Ribeira terá un plan de mantemento para parques infantís, biosaudables e zonas verdes

O BNG congratúlase de que a Corporación aprobase por unanimidade a súa iniciativa e que a veciñanza levaba tempo esixindo; mellorar o mantemento de parques infantís, biosaudables e zonas verdes.



Asuntos tratados no pleno ordinario do mes de xullo de 2019:


- Proposta do BNG para a creación dun plan de mantemento continuado de parques infantís, biosaudábeis e áreas verdes: Ribeira e as súas parroquias contan cun bo número de parques infantís e áreas de lecer que presentan un estado de conservación insuficiente. Tanto o BNG como a veciñanza somos críticos coa situación na que se atopan algúns destes equipamentos que, por mor do desleixo do goberno local o seu estado de conservación é malo, polo que a primeira medida que os nacionalistas presentarán vai no camiño de solucionar este problema.


Segundo o concelleiro Luís Pérez Barral, “os parques e áreas de lecer deterióranse máis co paso dos anos sen que o PP adoptase as medidas oportunas para corrixir as deficiencias que calquera persoa atopar en elementos de xogo infantís tales como: elementos rotos, limo acumulado polo paso do tempo, suciedade, ferruxe, valos de madeira sen pintar nin vernizar, zonas de xogos sen acolchar e un longo etcétera”. Tamén nas áreas verdes hai unha falta de planificación na roza da vexetación, pois “é habitual atopar abundante vexetación que debería estar rozada para que a veciñanza poida desfrutar en condicións da área de lecer cando hai bo tempo” engadiu.


Segundo o nacionalista, o Concello de Ribeira é consciente destas eivas, pois “non é a primeira vez que o Bloque trae ao Pleno as deficiencias en zonas infantís e áreas de lecer”, senón que tamén o teñen feito veciños e veciñas a título individual e mesmo clubs deportivos, ou as asociacións veciñais como a Asociación de Veciños de Carreira, a Asociación Social e Cultural de Bandaorrío ou a Asociación de Veciños de Oleiros, entre outros colectivos.


Xogos inclusivos e maior seguridade


Desde o Bloque propuxemos crear un plan de mantemento periódico a cargo da brigada de obras e servizos e manter en bo estado o mobiliario urbano – papeleiras, bancos, mesas, varandas, etc – como a seguranza das crianzas e da veciñanza dos elementos de xogos. Alén do anterior, o BNG proporá que nos parques haxa indicacións de uso e variedade de xogos para as diferentes idades, así como zonas específicas por idades e actividades.


Por outra banda instan a que o Concello conte con parques inclusivos e adaptados para crianzas con mobilidade reducida pois defenden que estas crianzas “teñen tamén dereito a xogar en igualdade”. Por último propoñen adoptar as medidas para mellorar a seguridade dos parques que están a carón das estradas.


A proposta foi aprobada por unanimidade


> Revisión de prezos que o Concello de Ribeira destina a pagarlle a Recolte polo servizo de limpeza e recollida de lixo. Votos a favor de PP e PSOE, abstención de SM e en contra de PBBI e BNG.
En maio de 2015 o PP convocaba un pleno extraordinario a tan só 15 días das eleccións, o PP blinda o servizo privatizado por 22.406.300€ e durante 12 anos para a empresa Recolte Servicios e Medioambiente, S.A.U. cando debería ser a nova corporación quen o aprobase ou o rexeitase. Esta actuación foi aprobada cos votos a favor do PP e as abstencións de IPR e do PSOE sendo os únicos votos en contra os do BNG.


Os concelleiros/as do BNG non participaron desta decisión porque se aposta pola incineración e o almacenamento dos residuos no vertedoiro de Areosa (SOGAMA) algo que é moi contaminante e caro, xa que o ano pasado subiu o cánon que hai que pagarlle a SOGAMA por queimar o lixo.
A proposta do BNG é máis sustentable, xera máis emprego e é máis barata.
Defendemos un sistema de recollida de lixo baseado na redución, reciclaxe de residuos sólidos e a compostaxe de residuos orgánicos. Este modelo está demostrado en plantas de tratamento de residuos e compostaxe como a de Lousame, que supera amplamente a cantidade reciclada en SOGAMA. Alén da mellora ambiental, o modelo de Lousame xera abonos para terras de labranza e dá máis emprego có modelo que defende o PP.

Desde o BNG tamén criticamos que o goberno ten que facer que a empresa cumpra coas obrigas do prego de condicións do contrato xa que este ano voltan darse os problemas de contedores rebordando de lixo en moitos lugares do municipio.

> Inicio dos trámites para o rescate do aparcadoiro da praza do Centenario. Desde o BNG apostamos e levamos moito tempo esixindo a municipalización desta infraestrutura para poñela a tarifas reducidas e descontos adicionais para quen merque no comercio local. A privatización deste servizo supuxo un deterioro no seu funcionamento e un encarecemento dos prezos. A proposta de rescate foi aprobada por unanimidade


> Prórroga do contrato con “Ana Naya García SL” para a xestión da Escola Infantil Municipal de Ribeira. Votos a favor de PP e PBBI, abstencións de BNG, PSOE e SM. Desde o BNG queremos felicitar ás traballadoras da escola infantil pois todas as opcións recibidas fan referencia á súa profesionalidade e bo traballo.


Ademais unha vez lido o informe do pedagogo municipal e a memoria, é para o Bloque unha alegría constatar que se avanzou na aprendizaxe e uso da lingua galega nos materiais nas idades máis temperás, algo que sen dúbida é importante se queremos garantir a continuación da lingua propia de Galiza, o galego.

O concelleiro Luís Pérez fixo unha proposta en positivo para que no mes de maio se dedique unha semana a traballar o Día das Letras Galegas e tamén propuxo reformular os días do pai e da nai pois a nova realidade fai que haxa crianzas orfas, adoptadas, de familias moi diversas como dúas nais, dous pais ou familias monoparentais.

> Revisión de prezos que o Concello de Ribeira destina a pagar o contrato con “Ana Naya García SL” para a xestión da Escola Infantil Municipal de Ribeira. Votos a favor de PP, PBBI, PSOE, SM e abstención do BNG.

> Inicio expediente para licitar o servizo de recollida, aloxamento, mantemento e xestión do centro de recolida de cans e gatos no Concelo de Ribeira. Aprobado por unanimidade.


> Cesión dun local no Touro para que a Consellaría de Política Social faga un Punto de Encontro Famiiar. Aprobado por unanimidade


> Acordo de pedirlle a Portos de Galiza que revogue a autorización para instalar contedores nos portos de Ribeira e da Pobra do Caramiñal. Este tema tamén foi obxecto de debate no Parlamento de Galiza mediante unha iniciativa do BNG, e expresamos o noso apoio ao persoal da estiba. Aprobada unha emenda do PP cos seus votos a favor, no que fai constar un recurso de reposición e dous puntos propostos por PBBI por unanimidade.


> Demanda para mellorar o vial e a circulación no porto de Aguiño. Aprobado por unanimidade


> Mellora da transparencia e dos trámites que se poden facer a través da páxina web. Aprobado por unanimidade


Imaxe portada: Oziona

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.