O pleno de Ribeira, celebrado este 23 de febrero, aprobou por unanimidade a ratificación plenaria do expediente iniciado en decembro de 2023 para a adquisición da nave de Cerqueira, un trámite previsto dende hai tempo tal e como recollían os informes de Secretaría e como explicara publicamente o 10 de outubro de 2025 o daquela alcalde, Luís Pérez Barral. A votación confirma así un proceso administrativo iniciado e desenvolvido polo goberno encabezado por Pérez Barral como resultado un novo espazo patrimonial para toda a veciñanza.
Cómpre salientar que o debate arredor da nave non comezou agora, senón en 2021, cando o BNG propuxo a súa declaración como Ben de Interese Cultural para garantir a protección do inmoble, iniciativa que fora rexeitada naquel momento polos votos do PP e de PBBI. Lonxe de abandonar o proxecto, no Bloque continuamos impulsando xestións ata deixar o expediente completo e só pendente dunha concesión de Costas que segue en tramitación e que aínda non está resolta.
Tras o cesamento da actividade industrial e traslado a Rianxo por carecer Ribeira de chan industrial, Pérez Barral volveu demandar en xaneiro de 2023 a preservación da nave propoñendo ademais un proxecto integral para revitalizar o barrio de Banda ao Río, algo que foi posto en coñecemento do tecido asociativo e centrado na rehabilitación urbana, a dinamización cultural e a defensa dos servizos públicos.
A ratificación unánime no pleno evidencia que o camiño iniciado era sólido e axeitado, e considera “sorprendente” escoitar críticas agora por parte de quen votara en contra da protección da nave ou de quen atopou o expediente practicamente rematado e só á espera dunha única autorización administrativa como é a concesión de Costas. O actual goberno do PP da señora Sampedro tenta trasladar á cidadanía unha versión terxiversada só para evitar recoñecer o traballo feito ao longo deste tempo.
Neste sentido, Pérez Barral destacou que todo este proceso “evidencia que houbo un goberno honesto que traballou por facer unha vila en grande” e contrapón ese balance coa situación herdada polo Partido Popular: unha débeda municipal de 13 millóns de euros e a ameaza dun posible derrubo e indemnización de 1,5 millóns polo peche da gasolineira de Xarás. Fronte a iso, destaca que o legado deixado polo equipo de Pérez Barral é “patrimonio público e financiamento histórico”, en referencia á recuperación de Cerqueira e á consecución da maior cantidade dos fondos europeos na historia de Ribeira, concretamente 6,5 millóns, grazas ao proxecto aprobado cos votos a favor do BNG, do PBBI e do PSOE, sen o apoio do PP e do que agora pretende fachendear.
Para o BNG, a decisión plenaria certifica un modelo de vila centrado nas persoas, na recuperación do patrimonio para todos e todas e na captación de recursos para mellorar barrios. “O importante é que Cerqueira é da veciñanza e Ribeira conta con financiamento para transformarse. Esa é a realidade”, conclúen.
O punto sobre Cerqueira foi aprobado por unanimidade
Aprobada por unanimidade a iniciativa do BNG para reclamar o bo funcionamento do transporte público
O grupo municipal do BNG no Concello de Ribeira valora moi positivamente a aprobación no último Pleno de dúas iniciativas presentadas pola formación nacionalista, que contaron co respaldo unánime da Corporación e que teñen como obxectivo mellorar de maneira directa a calidade de vida da veciñanza de Ribeira.
A primeira das propostas aprobadas céntrase na situación do transporte público por estrada na provincia da Coruña, un servizo esencial que atravesa un grave conflito laboral e deficiencias de funcionamento que afectan a milleiros de persoas usuarias. O acordo plenario insta á Xunta de Galiza a implicarse activamente na resolución do conflito, desbloquear a negociación colectiva e garantir un servizo eficiente, especialmente nas conexións coa comarca do Barbanza. Tamén se reclama ás empresas concesionarias —entre elas a principal operadora Monbus— o cumprimento rigoroso dos horarios e frecuencias.
“O respaldo unánime da Corporación Municipal demostra a relevancia e urxencia de actuar ante unha situación que está a afectar diariamente a milleiros de persoas usuarias e traballadoras”. A formación nacionalista subliña que este acordo supón un paso importante para defender un servizo público esencial e para esixir responsabilidades ás administracións competentes, despois de anos de políticas impulsadas polo Partido Popular que, segundo sinalan, favoreceron a concentración empresarial e o deterioro do servizo.
“Agora imos esta vixiantes para que se cumpran o acordado e no caso de que non se produzan avances, o BNG continuará promovendo novas iniciativas e accións institucionais para seguir defendendo os intereses da veciñanza”.
Aprobada a proposta do BNG para crear un novo espazo verde e estacionamento de balde nas Carolinas
Na mesma sesión plenaria aprobouse tamén a iniciativa defendida polo portavoz municipal Luís Pérez Barral para recuperar o ámbito das Carolinas e transformalo nunha zona verde pública con estacionamento gratuíto. A proposta busca crear un espazo pensado para as persoas, que favoreza o lecer e a actividade comercial, ao tempo que dá resposta á falta de prazas de aparcadoiro existente na zona.
Hai arredor de quince anos, nesta zona do centro urbano había un espazo infantil e prazas de aparcadoiro, mais coa construción da nova lonxa e a remodelación da fachada marítima realizada polo Concello en 2020, cun investimento duns 450.000 euros, “reducíronse carrís e elimináronse numerosas prazas de estacionamento, agravando un problema xa existente nun barrio con escaseza de garaxes”.
Na actualidade, trala concesión administrativa que permitirá que a antiga lonxa funcione como nave de redes, ábrese unha oportunidade para crearmos un espazo pensado para as persoas, xa que os redeiros pasarán a estar na antiga lonxa e se precisan facer traballos no exterior, pode empregarse o porto comercial. O portavoz nacionalista sinalou que “é o momento de pensar en como devolverlle este espazo á xente das Carolinas”.
O BNG defendeu que este ámbito debe volver ter un uso veciñal e converterse nun lugar agradable para pasear, descansar, xuntarse ou levar ás crianzas. “Demandamos que o PP, a través de Portos de Galiza, deixe de bloquear proxectos que son positivos para á veciñanza de Ribeira e faga a reversión ao Concello dos terreos sen uso vinculado á actividade marítima, medida que facilitaría a realización de eventos sen custos ou procesos burocráticos longos como acontece hoxe en día” argumentou Pérez Barral. No caso concreto das Carolinas proponse que o espazo se destine á creación dunha zona verde pública e dunha área de estacionamento gratuíto, algo que permitiría “reverdecer o barrio, crear un lugar de encontro e paliar a falta de prazas para residentes e clientes dos negocios da contorna”.
Pérez Barral subliñou que o proxecto debe deseñarse con criterios de sustentabilidade ambiental, integración paisaxística e accesibilidade: “Queremos un modelo de vila pensado para as persoas, no que o espazo público sexa unha prioridade e contribúa ao benestar colectivo e facilite a actividade comercial”.
Outros asuntos
- Proposta para reclamar o arranxo integral do colexio O Grupo. Aprobado por unanimidade
A concelleira Cruz Rivadulla, defendeu a necesidade de actuar no centro de ensino público con máis rapazada do centro urbano de Ribeira. Ela mesma exemplificou que cando fora membro do Consello Escolar e representante da Anpa nos anos 90, xa había queixas dalgunhas deficiencias que foron, co paso dos anos, indo a máis. Durante a etapa que estivo á fronte da Concellería de Educación en Ribeira, entre o ano 2023 e 2025, mantivo dúas reunións para solicitar as melloras do colexio, unha a Santiago co alcalde Luís Pérez, onde nos asegurou a Xunta que xa estaban presupostadas as obras para a reforma integral do Grupo e outra coa dirección do centro para falar co equipo técnico da Consellería das deficiencias que presenta o colexio. Porén a día de hoxe, tras moitas promesas da Consellaría de Educación, a comunidade educativa segue esperando esas obras tan necesarias.
A demora da Xunta en atallar as deficiencias provoca que o concello deba facer gastos que non lle son propios como as obras da antiga comisaría que tivo que facer a brigada de obras municipal e onde o propio colexio comprou material co seu orzamento, despois de que a Xunta asumira a titularidade do edificio, para habilitar aulas onde levar a rapazada de infantil e poder instalar o ascensor, ascensor que tardou mais dun ano en acabarse desde que comenzaron as obras cos inconvenientes para o desenvolvemento das aulas.
Rivadulla recriminou a propaganda da Consellería de Educación que este pasado mes de xaneiro vendeu a bombo e prato a licitación de 16 obras en colexios pero ningunha no concello de Ribeira.
O BNG fixo unha emenda aos Orzamentos da Xunta para o ano 2026 onde propoñía destinar un millón de euros para a renovación integral do Colexio O Grupo e das súas instalacións, mellorando a eficiencia enerxética pero especialmente para cambiar a cuberta que está en moi mal estado.
“O PP votou en contra desa proposta en positivo que presentou o BNG por iso imos seguir traballando e esforzándonos para que a rapazada do Grupo e o profesorado tivesen unhas instalacións axeitadas para o desenvolvemento da actividade” conluíu. - Revisión dos prezos do contrato de Viaqua. Aprobado por unanimidade
O contrato adxudicado polo Partido Popular en 2010 para levar a xestión da auga de Ribeira incluía unha revisión de prezos que vai facer que este ano seguramente a empresa teña un ingreso a maiores de algo máis de 41.000€ en concepto de alza de prezos e reequilibro do contrato. Cómpre indicar que Ribeira abastécese de auga que chega do río Sieira, regatos de Palmeira e a principal fonte de abastecemento é a auga que nos chega do río Ulla que ten un custo superior ao do río Sieira. Por dilatacións da Xunta á hora de concedernos un maior volume de auga do río Sieira estamos tendo que pagar moito máis do que deberíamos deste contrato. Alén das revisións extraordinarias tamén hai unha ordinaria aplicable do 2021 a 2024. Estas revisións supuxeron un saldo a favor de Viaqua de 473.000 euros.
O portavoz, Luís Pérez Barral, inquiriu ao goberno local que pensa facer ante o seu homólogo na Xunta porque mentres se acusa a grupos como o BNG de facer oposición á Xunta, o que comprobamos é que o acatamento do goberno ribeirense a todo canto lle ditan dende arriba para defender os intereses do PP, fai que todos os ribeirenses teñamos que pagar máis por un servizo esencial como é o da auga. - Aprobación inicial do regulamento de funcionamento da biblioteca pública municipal de Ribeira. Aprobado cos votos a favor de PP, BNG, PBBI, 1 edil non adscrita e voto en contra do PSOE



