Ruiz malgasta os cartos públicos para poñer corazóns e incumprir leis

Vázquez Cobas considera que Ruiz rise da lexislación en materia lingüística e anuncia que levarán o caso ante Política Lingüística e a Valedora do Pobo


O BNG non vai tolerar o novo capricho de Ruiz Rivas de encher a cidade de corazóns deturpando o topónimo oficial do municipio. A deturpación do topónimo de Ribeira que fai o PP e a división social que xera non é algo novidoso, mais parece que Ruiz teima en seguir facendo uso dos cartos públicos para satisfacer os seus caprichos persoais aínda que para iso teña que incumprir a lexislación vixente. Lémbranlle a Ruiz que debe respectar a Lei de normalización lingüística, que contén tamén a base legal para a recuperación e fixación da toponimia galega cuxo artigo 10 establece que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” e que “corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia”.

Do mesmo xeito, as institucións públicas deben aterse ao establecido no Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente coas entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG, 25/03/2003) onde se recolle que o nome do municipio é “Ribeira”. Estas dúas leis, teñen un rango superior ao acordo plenario en que basea o PP a súa defensa para deturpar o topónimo.


Alén do anterior, en 2013 unha profesora da Universidade de Santiago de Compostela, membro da Real Academia Galega (RAG) e do Comité científico do Instituto da Lingua Galega (ILG) fixo un estudo no que concluíu que “as razóns presuntamente históricas para a defensa de “Riveira” caen cun estudo minimamente rigoroso e a orixe do nome da vila é Ribeira por estar «a pé do mar».


O voceiro, Xosé Vázquez Cobas, anunciou que o BNG vai esixir por escrito o custo da instalación dos corazóns e as horas que perdeu a brigada de obras municipal para instalalos. Vázquez Cobas cre que a brigada de obras debería estar mantendo as beirarrúas, os parques ou o mobiliario urbano como bancos e papeleiras en vez de estar perdendo o tempo en poñer corazóns que Ruiz teima en diseminar polo municipio.
Por outra banda, Vázquez, recriminoulle ao
Partido Popular que teime en continuar co malgasto de cartos públicos para vulnerar as leis desatendendo os requirimentos feitos por diferentes institucións, como a da Valedora do Pobo en 2012, en 2016 e 2019 e a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) en 2016 todas estas veces foron após iniciativas rexistradas polo Bloque. Ambas institucións exixíronlle que non deturpase a toponimia e procedese a cumprir coa lexislación. “Imos recompilar toda a documentación e imos levar o caso ante o Valedor do Pobo e a SXPL, pedíndolle que tomen cartas no asunto de xeito inmediato” explicou Cobas.


Non é lóxico que o goberno dunha institución pública incumpra coa lei, promova a división social da veciñanza, obvie os requerimentos que lle fixeron Política Lingüística e Valedor do Pobo e non pase nada. Acaso o señor Ruiz Rivas ten o privilexio de escoller que leis desexa cumprir e cales non?.


Finalmente Cobas asegurou que tarde ou cedo a razón triunfará fronte a ignoracia que defende o PP. Mostra disto é como Portos de Galiza, tras unha denuncia do BNG, tivo que corrixir en 2016 o topónimo deturpado “Riveira” polo único correcto e legal Ribeira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.