Asuntos tratados no pleno ordinario de febreiro celebrado o 3 de marzo de 2022
Proposta do BNG para que Ribeira conte con vivendas de emerxencia social: o voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, defendeu a iniciativa para que Ribeira conte con alomenos catro vivendas de emerxencia social temporal. Vázquez Cobas demandou que o goberno local negocie coas entidades financeiras para que algunha das 3760 vivendas que hai baleiras no municipio pasen a ser propiedade municipal para que poidan ser empregadas en casos de emerxencia social, violencia machista, acollemento familiar, etc.
O voceiro nacionalista indicou que “é hora de que Ribeira conte con vivendas destinadas a emerxencia social” que poidan usar as familias en risco de exclusión social, persoas con problemas económicos severos ou casos de violencia machista ou de desafiuzamentos, para que teñan unha vivenda digna dispoñíbel mentres se resolve a súa situación persoal. Con esta proposta, daríase cumprimento á ordenanza de Inclusión Social do Concello de Ribeira e axudaría ás persoas máis desfavorecidas.

Ademais de vivendas de emerxencia social temporal, o edil nacionalista demandou impulsar a creación de vivendas de protección oficial en réxime de alugueiro e que todos os activos inmobiliarios da SAREB (banco malo cuxas perdas asume o Estado) na Galiza, que ten en propiedade unha carteira de 2.735 vivendas, se transfiran á Xunta de Galiza. A proposta do BNG pasa por que sexa o Instituto Galego de Vivenda e Solo o encargado de xestionar estes activos “e se permita constituír unha bolsa de vivenda pública na Galiza para facilitar o acceso á vivenda das persoas e colectivos máis desfavorecidos, así como a mocidade deste país”. Vázquez Cobas explicou que “xa que o Estado rescatou con cartos públicos á banca, o mínimo que se debe facer é darlle un fin social a todas esas vivendas baleiras que existen no país.
“Concretamente en Ribeira hai preto de 100 vivendas da Sareb que poderían ser destinadas ao alugueiro” esgrimiu Cobas. “Se se fixese isto, daríaselle unha solución definitiva a moitas persoas que corren risco de desafiuzamento e garantir o dereito da poboación a ter unha vivenda digna” concluíu.
A proposta foi aprobada cos votos a favor do BNG, PSOE, SR, PBBI e abstención do PP.
Outros asuntos:
Adxudicación do contrato de préstamo para financiar a expropiación de terreos para construír o polígono industrial. Aprobado por unanimidade
Actualización do regulamento de funcionamento da escola infantil municipal.
Adhesión de Ribeira á Rede de cidades pola bicicleta. Desde o BNG valoramos positivamente este paso para promover o uso da bicicleta como medio de transporte non contaminante mais botamos unha maior implicación e promoción. O concelleiro, Luís Pérez, argumentou a necesidade de ampliar os carrís bici máis aló do borde litoral, establecer medidas de calmado de tráfico para garantir a seguridade das e dos ciclistas e establecer un programa de alugueiro de bicis. A proposta saíu aprobada por unanimidade
Rectificación anual do inventario municipal. Desde o
BNG, o concelleiro Xosé Vázquez, recriminou que desde 2018 non se fixo nada por recuperar os terreos públicos ocupados de maneira irregular no lugar de Couso, en Aguiño. No pleno reiteramos a demanda feita en 2017 cunha
iniciativa do BNG para recuperar o espazo público en Couso. Aprobado por unanimidade
Proposta para acondicionar un camiño no lugar dos Páramos. Aprobada cos votos a favor de BNG, PSOE, PBBI, PP e abstención de SR.
Proposta para substituír a canalización do abastecemento da auga desde Fontán a Castiñeiras. Aprobado por unanimidade
Despedida de Xosé Vázquez Cobas
O compañeiro Xosé Vázquez Cobas deixou a portavocía neste pleno pero seguirá traballando arreo polos intereses do pobo como membro da dirección local do Bloque.
Os compañeiros e compañeiras queremos agradecer o seu magnífico traballo, realizado ao longo dos últimos dez anos. Expresámoslle todo o noso recoñecemento e gratitude.
Relacionado