicataria e á dirección facultativa da obra que aceleraran o ritmo dos traballos sen que se atendera esta petición. A empresa manifestou no seu momento á Consellería a súa disconformidade co orzamento de adxudicación das obras porque ao seu xuízo non se axustaba aos prezos do mercado.

Sen embargo, esta empresa concorreu por decisión propia ao concurso público para a urbanización e construción destas vivendas segundo un prego de condicións no que se especificaba claramente o prazo de execución de 18 meses e o orzamento de licitación que ascendía a 1.433.399,46 €. Así mesmo a empresa asinou, dando a súa conformidade, o contrato no que igualmente consta o prazo e o orzamento de execución.

Atención ás familias afectadas
O delegado provincial, Xoán Carlos Bascuas, trasladouse hai algo máis dun mes a Ribeira para informar directamente, ás persoas afectadas pola demora na construción das vivendas sociais de Xarás, das axudas que recibiran da Consellería de Vivenda e Solo.

Así, aquelas familias que viven en inmobles de aluguer recibirán dous mil euros anuais en concepto de axuda para sufragar os gastos, mentres que as cinco que residen en caravanas serán reacollidas a través da firma dun convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e o Concello de Ribeira.

A sinatura deste convenio faise a iniciativa da Consellería de Vivenda e Solo, para o cal o delegado de Vivenda se trasladou a Ribeira a finais do pasado mes de novembro para manter unha entrevista co Alcalde no transcurso da cal o informou das intencións da Consellería para facilitarlle unha vivenda ás familias que viven en caravanas.

Pregos de contratación

Licitación das vivendas de Xarás no DOG:
2007-12-31vivendasxaras.pdf

Nova no Correo:
El IGVS saca a concurso la reanudación de obras para pisos sociales en Ribeira

Nova no Diario de Arousa:
Vivenda licita por 1,3 millones de euros las obras de remate de los 21 pisos sociales de Xarás

Nova na Voz:
Vivenda licita por 1,3 millóns de euros as obras para concluír os pisos sociais de Xarás

Nova relacionada na Voz:
Vivenda e Concello de Ribeira asinarán un convenio para reacoller ás familias que residen en caravanas

2 comentarios en «Vivenda licita a finalización das obras de Xaras»

  1. vaites, se é serto que a empresa que deixou coljados os que teñan dereito a esas casas, que non son presisamente ricos, o pareser porque non lle chejaban os cartos, que aljen me esplique por que o faser a plasa do consello lle sobraron sen mil euros. esto lino eu na vos. se e serto ten rason meu avó, ai unha vara de medir para uns e unha ajulla de marear para outros. e eso non e lejal meu. Por moito que dijan.
    felisano por serto.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.