Unanimidade a favor dunha sala de ensaio “digna” e apoio aos grupos de música

A Corporación dálle o apoio unánime á proposta do BNG para dotar a Ribeira de salas de ensaio dignas e apoiar os grupos de música locais



Resumo do pleno ordinario do mes de xaneiro de 2019, onde se trataron os seguintes asuntos:


- Aprobada a proposta do BNG para realizar melloras no local de ensaio e apoiar a grupos de música: A demanda de locais de ensaio, nun emprazadamento axeitado e cunha dotación material suficiente, en Ribeira é algo no que desde o BNG levan traballando durante anos. Concretamente en 2005 o BNG presentaba unha iniciativa ante a Corporación Municipal ribeirense, inicio dun longo traballo neste campo e na que o Partido Popular votaba en contra.


O concelleiro nacionalista, Luís Pérez Barral, lembrou que durante o paso do BNG pola Xunta de Galiza, Ribeira puido dispoñer de locais de ensaio financiados pola Administración galega, cuestión que foi rexeitada polo Partido Popular. “O Concello de Ribeira só tiña que ceder un espazo ou local e a Xunta encargaríase do financiamento de toda a obra, mais a negativa do PP, por interese partidista, fixo que Ribeira perdese unha partida económica de até 120.000€ da Xunta para construír unha instalación axeitada ás necesidades dos grupos de música do municipio” asegurou Barral.
O traballo feito polo Bloque, sempre en contacto cos grupos de música locais, durante o 2005 até hoxe fixeron posíbel que en Ribeira haxa un espazo para ensaiar pero que está lonxe de cumprir as espectativas de confortabilidade e dotación suficiente tal e como demandan os e as músicas. Ademais a isto temos que engadir os atrancos postos polo equipo de goberno en diferentes ocasións ou o peche inxustificado durante determinados momentos, cuestión ante a cal o BNG requeriu explicacións en 2014 e demandou melloras na limpeza en 2016.


O BNG conseguíu o apoio unánime da Corporación Municipal para arranxar as carencias do local de ensaio que se detallan a continuación. Ademais conseguíu o apoio para que a medio prazo Ribeira conte cunha sala de ensaio en condicións dignas para os grupos de música.


Carencias estruturais:
Ventilación: as salas de ensaio deben ter un ambiente seco para que os amplificadores, instrumentos, e o propio local poidan ser confortábeis, lonxe disto, en Ribeira as condicións de humidade do local, deteriora toda a instalación eléctrica.
Servizo: A sala carece de servizo polo que as persoas que empreguen o local teñen que saír e acudir a algún local hosteleiro para faceren as súas necesidades.
Iluminación: actualmente a sala non está ben iluminada.


Carencias no quipamento:
Dous micrófonos cos seus correspondentes cables. Na actualidade un dos micrófonos adoita fallar no contacto co cable e outro non funciona. Necesítase outro micrófono ademáis do usual para facer os posíbeis coros. Tamén é necesario máis potencia para a voz, mediante un equipo de PA máis potente.
Dous
amplificadores de guitarra. Un dos actuais está avariado, polo que se perden frecuencias ao pasar a guitarra pola mesa, o outro ten un son do que se podería decir que desvirtua ás guitarras.
No que atinxe á
batería, as necesidades eran tantas que a día de hoxe o máis rendíbel sería mercar unha nova.
Pizarra e rotuladores, xunto con algo de alcol para limpala de posíbeis restos residuais de rotulador.
Atrís para ler partituras, letras e demais.
- Iniciativa do BNG para arranxar desperfectos no pavimento de Parte ao Río en Carreira: as beiradas de cemento presentan roturas que dificultan o tránsito dos coches e o paso das veciñas e veciños.


- Iniciativa do BNG instalar taboleiro informativo sobre a escultura do Grip en Corrubedo: a iniciativa defendida polo voceiro municipal Xosé Vázquez Cobas pretende que se sinalice correctamente para que as persoas poidan achegarse a el dunha maneira áxil. Tamén consideramos que debe haber un panel informativo para explicar autoría, deseño e motivo da instalación desa escultura.


- Iniciativa do BNG para pedir un maior control da temperatura da piscina municipal: o Bloque rexistrou esta solicitude ante as demandas que fixeron algúns usuarios e usuarias do complexo polideportivo da Fieiteira, xa que nalgunhas ocasións, a temperatura da auga da piscina é demasiado baixa.


- Iniciativa do BNG para exixir o remate da pavimentación da pista dos Paramos: de Paramos, en Martín, sae unha pista que comunica coa Ameixida. O caso é que só esta asfaltada nun tramo, estando o resto a terra. Iso crea aos veciños e veciñas problemas de mobilidade polas fochancas, encharcamentos e lameiras que adoitan formarse por iso pedimos que se amañe á maior brevidade posíbel.


- Outros asuntos:


- Incremento do custe do contrato de abastecemento de auga e saneamento por mor das cláusulas firmadas no seu día cando o PP privatizou o servizo. O Concello ten a obriga de pagar cada ano máis por este servizo privatizado. O BNG solicitou a remunicipalización do servizo polos problemas de auga que existen e polo encarecemento do servizo. Aprobado cos votos a favor do PP, contra de BNG e PSOE e abstención de IPR, C’s e edís non adscritas/os.


- Solicitude da Corporación Municipal á Xunta de Galiza para conceder a medalla Castelao a Manuel Ayaso pola súa traxectoria artística. Aprobado por unanimidade


- Achega de 90.000€ ao Museo do Gravado á Estampa Dixital. Aprobado por unanimidade


- Adhesión do Concello de Ribeira ao pacto polo clima e a enerxía para tentar reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro. O BNG propuxo ampliar estes obxectivos reducindo a cantidade de lixo e promovendo a compostaxe de residuos orgánicos. Aprobado por unanimidade


- Proposta para realizar o parque arqueolóxico da idade de Ferro: Os castros dos Praestamáricos entre os concellos de Ribeira, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo. A Deputación da Coruña dará unha subvención de ata 600.000€. Aprobado por unanimidade


- Aprobado por unanimidade realizar actuacións de mellora na fonte de Frións, na accesibiidade do cemiterio de Ribeira, mantemento no Dolmen de Axeitos e realización de sumidoiros na rúa Granxa (detrás do IES Leliadoura). Tamén se comentou realizar limpeza de beirarrúas en Aguiño, melloras do firme nun vial de Oleiros.


- Renuncia da concelleira Herminia Pouso por discrepancias co alcalde.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.