A concelleira de Educación e Igualdade de Ribeira, Cruz Rivadulla, presentou dende a Biblioteca Municipal dúas actividades para, en colaboración coa Deputación, reivindicar o colectivo LGTB+ e para homenaxear a Trini Falcés, muller activista e pioneira na defensa dos dereitos das persoas transexuais. Rivadulla informou que na propia Biblioteca xa se pode ver unha instalación na que se expoñen diferentes obxectos, documentos e fotografías da homenaxeada e por outra banda o vindeiro venres 21 celebrarase a presentación do libro É mellor loitar que morrer de fame con Sergio Marey e Fito Ferreiro ás 19:00 h no C.C. Lustres Rivas.
Rivadulla contextualizou a loita da homenaxeada “que damos a coñecer a unha das persoas que durante anos loitaron por chegar a onde estamos, polo que se lle recoñecera que son persoas cos seus dereitos, neste caso Trini Falcés puido levar unha vida acomodada pero negouse e loitou durante os anos máis duros da posguerra; foi unha muller que participou en tódalas primeiras manifestacións a favor do colectivo, estivo encarcerada, se lle aplicou varias veces a Lei de vagos e maleantes e só lle quedou a saída que tiña esta xente nesa época: adicarse ao espectáculo”.
A edil engadiu que Falcés “loitou durante moitos anos, viviu fóra de Galicia até que retornou para pasar o seu derradeiros anos nunha residencia na que morreu hai tres anos”.
Lembrou que a historia do colectivo LGBT+ está ateigada de grandes referentes, non só para o colectivo, senón para historia universal; mais o problema que perciben dende o colectivo é a dificultade de acceso a estes referentes, e o esquecidas que están as súas historias, moitas veces precisamente por ser persoas disidentes. Esta dificultade de acceso aos referentes fai que as persoas trans, moitas veces, estean perdidas, sen coñecer aos seus predecesores. Porén e preciso amosar a historia das que precederon a este colectivo, para poder construír un presente e futuro máis igualitario, máis aínda nos tempos que corren co auxe da ultradereita, e onde os dereitos conquistados se poñen en interdito”.
Engadiu que “unha desas grandes historias LGBT+ do noso país é a de Trinidad Falcés, muller trans, galega e gran activista polos dereitos do colectivo. Ela exemplifica unha desas historias que debe ser referente para o colectivo, mais para todas as persoas tamén. Ela foi presa dun campo de concentración pola súa realidade como persoa trans”.