O BNG ven de denunciar unha vez máis o retraso na posta en marcha de varias instalacións deportivas no complexo deportivo da Fieiteira. Trátase do novo vaso da piscina municipal e do campo de fútbol de herba artificial, rematados fai xa bastante tempo e que por neglixencia na xestión municipal do Goberno de Ribeira, aínda non entraron en funcionamento.
Feitas as comprobacións pertinentes diante da Deputación e da Consellería de Industria, atopámonos con que, por parte do Goberno Municipal, aínda non se enviou a documentación necesaria, demandada pola Consellería. Eses incumprimentos son reiterados e remóntanse a xuño do 2005, momento este en que a Consellería de Industria remitiu escrito reclamando documentación que ata o momento aínda non foi enviada polo Goberno do PP.
Esta neglixente actuación do Goberno está ocasionando graves molestias á cidadanía en xeral e a varios equipos en particular que necesitan dese campo para a súa práctica deportiva.
Estes feitos deixan en evidencia o interese que di ter este goberno polo deporte, que só se manifesta como escusa para permutas máis que dubidosas.
Nova na Voz:
O BNG denuncia defectos no campo de herba artificial da Fieiteira
Nova no Diario de Arousa:
O BNG critica o retraso na apertura ao público das instalacións de A Fieiteira