Veciñanza de Artes e BNG piden a Concello e Xunta implicación para mellorar o acceso a internet

Veciñanza de Artes e BNG piden a Concello e Xunta implicación para mellorar o acceso a internet

A veciñanza de Artes recolleu durante o último mes máis dun cento de sinaturas nas que se insta ao Concello de Ribeira e á Xunta de Galiza a actuar ante as empresas de telefonía para mellorar a conexión a internet nas zonas rurais, especialmente en Artes.

O veciño promotor da recollida de sinaturas, Roi Paz, entregou hoxe a petición no rexistro do Concello e agradeceu o amplo apoio a unha iniciativa que pide “mellorar un servizo tan esencial hoxe en día”. Este veciño explicou que hai zonas que xa teñen instalada a fibra óptica pero que non a poñen en funcionamento, como é o caso do Outeiro. “Hai veciños e veciñas que levamos meses reclamando ás diferentes compañías que poñan en marcha este servizo sen éxito, por iso é preciso que as Administracións se impliquen para resolver este problema” argumentou. Roi Paz agradeceu a implicación do do BNG por facilitarlle o asesoramento necesario para levar a diante esta acción e por trasladar este asunto ao Concello de Ribeira.

Os concelleiros do BNG estiveron hoxe tamén con Roi para mostrar o seu respaldo “a unha acción que procura mellorar un servizo básico tan necesario como é o acceso a Internet”. O nacionalista, Luís Pérez Barral defendeu que a poboación das zonas rurais debe contar con todos os servizos fundamentais como o saneamento, a auga, o lixo ou o alumeado pero tamén o acceso a internet de calidade, e debe telos do mesmo modo que os teñen os habitantes das zonas urbanas.

Iniciativa parlamentaria para mellorar as conexións nas parroquias de Ribeira

O BNG presentará unha iniciativa a nivel parlamentar na que se inclirán as demandas da veciñanza de Artes pero tamén doutras parroquias para que o goberno galego actúe para garantir un servizo de internet de calidade. “O goberno galego e o goberno local non poden mirar para outro lado, deben actuar ante as empresas porque é fundamental garantir este servizo nun momento no que cada vez hai máis educación a distancia e xornadas de teletraballo” argumentou Barral. Lamentamos que o Partido Popular permaneza inmóbil ante a fenda dixital que hai no concello e ante o feito de que haxa empresas que reciben subvencións para instalar a fibra óptica pero que logo non a poñen en funcionamento ou que cobran máis caro por un servizo de peor calidade nas áreas rurais.

Ante esta situación, desde o BNG ribeirense solicitámoslle ao Concello de Ribeira e á Xunta que establezan contacto coas compañías telefónicas para que aumenten o despregamento da fibra óptica e que o poñan en funcionamento de maneira inmediata alí onde xa está instalado para garantir un servizo de calidade en igualdade de condicións para toda a veciñanza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.