A presión veciñal provoca cambios e o PP local contradí ao seu grupo parlamentario
O salón de plenos de Ribeira quedou pequeno para acoller a tantas veciñas e veciños de Palmeira, que acudiron para ver o debate da moción presentada polo BNG coa que se pretende garantir a atención sanitaria de calidade e demandar da Xunta que cubra todas as baixas e vacantes do persoal médico que hai nos centros de saúde do municipio.
A situación da Atención Primaria no concello empeora a pasos axigantados por mor da precariedade laboral que padece o persoal sanitario por mor dos recortes aplicados polo Goberno galego e cualificou de “insostíbel” a situación no caso concreto de Palmeira. Malia que o centro debe atender máis de 1.100 pacientes, non se cobre a baixa do médico a tempo completo e só mandan profesionais médicos despois da súa xornada laboral desde Silleda ou desde Noia para cubrir a baixa do único médico que ten o centro palmeirense. “Que calidade asistencial poden ter os doentes se os atende un profesional esgotado e que nunhas poucas horas debe atender a toda a poboación?”.
O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, tamén detallou o que acontece co centro de saúde de Ribeira, cun cupo de máis de 20.000 persoas, a día de hoxe faltan 6 facultativos e facultativas se contamos coas libranzas por facer horas de garda no Punto de Atención Continuada (PAC) porque o Sergas non cobre as baixas e as vacacións do persoal.
”Os centros sanitarios de Palmeira e Ribeira son o exemplo de como os recortes e a precariedade deterioran o sistema público de saúde” aseverou Barral, quen lamentou que as listaxes de agarda para acudir a unha cita médica ou para receitas vaia a máis e a atención sexa de peor calidade.
O portavoz nacionalista botou man dos datos do Sergas para desmontar as desculpas do Partido Popular que achacan os problemas actuais á falta de médicos/as. Pérez Barral dixo que a unha convocatoria de 106 prazas para médicos para Atención Primaria presentáronse 353 persoas, “isto demostra que o PP mente cando di que non hai profesionais sanitarios”.
Contradicións entre o PP local e o PP galego
Mostramos a nosa satisfacción porque “a grande mobilización social que está habendo para defender a Sanidade pública, está provocando mudanzas, pois obrigou ao goberno local e ao rexedor, Manuel Ruiz, a ter que defender os intereses da veciñanza ribeirenses por riba dos intereses do PP, algo que até o de agora nunca demostrou”. Pérez Barral instou ao goberno ribeirense a se poñer a carón da veciñanza para esixir solucións que permitan cubrir as baixas, as vacantes do persoal nos centros de saúde e se poña fin á precariedade laboral así como a sobrecarga que o Sergas obriga aos seus profesionais. “Non imos consentir que deterioren o sistema público de saúde, seguiremos traballando a carón dos profesionais e da veciñanza para garantir o dereito a unha atención sanitaria de calidade e con persoal suficiente” concluíu Barral.
A moción do BNG aprobouse por unanimidade – Resumo en vídeo da intervención do BNG
Outros asuntos
A) Segunda prórroga do contrato de “Son a túa axuda” para prestar o Servizo de Axuda no Fogar. O portavoz, Luís Pérez Barral, agradeceu en nome do BNG o traballo desenvolvido por todas as mulleres que fan un magnífico traballo desde o SAF, sobre todo nos dous últimos anos porque foron especialmente duros pola irrupción da pandemia e todo o que isto supuxo.
Temos que lembrar que o Concello de Ribeira iniciou os trámites para adxudicar o SAF por un importe de 1.085.000€ no ano 2019. O prazo era dun ano e prorrogábel até un máximo de cinco. Desde o BNG sempre remarcamos a necesidade de camiñar cara á municipalización deste servizo porque isto implicaría mellorar as condicións laborais das traballadoras que prestan este servizo e tamén se melloraría a prestación por parte das persoas usuarias.
Entendemos que se deberían incluír cláusulas sociais nas que se lle esixa á empresa concesionaria garantías como melloras nas condicións laborais ou salariais, sobre todo nun sector no que maioritariamente traballan mulleres, concretamente nun 97%. A representante do BNG en Europa, Ana Miranda, xa ten denunciado múltiples casos de precariedade laboral e a Comisión Europea abriu un expediente para analizar este asunto.
O PP sempre di que sería inasumíbel un servizo así para o Concello pero vemos como concellos nos que o BNG goberna como A Pobra do Caramiñal ou Verín xa anunciaron a municipalización do servizo polo que en Ribeira seguiremos tentando que a súa prestación se faga de maneira directa porque vai supoñer unha mellora na calidade na atención das persoas usuarias así como unha mellora substancial nas condicións laborais das traballadoras.
Votos a favor do PP e abstencións de BNG, PBBI, SR e PSOE
B) Cambio de destino do inmoble da Comisaría da Policía para destinalo ao ámbito educativo para o colexio O Grupo. Aprobado por unanimidade
C) Rectificación proxectos do Plan de Obras e Servizos ‘Plan Único’ da Deputación. Desde o BNG somos moi críticos porque o pasado mes de maio, o goberno trouxo levou a pleno a corrección dunha serie de proxectos incluídos no POS. Isto non é a primeira vez que pasa e vemos como as actuacións se atrasan os proxectos e a realización das obras que son necesarias para resolver cuestións que lle afectan no día a día á veciñanza. Non só pasa co Plan de Obras e Servizos senón que tamén se dan modificados en obras na pérgola da estación de autobuses, no novo auditorio para Ribeira e nun longo etc de proxectos.
Iso demostra que o goberno non está a altura das circunstancias porque non é lóxico que se teñan que estar corrixindo e rectificando constantemente os plans de obras e de infraestruturas. Pedímoslle ao goberno local que tome nota porque a veciñanza esixe solucións e non crear máis problemas dos que xa existen.
Aprobado cos votos a favor de PP, PBBI, PSOE, SR e abstención do BNG
D) Modificación da ordenanza do prezo público da escola infantil para establecer a gratuidade do servizo.
Aprobado por unanimidade
E) Proposta para realizar unha estrada entre o hospital e a estrada que vai á Curota en dirección á Pobra. Aprobado cos votos a favor de PP, PSOE e abstención de BNG, PBBI e SR
F) Proposta para mellorar as fontes públicas. Aprobado por unanimidade
G) Proposta para aplicar nova capa de pavimento á rúa da Capela. Aprobado cos votos a favor de BNG, PBBI, PSOE, SR e abstención de PP
H) Proposta para suprimir casetas obsoletas de telefonía e electricidade. Aprobado por unanimidade