Vázquez Cobas candidato á alcaldía: o goberno do BNG devolveralle a voz á xente

O Bloque presenta un proxecto claro con dous eixos: mellorar o mantemento e transformar o concello para unha Ribeira accesíbel, xusta, verde e con emprego



O BNG ribeirense realizou un almorzo informativo para presentar a Xosé Vázquez Cobas como candidato á alcaldía de Ribeira, que estivo arroupado pola deputada galega Montse Prado e o alcalde de Rianxo Adolfo Muíños. O candidato nacionalista foi eleito por unanimidade da asemblea local, cuestión que agradeceu dicindo que “supón unha honra encabezar un proxecto gañador, con ideas claras e cun equipo cohesionado”.


Vázquez Cobas asegura que o BNG ten un equipo solvente fronte un PP cada vez máis dividido que actúa a golpe de improvisación cuxo exemplo é Hesta Kurba; mercárona por 100.000€ para ser auditorio, logo sede da protección civil, instalacións da UAD e agora preténdenllo regalar a unha empresa para que faga unha residencia privada. Tamén denuncia a parálise do concello ao non executar 8 millóns de euros do Ribeira Atlántica ou a prepotencia ao actuar sen escoitar a xente facendo proxectos que non contan con apoio social como é a obra do Malecón. “Fronte a improvisación e a soberbia de non contar con ninguén, o BNG ten as ideas claras e un equipo experimentado disposto a devolverlle a voz á xente de Ribeira e das parroquias” declarou o candidato nacionalista.


O BNG é a única forza en disposición de afrontar unhas eleccións
Vázquez avala a fortaleza do BNG ao ser o único partido en disposición de afrontar mañá mesmo unhas eleccións e, asegura, que saen en condicións óptimas de poder liderar un novo goberno transformador e dialogante que rache con 30 anos de involución e improvisacións e soberbias.
Unha candidatura preparada para liderar o executivo municipal xunto cunhas propostas de goberno abaladas por moitos concellos do BNG premiados a nivel internacional, supoñen unha verdadeira oportunidade para o Concello de Ribeira.


Ideas claras para manter e transformar o concello
O candidato á alcaldía debullou as liñas xerais do programa de goberno que o BNG presentará e que está centrado en dous eixes fundamentais: a transformación de Ribeira e o mantemento de servizos básicos; limpeza, alumeado, mantemento de parques, estradas e beirarrúas.


Vázquez asegura que o BNG fará que Ribeira sexa “un concello con mantemento excelente”, pois os servizos fundamentais de alumeado e limpeza teñen que funcionar ben para o que está disposto a aumentar o investimento na atención das demandas da cidade e das parroquias. Con respecto ao mantemento de obras e equipamentos públicos como parques, paseos, e mobiliario urbano, fronte a política do PP que é a de deixar esmorecer as cousas, esta é unha das liñas prioritarias que se marcará un goberno do BNG.


En relación ao seu eixe transformador o candidato declara que, cun goberno liderado polo BNG, haberá “unha Ribeira accesíbel, xusta, verde e con emprego”.
Accesíbel porque se demostrou que os proxectos do BNG son positivos como é a posta en marcha do plan de transporte público; “é de destacar que os únicos proxectos exitosos que se fixeron nestes catro anos foron propostas do Bloque” argumentou Cobas.
Xusta porque se promoverán as políticas de igualdade e se traballará pola creación dunha residencia 100% pública. Será verde porque promoveremos o aumento das zonas verdes e un cambio no modelo de tratamento de residuos co fin de promover un modelo menos contaminante.
Finalmente será unha Ribeira con emprego con políticas de mellora de estacionamentos gratuítos para beneficiar a comercio e hostalaría, alugueiro de baixos comerciais, bolsas para investigadores e aposta clara pola creación de chan industrial para evitar a fuga de máis empresas. Con respecto ao sector do mar, este colectivo terá un goberno firme que defenderá os seus intereses alí onde sexa preciso.


O candidato á alcaldía de Ribeira, concluíu a exposición do programa de goberno, explicando que se o BNG lidera un goberno haberá unha revitalización das parroquias fomentando a actividade deportiva, cultural e o mantemento de infraestruturas parroquiais “as parroquias terán a voz que merecen, non queremos veciños de segunda”.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.