Segunda xuntanza ante os problemas coa EDAR no Concello de Ribeira

O BNG, a través do seu concelleiro Luís Pérez Barral, participou da 2ª xuntanza que houbo no Concello de Ribeira entre as representantes da plataforma afectadas pola EDAR de Ribeira, o director de Augas de Galiza, a directora de Acuaes e diverso persoal técnico da Estación de Depuración de Augas Residuais (EDAR).


Os representantes da plataforma veciñal detallaron que os cheiros que viñan soportando reducíronse e mesmo mudou o tipo de cheiro que existe agora con respecto ao anterior. Na actualidade detectouse que o tanque de tormenta sito nos Areeiros, provoca un ruído que molesta á veciñanza que vive máis próxima a el. A solución proposta para paliar este problema é a plantación dun sebe que cree unha pantalla vexetal.


Con respecto aos cheiros o persoal técnico explicou que, tras realizar un exhaustivo estudo, conclúe que a causa que produce os cheiros é a existencia de augas residuais industrias e as filtracións de auga mariña na rede de saneamento xeral. Os cheiros prodúcense debido a que estas augas teñen diferentes condutividades provocan unha serie de reaccións e eliminan o osíxeno cando entran en contacto coas augas residuais.
Ante estes problemas, informouse que o Concello de Ribeira vai acometer obras que corrixan en grande medida a entrada de auga do mar na rede de saneamento. Do mesmo xeito a industria Cerqueiras vai comezar as obras necesarias para conectar o seu sistema de depuración coa decantadora do Touro (lugar por onde se verten todos os residuos procedentes das industrias, os residuos urbanos van para Aguiño).


Na xuntanza detallouse que a solución a implantar para eliminar os cheiros consiste en captar o aire dos pozos de tormenta para pasalos por un sistema de desodorización antes de expulsalos ao exterior. A solución proposta para o problema coas arquetas e sifóns que expulsan cheiros e residuos, será a de instalar uns filtros de carbono activo subterráneos cando sexa posíbel para evitar que o aire que se expulse non cheire mal. Todas estas medidas precisan dunha serie de simulacións (temperatura, volume de residuos, chuvias, etc) que aínda se están realizando e, unha vez analizadas as mellores solucións, o prazo que se contempla para resolver o problema completamente é o verán de 2018.


O BNG puxo en riba da mesa os problemas que ocasionan as verteduras que se producen no porto de Ribeira, ante o cal o Concello de Ribeira como Portos de Galiza se comprometeron a subsanar estes puntos de contaminación para canalizalos á rede de saneamento.


Finalmente falouse do aliviadoiro do río Paxariños que tanto lle preocupa ao BNG como a plataforma veciñal, xa que este aliviadoiro non ten saída ao mar e os residuos que poida expulsar van ficar no río. O alcalde de Ribeira alegou que Costas non daba o permiso para conducir o aliviadoiro até o mar, mais parece que ten pouca vontade de esixir o que é necesario para evitar un problema no futuro.


O compromiso do BNG é que o sistema de depuración funcione correctamente sen causar molestias á veciñanza, polo que tal e como dixemos en reiteradas ocasións, non queremos que se reciba a obra até que todo funcione correctamente.

Un comentario en «Segunda xuntanza ante os problemas coa EDAR no Concello de Ribeira»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.