Ruiz Rivas despide irregularmente a profesorado do conservatorio de Ribeira

Ante o anuncio do Goberno ribeirense de prescindir do profesorado do Conservatorio encargado da Escola Municipal de Música, o Bloque Nacionalista Galego mostra o seu apoio ao profesorado do centro e denuncia o proceder “irregular” do goberno local.


O portavoz do BNG Luís Pérez Baral e a concelleira Cruz Rivadulla Márquez, compareceron para desmentir as declaracións do rexedor que argumentaba na falta de aprobación dos Orzamentos de 2022 a necesidade de prescindir dese persoal. “Aínda que se tiveran aprobado as contas do 2022, a día de hoxe estarían en prazo de exposición pública e, polo tanto, non estarían en vigor”.


Pérez Barral cualificou o asunto como de “extrema gravidade” pois supón “pasar tódalas liñas vermellas” ao asegurar que o alcalde “chega ao punto de prescindir de traballadores e traballadoras municipais co obxectivo de danar a imaxe dos grupos políticos que non aceptamos as súas chantaxes”.


Solicitamos a rectificación desta decisión ao entender que o persoal público que presta servizos tan básicos para a poboación como o da Escola de Música (destinada á rapazada de 3 a 7 anos) “non pode sufrir o castigo dun alcalde incapaz de dialogar e chegar a acordos”.


A lexislación garante a prestación dos servizos públicos e o pagamento das retribucións do persoal municipal, polo que xa advertimos que “se o Goberno local opta por atacar ao persoal municipal e deteriorar a calidade dos servizos públicos prexudicando á veciñanza, o BNG actuará en consecuencia”.


“Se aceptamos a falacia de que non hai cartos para pagarlle ao persoal do concello que presta servizos públicos para a veciñanza, tampouco pode habelos para pagar os 55.000 euros anuais que cobra o alcalde, os 70.000 euros que cobran os dous tenentes de alcalde ou os 25.800 doutra concelleira do Partido Popular” recriminou Barral.


Desde o BNG tamén lle pedimos ao Goberno local que “estea á altura do que precisa Ribeira e se centre en resolver os problemas que ten a veciñanza”. Barral finalizou recordando que seguen coa “man tendida para impulsar acordos que sexan positivos para a veciñanza” pero para iso aclaran que o goberno debe cambiar de actitude e estar disposto a dialogar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.