Veciñanza e oposición de Ribeira únese para esixir un estudo alternativo para a circunvalación

Veciñanza e oposición únense para esixir un estudo alternativo á circunvalación de Ribeira.

No mes de outubro de 2020, o Pleno da Corporación Municipal de Ribeira aprobaba unha iniciativa para que o Concello de Ribeira fixese un estudo técnico comparativo independente sobre os diferentes proxectos para construír unha circunvalación no municipio. Dito acordo plenario foi aprobado pola maioría absoluta dos membros da Corporación obtendo 12 votos a favor de BNG, PBBI, Suma Ribeira e PSOE e 9 votos en contra do Partido Popular. Cómpre lembrar que o devandito acordo tiña o visto e prace da plataforma de veciñas e veciños afectados polo proxecto que pretende facer a Xunta de Galiza.

Tras o incumprimento do acordo plenario de outubro de 2020 por parte do goberno ao excluír, deliberadamente a proposta feita polo BNG para estudar a alternativa de facer a circunvalación mellorando a estrada que vai de Xarás a Frións, o BNG, PBBI, SR e PSOE presentamos unha proposta para esixir o cumprimento íntegro de dito acordo.

Desde o BNG recriminamos o “talante antidemocrático” do señor Ruiz, pois como máximo responsábel do Concello, debe defender os intereses da veciñanza de Ribeira por riba dos intereses do Partido Popular. Con esa estratexia covarde de non recibir nin escoitar á veciñanza, Ruiz Rivas pretende silenciar un tema que ten o apoio de todos os grupos da Corporación Municipal agás o seu, o PP, e conta co aval de máis de 1.200 sinaturas. Entendemos no BNG, que impoñer o proxecto proposto pola Xunta, provocará problemas de tráfico no entorno de tres centros educativos, ten custos ambientais maiores ao realizar grandes movementos de terra, terá maior custo social ao afectar a núcleos habitados e propiedades e terá un maior custo económico porque ten que facer unha estrada nova e con algún viaduto.

Incidimos na necesidade de facer un estudo no que se valorara a proposta do BNG de reformar a estrada de Frións-Xarás para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos para defender esta alternativa son sólidos por implicar un menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais. Esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño.
Ademais do anterior, as persoas que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano. Esa alternativa formulada polo Bloque xa fora obxecto de debate no Parlamento galego en 2016 na que o Partido Popular mostrara o seu rexeitamento.

Desde o BNG non imos desistir desta reivindicación pois cremos que o proxecto de realizar a circunvalación por Frións é máis económica, non afecta á poboación e afecta menos ao medio natural. Seguiremos traballando no concello pero tamén levaremos as demandas da veciñanza ao Parlamento para que se atendan as súas alegacións e non se impoña un proxecto feito polo PP de maneira unilateral e sen consenso.

Variante Ribeira. O BNG propón estudar trazados alternativos

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.