Ruiz Rivas dilapida cartos públicos para incumprir a lei

O BNG denunciará o caso ante Política Lingüística, a Valedora do Pobo e o Parlamento Galego


O BNG non está disposto a deixar pasar o atropelo que fixo o equipo de Ruiz Rivas coa instalación de dous letreiros co nome deturpado da localidade. A deturpación que aplica o PP sobre topónimo de Ribeira e a división social que contribúe a xerar non é algo novidoso, mais si o é o gasto de cartos públicos para incumprir coa lexislación vixente como é a Lei de normalización lingüística, que contén tamén a base legal para a recuperación e fixación da toponimia galega. No seu artigo 10 establece que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” e que “corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia”.


Do mesmo xeito, as institucións públicas deben aterse ao establecido no Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente coas entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG, 25/03/2003) onde se recolle que o nome do municipio é “Ribeira”. Estas dúas leis, teñen un rango superior ao acordo plenario en que basea o PP a súa defensa para deturpar o topónimo.


Alén do anterior, en 2013 unha profesora da Universidade de Santiago de Compostela, membro da Real Academia Galega (RAG) e do Comité científico do Instituto da Lingua Galega (ILG) fixo un estudo no que concluíu que “as razóns presuntamente históricas para a defensa de “Riveira” caen cun estudo minimamente rigoroso e a orixe do nome da vila é Ribeira por estar «a pé do mar».


Desde o BNG denúnciase como o PP gastou, polo momento, 3.328,84€ de cartos de todos os veciños e veciñas na instalación dos letreiros nas rotondas, gasto reflectido na factura da Xunta de Goberno Local celebrada o día 1 de marzo de 2018. Un feito que mostra con claridade como o Partido Popular gasta cartos públicos para vulnerar as leis e desatende os requirimentos feitos por diferentes institucións, como a da Valedora do Pobo en 2012 e en 2016 e a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) en 2016 a instancias do Bloque. Ambas institucións exixíronlle que non deturpase a toponimia e procedese a cumprir coa lexislación, sen que isto supuxese un cambio de actitude e moito menos, o cumprimento da legalidade.


O concelleiro nacionalista Luís Pérez Barral denunciou que “non é lóxico que o goberno dunha institución pública incumpra coa lei, promova a división social da veciñanza, obvie os requerimentos que lle fixeron Política Lingüística e Valedor do Pobo e non pase nada”. Pérez Barral ironizou “acaso o señor Ruiz Rivas ten o privilexio de escoller que leis desexa cumprir e cales non?”.

O BNG anuncia unha batería de medidas nas institucións


Pérez Barral foi contundente e afirmou que “o Bloque non pensa ficar de brazos cruzados ante o que supón unha burla dun goberno prepotente cara as normas vixentes e cara ó galego”. Neste sentido anunciou a presentación de iniciativas ante o Parlamento de Galiza, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Valedora do Pobo.


Finalmente desde o BNG apúntase a que tarde ou cedo a razón triunfará fronte a ignoracia que defende o PP. Mostra disto é como Portos de Galiza, tras unha denuncia do BNG, tivo que corrixir en 2016 o topónimo deturpado “Riveira” polo único correcto e legal Ribeira.

2 comentarios en «Ruiz Rivas dilapida cartos públicos para incumprir a lei»

  1. Personalmente non son un seguidor do partido debido á corrente nacionalista do mesmo, pero quero agradecervos todo o traballo que facedes, sobre todo en pequenos detalles como ese. Grazas por pararlle os pés ó goberno do PP con estas parvadas.

    Estou farto de ver inconsistencias por todo Ribeira, con algúns carteis con Ribeira e outros con Riveira. Cada vez que veñen os turistas debense de rir de nos de que non sabemos nin escribir o noso propio nome.

Responder a Carlos Dopico Cancelar la respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.